VII Época - 116

A NOSA SAÚDE LABORAL NON PODE ESTAR EN XOGO. CGT PRESENTA O INFORME INICIAL SOBRE DESGASTE E CONDICIÓNS DE TRABALLO DO PROFESORADO ANDALUZ

A Federación de Ensino de CGT Andalucía (FASE) presentou, este 25 de xuño, na súa sede de Málaga capital os demoledores resultados do Informe inicial sobre desgaste e condicións de traballo do profesorado andaluz. Os resultados da enquisa foron presentados nunha rolda de prensa convocada por CGT Ensino Andalucía, froito do traballo colectivo desenvolvido por compañeiras e compañeiros da organización. Moisés Gaona, portavoz de Acción Sindical (FASE) e Fernando Cobos, Secretario Xeral da Federación de Ensino de CGT, desglosaron de forma pormenorizada unha radiografía estatística que supera o milleiro de participantes da educación pública non universitaria e que os representantes cualificaron como “unha crise de saúde laboral estrutural e sistémica”.

Baixo o lema central do informe, “O profesorado andaluz non pide privilexios. Pide tempo para ensinar, recursos para atender ó seu alumnado e condicións que lle permitan exercer a súa profesión con dignidade”, Fernando Cobos e Moisés Gaona demostraron que o esgotamento docente non se debe ao acto directo de ensinar, senón ás condicións hostís impostas pola “Consejería de Desarrollo Educativo”. Os datos das preguntas pechadas guindan indicadores críticos: un 60% do profesorado andaluz atópase desgastado e o 75% afirma que nos últimos anos este desgaste disparouse, sinalando como principais fontes de asfixia o exceso de burocracia (65%), a atención ao alumnado NEAE sen recursos suficientes (41%), as ratios elevadas e a presenza de condutas disruptivas continuas (37%).

Durante a presentación, Moisés Gaona fixo especial fincapé na perda de autonomía nas aulas en favor do control dixital invasivo. Un 45,73% das enquisadas denuncia a obrigación de xustificar continuamente as súas decisións docentes, mentres que un 41,87% sofre a presión burocrática directa a través de ferramentas de fiscalización como a plataforma Séneca, xerando unha contradición frontal entre as esixencias administrativas e os criterios pedagóxicos reais (38,57%). Neste sentido boa parte dos participantes manifestan recibir moita presión de parte de equipos directivos e inspección educativa, que contribúe ao desgaste e malestar docente.

Pola súa banda, Fernando Cobos alertou sobre as graves consecuencias psicosociais e democráticas nos centros. A sobrecarga laboral actúa como un elemento desactivador da protesta: o 39% dos docentes manifesta dispoñer de moi pouca enerxía ou ningunha para a organización colectiva, alimentando unha crise de confianza onde o 60,79% sente que organizarse “non serve para nada” debido ao individualismo, o illamento e a extenuación psicofísica.

Na Formación Profesional (FP), o profesorado rexeita de forma tallante o actual modelo de FP Dual, denunciando niveis de burocracia superiores á media e unha mutación forzosa do seu rol, pasando de docentes a “comerciais-xestores” obrigadas a mendigar prazas en empresas privadas.

No Ensino Infantil (0-3 anos), o sector denuncia unha precariedade extrema e esixe o recoñecemento pleno como etapa educativa real, demandando unha mellora urxente dos seus salarios, cocientes e un calendario laboral abusivo.

O Profesorado Interino esixe o fin inmediato do abuso da temporalidade conforme a normativa europea e propón a comarcalización das peticións de destinos para mitigar os elevados custos económicos e o desarraigamento da mobilidade forzosa provincial actual.

CGT Ensino concluíu denunciando a hipocrisía da administración, sinalando que “non pode promoverse o benestar emocional do alumnado ignorando de forma sistemática a deterioración da quen ten a responsabilidade de educalo”. O sindicato advirte que a solución das aulas non pasa por decretos cosméticos, senón por unha simplificación administrativa radical, a baixada xeneralizada das ratios (esixida como medida prioritaria polo 54,18% do profesorado) e un aumento estrutural de persoal especializado (Orientadores, PT e Ao).

Finalmente, os portavoceiros anunciaron que trasladarán estes datos de inmediato á Consejería e que, seguindo o exemplo de vitorias sindicais noutros territorios, promoverán as mobilizacións colectivas na rúa en canto as asembleas de traballadores ratifiquen que o profesorado andaluz dixo basta.

Larri. Fonte: Federación Andaluza de

Sindicatos de Enseñanza

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *