DA FOLGA Á REVOLTA
Se ben, a política dos partidos é unha farsa, esta alcanza a súa plenitude nos períodos de campaña electoral. Asi a todo, a procura do voto de persoas con certos sentimentos ou emocións pode ser terrible, os feitos esquécense ou falséanse e apelase directamente a esas emocións creadas polo empresariado máis reaccionario a través da manipulación política. A recente campaña electoral israelita foi especialmente inexorable. Con elementos comúns a calquera democracia contemporánea, Netanyahu estivo facendo chamamentos con información falsa a través das redes sociais e incluso sementou a sospeita dun fraude electoral ou intentos de ilegalización de partidos, o certo é que o bloque opositor liderado polo partido Yashar! e o seu líder Gadi Eisenkot, xefe do estado maior ata fai ben pouco, traballou para “facer realidade os desexos de millóns de israelitas. Somos unha boa alternativa para o pais e traballarei cos meus compañeiros para que os desexos da poboación se fagan realidade, para formar un goberno de coalición. Será un goberno democrático e sionista que respecte a constitución” segundo declarou o mesmo Eisenkot. Un elemento central da campaña foron as mellores aptitudes, tanto duns como de outros, para garantir a seguridade, é dicir, seguir igual, democracia, colonialismo, xenocidio e guerra. As eleccións conseguiron unha alta participación, rozando o 80%, polo que podemos presumir a transcendencia para aquela poboación entre que os goberne Netanyahu ou Eisenkot, este último, un dos principais ideólogos da chamada doutrina Dahiya, á que deu nome a destrución do barrio homónimo de Beirut en 2006, doutrina que avoga polo bombardeo sistemático e desproporcionado de amplas zoas civís como represalia a calquera acción da Resistencia Palestina. Dous días antes da xornada electoral, o luns 26 de outubro, un informe da ONU determina que o xenocidio segue tendo lugar e subliña a intención especifica de destruír, en todo ou parte, á poboación palestina, o uso de violencia sexual e de xénero e os ataques deliberados e persecución á infancia. Os feitos superan, como sempre, o previsible.
Salvando as distancias, que son moitas e non só quilométricas, a disolución das cortes, o paso a un goberno case en funcións e o anuncio da data de eleccións no estado español coincide coa convocatoria dunha folga xeral centrada no problema da vivenda. Implacablemente, o secretario xeral do PSOE volve a amosar a súa destreza como estadista. Semella que o espectáculo ponse en funcionamento para que todo siga igual, sen embargo, as rúas énchense con vivas á loita da clase obreira. Semella, por outra banda que renace a conciencia da condición colectiva de pertenza á unha clase como elemento transformador. Pode ser que, seguramente, o anarcosindicalismo enchoupou a loita pola vivenda debido a participación, de base e sen manobras de fagocitación, da CGT e da súa afiliación dende fai décadas, na okupación, nas iniciativas de cooperativas en cesión de uso ou nos sindicatos de inquilinas. A mobilización escala e acór-dase que é o momento de con-vocar a folga. Conséguese, e isto é inaudito, unha convocatoria unitaria a nivel estatal que ameaza con parar realmente a produción. Os sindicatos da CGT dan por boa a data e póñense a traballar e axitar. A CGT de Galicia implícase cunha convocatoria propia onde subliña “a depreciación do salario e o empobrecemento das persoas traballadoras que implica en relación co custo de vida e da vivenda”, e que “o aumento do custo de vida, o aumento da cesta da compra e o aumento desmedido do prezo da vivenda e o seu acceso, leva imperativamente a realizar esta folga xeral”. Feitos que son verificables, e así o amosa, resumidamente, a convocatoria, con datos reais.
Sen embargo, hai outros feitos que animan á convocatoria. Dende CGT temos certa experiencia, levamos convocadas dúas folgas xerais por Palestina que aínda que non pretendían parar a produción, sí conseguiron axitar e interpelar á clase obreira. Dese proceso mantemos as alianzas, as complicidades e a ximnasia da protesta. E por outra banda… renace a dignidade da loita. Fronte ao pesimismo de encamiñarse cara o desastre sen que sexamos capaces de evitalo, fronte aos nosos intentos desesperados de chamamento á conciencia, ao mesmo tempo que a Orquestra do Novo Mundo toca na Praza da República de Paris entre os gases lacrimóxenos, a luz do lume que arrasou co edificio do axuntamento de Limoges desvelou unha rebeldía latente, superando o previsible. Esa imaxe, a máis fermosa producida polo ser humano que teño visto en anos, pode converterse nun símbolo, nun signo. Será, como di parte do estudantado francés, que marca o comezo do abandono da época contemporánea que sufrimos? Non o sabemos, pero a folga xeral do 11 de novembro estará iluminada por esa luz reveladora.
Descartada para este 11N a pretensión de toda folga xeral de facer tambalear ao goberno, quédanos a de facer tambalear ao sistema. Esto ten moitos fíos, moitas faíscas, pero no que se refire aos conflitos colectivos, a CGT de ABAI leva o enfrontamento coa patronal, substancial a calquera folga, ao seu terreo de acción. Un comunicado estatal da CGT en ABAI co título “A folga do 11N tamén é contra ABAI” emitido xa o día 20 de outubro, exemplifica o porque e para que un sindicato convoca unha folga. Por suposto, unha das razóns é que o persoal de calquera empresa poida enfrontarse a quen o explota directamente. Sen esquecer a imperatividade da convocatoria, como di a CGT de Galicia, o comunicado de ABAI lembra que “na folga do 11N conflúen moitas das problemáticas que afectan á clase traballadora. Por unha banda, o encarecemento do custo da vida: a vivenda, os alimentos, os servizos básicos e a enerxía. Por outro, a acumulación de riqueza en mans dos grandes empresarios e dunha elite de rendistas”, mais subliña de xeito preciso “Empresas como ABAI basean o seu negocio na explotación de xs traballadorxs. Por iso, a folga do 11N tamén é unha folga contra a mafia que está a cargo da compañía”.
Aínda que con circunstancias diferentes, a situación en ABAI replícase en calquera outra empresa, “e sóbrannos os motivos para parar” apercibe o comunicado. Así, enumera uns porques que calquera traballadora pode identificar:
“Porque se negan a negociar unha subida salarial.
Porque se negan a actualizar os incentivos en función dos prezos dos produtos e as tarifas.
Porque recortan as retribucións variables.
Porque intentan estafarnos cada mes cos incentivos.
Porque recortan a formación.
Porque se opoñen aos avances en dereitos que propoñemos desde a CGT.
Porque boicotean o Plan de Igualdade.
Porque se burlan dxs traballadorxs nas mesas de negociación.
Porque converten a negociación colectiva nun paripé.
Porque impiden a reincorporación das compañeiras en excedencia voluntaria.
Porque deslocalizan os servizos.
Porque intentan baleirar o centro de traballo.
Porque manipulan as chamadas.
Porque nos enferman.
Porque non nos deixan respirar.
Porque, porque, porque… Sóbrannos os motivos!”.
Non esquecen tampouco a corresponsabilidade das corporacións sindicais “Porque sabemos que o convenio colectivo asinado por CCOO e UGT é unha merda”. Certamente, que as corporacións sindicais que ano tras ano, convenio tras convenio, se logran renovalo, acepten con complicidade as condicións da patronal, é outra característica de esta folga, sumada á imposibilidade de presionar ao goberno, que nos leva á CGT a poñernos ao fronte para levar a folga á revolta, en vez de onde estas corporacións queren. A CGT en ABAI distingue con pericia “Pero iso non impide que a dirección se sente a negociar melloras salariais e laborais. Se se nega a facelo, é porque lle interesa manternos afogadxs economicamente mes tras mes, mentres os seus beneficios seguen crecendo a costa do noso traballo e o noso sufrimento. E iso non o podemos consentir. O 11 de novembro sóbrannos os motivos para parar. Sen nosoutrxs, a empresa non vale nada: somos xs traballadorxs quen xeran a riqueza, mentres quen se apropia dela son auténticos parasitos”.
Finalmente o comunicado esixe a ABAI: “Que se sente a negociar unha subida salarial. Que revalorice os incentivos. Que cumpra dunha vez a sentenza sobre os festivos. Que negocie medidas reais para o Plan de Movilidad Sostenible. Que garanta campañas estables. Que respecte os dereitos de conciliación”.
