VII Época - 52

INAUGURACIÓN DO NOVO LOCAL DA FEDERACIÓN LOCAL OBREIRA DA CGT NA CORUÑA

O pasado sábado, día 23, tivo lugar a inauguración do novo local da CGT da Coruña. Congregáronse preto de 100 persoas que, desde as 12:30 horas gozaron dos actos que se programaron e, como non, da compaña mutua. O acto comezou cunha presentación a cargo da compañeira Rocío, que deu paso ás distintas intervencións. Entre estas estiveron as da Secretaria da Muller e o Secretario de Finanzas do confederal, en representación da organización, mailo Secretario Xeral da CGT de Galicia, que saudaron á concorrencia e auguraron as virtudes das novas instalacións, tanto para a organización coruñesa como para a clase obreira en xeral. Despois falaron Montse e José Pedro, da Federación Local Obreira da Coruña, cuxas intervencións reproducimos a seguir:

A primeira intervención

Hai xa máis de 150 anos, á calor das novas que chegaban sobre a fundación da Primera Internacional, en 1871, as sociedades obreiras locais constituían na Coruña a Federación Local Obreira, un organismo proletario que acollía ás organizacións de tendencia antiautoritaria da cidade.

A Federación Local Obreira crecería rapidamente e axiña se viron na necesidade de buscar un local que dese abeiro a unhas organizacións cada vez máis nutridas. Os locais sindicais estaban espallados por toda a cidade e precisaban dun local digno que respondese ás necesidades cada vez máis importantes de espazo e servizos comúns, como por exemplo a imprenta ou a escola, unha das actividades máis utilizadas polos traballadores da época. A decisión tomouse pronto, e antes de terminar o século XIX xa se acordara a construción dunha Casa Sindical para a Federación Local Obreira da Coruña.

Conseguilo non ia ser doado. A Federación Local comezou a recadar fondos, pero a imprescindible atención aos múltiples represaliados (despedimentos ou cadea en moitos casos), cando non aos familiares de mortos en folgas ou en accidentes laborais, facían que os fondos para a Casa Sindical se utilizasen prioritariamente nestas continxencias. Se a isto lle engadimos os continuos períodos de ilegalizacións e clandestinidade, temos o resultado de que a recadación, incluso das cotizacións, era unha tarefa moi complicada. O exemplo da folga dos consumeiros en 1901, con nove mortos, ducias de inválidos e condenados a cárcere e a desterro, é paradigmático desta dificultade para levar adiante o proxecto da Casa Sindical.

Namentres, a Federa-ción Local Obreira se-guiu reorganizándose ao ritmo que marcaban os novos tempos e en 1910 as súas sociedades obreiras participaron na fundación da CNT, mantendo a súa inde-pendencia orgánica e renovando o seu an-helo de acadar a Casa Sindical.

Tras a ilegalización da Federación no período da ditadura de Primo de Rivera, coa chegada da República, retomouse a iniciativa unha vez máis e, finalmente, conseguiuse mercar unha finca ao concello da Coruña, con fondos exclusivos da Federación Local Obreira, entre as rúas Federico Tapia e Pardo Bazán. Fixéronse festivais, rifas, aportacións extraordinarias e, finalmente, comezaron os traballos da ansiada Casa Sindical. En 1936, xa estaba construído o baixo e o primeiro piso.

Pero en xullo de 1936, Franco e os seus secuaces intentaron un golpe de estado e provocaron o que se chamaría Guerra Civil Española. A resistencia coruñesa, desarmada, non puido facer nada fronte ao exército e a Casa Sindical foi ocupada polos fascistas a pesar da defensa que uns poucos fixeron. Ata os mineiros de San Fiz e Noia, que viñeron reforzar aos traballadores coruñeses, tiveron que dar volta cando se atoparon cos falanxistas ocupando o edificio fortemente armados.

Comezaba o período máis negro da nosa historia e a Casa Sindical pasaba dun sono a ser un pesadelo, aldraxada polas botas do fascista sindicato vertical que a ocupou durante case corenta anos. Emporiso, a memoria do esforzo e a ilusión que a clase obreira puxera no proxecto non se esqueceu. Nos últimos meses da ditadura, novas xeracións de militantes, con aqueles veteranos que puideron sobrevivir ao fascismo, comezaron a reivindicar a devolución da Casa Sindical aos seus donos, e esta idea sería crucial para a recuperación da Federación Local Obreira (naquel momento vinculada á CNT) do local roubado.

Morreu o ditador e legalizáronse os sindicatos. A reivindicación do patrimonio sindical era constante e, ante o silencio do goberno, un día de 1984, un grupo de xoves militantes da Federación Local Obreira ocuparon un dos andares na antiga Casa Sindical. Durante anos, o Estado non considerou legal esta ocupación, pero nunca foron desaloxados. A Federación Local Obreira recuperara, de feito, parte da súa querida Casa Sindical. Mentres, no eido organizativo, a Federación Local Obreira, pasaba da CNT á CGT, tras uns anos de querelas e disputas internas.

Pero non acabou aquí a peripecia. Un construtor oportunista e ladrón, un alcalde sen escrúpulos e uns sindicatos sen ética repartíronse o patrimonio sindical e aceptaron a interesada declaración de ruína do edificio. De pouco valeu que todo este proceso se declarase ilegal polos xuíces, xa que conseguiron que o edificio se derrubase e se repartise o botín entre todos eles antes da sentencia xudicial. A democracia conseguira derrubar un símbolo do movemento obreiro que nin mesmo Franco se atrevera a botar abaixo. Novamente a Federación Local Obreira estaba sen local propio.

Non importaba. A militancia tiña claro que era a súa obriga a consecución dun local sindical no que se puideran atender axeitadamente as necesidades dos novos momentos que se vivían. Era ademais unha débeda con toda aquela militancia, a que aínda estaba e a que xa non, da que se recibira a testemuña e relevo, unha débeda que había que asumir e pagar.

E así chegamos a hoxe. A Federación Local Obreira, coa axuda da CGT, pero con fondos maioritariamente propios e sen ningún tipo de ingreso salvo as cotas sindicais, conta hoxe cun local onde se pode continuar a loita obreira coa maior dignidade posible. Aínda non é a Casa Sindical que soñaron e proxectaron os nosos antecesores, pero todo se andará. Uns locais a disposición do pobo traballador coruñés abertos a todos e todas.

Grazas pola vosa presenza.”

A segunda intervención

“Pasou moita militancia pola Federación Local Obreira, tanto na CNT primeiro como pola CGT despois. Non toda está nos libros de historia ou aparecen nun monumento ou memorial no que se lles recorde. Algunha afiliación so se soubo dela o día da alta no sindicato e o día en que o banco deixou de pagar as súas cotizacións, sen causar nin un gasto nin preocupación ningunha. Sen embargo, sería inxusto que un grupo deses compañeiros e compañeiras, comprometidos fortemente co sindicato e co anhelo común da recuperación da Casa Sindical, fose hoxe esquecido. Por iso, e porque é de xustiza que os seus nomes soen hoxe en alto neste acto, pasamos a recordalos brevemente.

Roberto Rodríguez García

Robertiño iniciou a súa militancia no outro exilio, na emigración en Alemaña, onde marchou traballar moi novo, nos anos 60. Cando volveu, trouxo con el dúas mochilas complementarias: a conciencia libertaria e a conciencia antifascista. Aínda recordamos como se refería a Fraga co sobrenome do “Porco con tirantes”. Era un home calado e inimigo das disputas. Se ías con el de piquete a un polígono, mentres os demais discutíamos que facer, Roberto xa estaba el solo atravesando pedras na estrada. Así era Robertiño. Unha maldita enfermidade fixo que deixara de ser el antes de tempo.

Pedro Galán Orro

Afiliouse á Federación Local Obreira pouco despois da reconstrución. Home vehemente e sanguíneo, discutidor infatigable. Pedro e un pequeno grupo de militantes conseguiu levar adiante o conflito máis longo e complicado que a CNT da Coruña tivera nas mans, como consecuencia de terse presentado ás eleccións sindicais en contra doutros sectores confederais. Ese conflito foi o de Sidegasa, que foi célebre polo abaneo que recibiu o coche do vicepresidente Guerra nas mans dos traballadores.

Mar y Luz Villaverde Otero

Mariquiña Villaverde afiliouse en canto tivo noticia da reconstrución da CNT. Era a filla do que fora secretario xeral da Confederación Rexional Galaica durante a República, José Villaverde, que fóra paseado e asasinado polo franquismo. Para os xóvenes militantes dos anos 70, Mariluz era a referencia viva que nos unía á vella militancia que sufrira a represión franquista da forma máis directa e cruel. Foi tamén, unha referencia no proceso da recuperación de memoria histórica, colectivos cos que sempre tivo a xenerosidade de colaborar.

Teresa Vázquez Arias

A compañeira Teresa, Marité, estivo poucos anos na Coruña, pero foron suficientes para gañar o aprecio da militancia do momento. Cando chegou aquí xa a coñecíamos por ter sido secretaria xeral da CGT da Galicia, pero antes o seu compromiso a levara a lugares como Nicaragua, a colaborar coa revolución sandinista, hoxe votada a perder. Dicía Teresa “Eu de cativa quería ser home, ata que me din conta que non era iso, senón que o que quería é poder facer o que facían os homes e eu non podía, pero sen deixar de ser muller”.

