BASTA DE USAR A NOSA “VOCACIÓN” PARA EXPLOTARNOS. CONFLITIVIDADE NA CRUZ VERMELLA
“Cruz Roja minte, Cruz Roja cala, Cruz Roja é unha patraña” cantaron as traballadoras da Cruz Vermella, este sábado 30 de maio, diante da oficina central da empresa na Avda. Reina Victoria de Madrid. A concentración, convocada pola CGT, reuniu ás diferentes seccións sindicais da CGT na Cruz Vermella, para denunciar a realidade laboral que sofren as traballadoras, a precariedade e o estancamento.
Cruz Vermella Española leva anos bloqueando a negociación colectiva. A imposición do salario/hora, “ese invento para non negociar con boa fe e garantías”, como o cualifican as seccións sindicais, a imposición do convenio de sector e de acordos extraestatutarios, o bloqueo radical de toda negociación ao redor dos mínimos en estrutura salarial, xornada e clasificación profesional, están a forzar as traballadoras cara a renuncias voluntarias do posto de traballo e desigualdades profundas entre persoas, territorios e proxectos.
Dirixíndose ás súas compañeiras, as sección sindicais emitiron un escrito moi expresivo, á vez que esclarecedor:
“Nós, as da atención directa, as que poñemos a Vida no centro, as que salvamos vidas nas praias, as do botón vermello… Non podemos seguir loitando contra a pobreza con salarios de miseria.
Isto non vai de quentar cadeiras nas xuntas de persoal. Isto vai dos teus dereitos, do teu frigorífico compañeira, do teu proxecto de vida. Vai da túa saúde mental e da calidade do servizo que realizamos. Vai de que os dereitos laborais tamén son dereitos humanos.
Vai de que non podemos poñer a Vida no centro se a nosa vida non ten futuro”.
Fai pouco máis dun mes, a finais de abril, a Cruz Vermella iniciaba un novo ERE, que afectaría a un total de 66 persoas traballadoras das provincias de Almería, Barcelona, Burgos, Xirona, Granada, Huelva, Xaén, As Palmas de Gran Canaria, Málaga, Salamanca e Tenerife. “É indignante que unha empresa que se considera humanitaria, con superávit, e catro meses despois do anterior que asinou xunto a UGT, diga outra vez que lle sobran mans e inicie un novo proceso de ERE”, denunciou daquela a CGT.
Cruz Vermella esquécese de cumprir os dereitos das traballadoras de “esta entidade humanitaria que, unha vez máis, actúa en contra das persoas que cada día traballamos defendendo os principios da mesma”, declaran dende a Sección Sindical Estatal de CGT na Cruz Vermella. Denuncian tamén a deriva que está a tomar a dirección con ERES cuadrimestrais, unha negativa e bloqueo da negociación colectiva, un continuo desgaste do persoal, alén da incerteza e a ansiedade polo futuro laboral. A isto súmase a imposibilidade de desenvolvemento e carreira profesional. Tamén o “burnout”, o esgotamento físico, mental e emocional crónico derivado do estrés laboral continuado, que afecta a gran parte das traballadoras, como tamén a imposibilidade de conciliar a vida familiar, “As traballadoras de Cruz Vermella loitamos contra a pobreza con salarios de miseria, mentres os altos cargos e directivos da entidade reciben salarios obscenos, os cales non se publican deixando de lado a transparencia; e son, ademais, un gran lastre tanto para nós como para as usuarias”.
Ante esta situación a Sección Sindical Estatal decidiu que “o camiño non pode ser outro que a loita e a organización”, aínda que esta loita non comeza agora. A finais do ano pasado a Cruz Vermella tamén desclasificou o dereito de folga da súa Visión, Misión e Principios. As traballadoras do CAS Lluís Companys de Barcelona iniciaron unha folga indefinida o 28 de novembro de 2025. A empresa enseguida rompeu as negociacións co comité de folga e aplicou uns servizos mínimos superiores aos que ditaminara a autoridade laboral, tamén realizou cambios organizativos durante a folga para restar efectividade á mesma e contratou a persoas externas co fin de cubrir os postos de traballo vacantes pola folga. Por todo isto, e tras a denuncia da CGT, a Inspección de Traballo sancionouna por vulneración grave do dereito de folga.
As reivindicacións da CGT son claras. A Negociación de Convenios propios xustos, dignos e negociados por e para as traballadoras. A mesmas funcións, mesmo salario e mesma xornada laboral. Reclasificación profesional con criterios claros e sen arbitrariedade na súa aplicación. Recoñecemento real da experiencia por funcións. Transparencia na publicación das convocatorias con prioridade ao persoal interno e en igualdade condiciones. Cubrir as baixas laborais, os permisos e excedencias.