Ángel Fernández

Angelito era panadeiro na Universidade Laboral. Membro das Xuventudes Libertarias, xa era aprendiz no ano 1936 e contaba aos xóvenes militantes da reconstrución como se anunciaban as folgas xerais durante a República: a través das sirenas dos barcos do porto e a través dos petardos que eles colocaban nos fornos no pan e os facían saltar. Angelito era un home, sempre con boina, gabardina e paraugas, que gustaba de falar coa xente nova, pero que non intentaba usar a idade ou a experiencia como factor de autoridade.

Alfonso Fandiño Ricart

Afiliado á CNT de Compostela desde moi novo, como toda a súa familia, Fandiño chegou á Coruña nos anos 70 despois dunha peripecia vital azarosa. Na Guerra fuxiu a Asturias, onde se enrolou no Batallón Galicia, a onde foron parar todos os cenetistas galegos que conseguiron fuxir da represión na nosa terra. Tras a caída de Asturias, seguiu combatendo ata que, ao final da Guerra, foi feito prisioneiro e acabou no centro de concentración de “Los Almendros” en Albatera. Desde alí conseguiu que varios curas de Compostela o avalasen para saír, xa que era pintor de imaxes de oficio. Cando o deixaron saír coa condición de volver a Compostela fuxiu e recalou en Barcelona, onde seguiu militando no Sindicato da Construción nos anos corenta ata que, finalmente, foi para ao exilio francés, rematada a Guerra Mundial. Alí estivo anos militando ata que, como dixemos, nos anos 70 voltou a Coruña. Era Fandiño un home polemista e polémico, non só no seo da organización, senón en calquera foro no que aparecía. De iso sabían moito no Ateneo da Coruña, do que era asiduo e incómodo visitante.

Manuel Vázquez Sampayo

Sampayo era un vello militante das Xuventudes Libertarias do 36, que se achegou a colaborar na reconstrución da Federación Local Obreira en momentos difíciles, como foi o desaloxo da Casa Sindical. Sampayo militaba activamente e nos anos 40 foi parar á cadea por formar parte dos grupos que estaban reorganizando o sindicato coa expectativa de que a derrota dos nazis tamén levara detrás unha derrota do fascismo en España. Era Sampayo un home que aceptaba de bo grado a inexperiencia e empuxe dos xóvenes libertarios dos 80, aínda que sempre defendía a súa opinión da unidade das organizacións proletarias no posible.

Francisco Seoane Iglesias

Era Seoane un home invidente que, a pesar de vivir na outra punta da cidade, se pasaba polos locais asiduamente para falar coa xuventude. A súa teima era a formación, cuestión que defendía a tope diante doutras prioridades orgánicas. El era autodidacta e colaborou na recuperación da Casa Sindical ata o final.

Enrique Fernández

Cando comezou a Guerra na Coruña, os mineiros de San Fiz e Noia chegaron á Coruña e intentaron recuperar a Casa Sindical, xa ocupada polos fascistas. Entre aqueles valentes estaba Enrique Fernández, un rapaz de 16 anos, que, co resto dos compañeiros, tivo que fuxir da cidade. Durante anos viviu con nome falso e co tempo, acabou recalando novamente nesta cidade. Cando a reconstrución da Federación Local Obreira, alí estivo el. De Enrique foi a iniciativa de botar adiante o primeiro Ateneo Libertario local da chamada transición e tamén foi activo colaborador na recuperación da memoria no referido ao monumento erixido ás vítimas da represión pola folga xeral de 1901 na Coruña.

Moitos máis

Como diciamos ao principio, moita máis militancia ten colaborado para a recuperación da Casa Sindical, da que hoxe é un pequeno paso. Toda unha xeración tiñamos unha débeda con aquela militancia perseguida e asasinada que iniciaron este camiño. Repetimos, os seus nomes non están en ningún monumento e seguramente tampouco nos libros de historia, pero son merecentes que se digan en voz alta nun acto tan salientable como o de hoxe.

Grazas a todas e todos e arriba os corazóns.”

Conclusión

Unha vez pechado este acto, as persoas invitadas fixeron unha pequena visita polos novos locais para coñecelos. Nunha das salas instalouse a exposición “Mujeres Libres”, confeccionado pola CGT de Pontevedra, consistente nunha serie de paneis explicativos sobre aquela singular organización de mulleres, que foron amplamente comentados.

A continuación, celebrouse un pequeno refrixerio dentro dos locais, co que os asistente pasaron un tempo de esparcimento e confraternidade, que foi amenizado coa actuación musical do grupo Pan de Millo.

En definitiva, foi un día alegre para a CGT da Coruña, que consegue, por fin, cumprir un dos soños como organización: conseguir unhas instalacións dignas para a actividade sindical e social.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *