VII Época - 116

INTERVENCIÓN DE CGT NA MESA REDONDA SOBRE A CRIMINALIZACIÓN DOS MOVEMENTOS SOCIAIS

O pasado venres, 26 de xuño, tivo lugar a mesa redonda, organizada pola CGT de Pontevedra xunto a Ecoloxistas en Acción e Amnistía Internacional, sobre a criminalización do eco-activismo e dos movementos sociais, co título “Submisión ou Castigo”. Como ven sendo habitual neste tipo de actos, a asistencia foi reducida, sen embargo respirouse complicidade e solidariedade entre as organizacións presentes como no público asistente, que aportou opinións e temas que as tres poñentes non tocaran.

No salón de actos do Edificio sindical pontevedrés comezou a mesa redonda coa intervención da CGT. A exposición centrouse en primeiro termo na crítica ao Estado e ás súas institucións como sistema baseado no castigo. En si, o castigo é a resposta máis estendida ante calquera comportamento que se saia da norma, contra a protesta, a oposición a inxustiza e, sobre todo a insubmisión. Así como o control é o primeiro paso para a represión e o castigo, o ensino público e obrigatorio inicia ás persoas, cando aínda son crianzas, na submisión e o castigo. Defendeuse que o ensino, en vez de garantir a igualdade entre as persoas e dotalas das ferramentas e coñecemento para a súa emancipación, exclúe e selecciona. Selecciona as persoas mellor adestradas para exercer obedientemente os traballos e tarefas necesarias para a perpetuación do sistema. Mentras as crianzas comezan a percibir o mundo que lles rodea o ensino ocúltalles as desigualdades económicas, políticas e sociais. Tamén aclarouse que o ensino basease nun método de premio e castigo, aprobado ou suspenso, clasificación da conduta, boa ou mala, e nun réxime disciplinario alleo ás crianzas e deseñado por unha elite.

De todos xeitos, xa sexas expulsada do ensino, fuxiras ou gastaras unha fortuna en masters, a seguinte etapa é o traballo asalariado. É entón cando impónsenos a alienación e sufrimos a anulación da nosa personalidade para converternos en súbditos dos intereses da empresa, do teu xefe, do teu superior. Sinalouse o carácter autoritario e xerárquico do traballo asalariado edificado sobre o castigo e a represión para poder manterse. Apuntouse como, se ben nun principio os dereitos laborais foron conquistados coa loita obreira, o Estado e o Sistema Parlamentario van metamorfoseando os dereitos en leis para garantir o capricho, a prepotencia, a inxustiza e a submisión á orde empresarial coa ameaza e o castigo. O castigo por excelencia, o despido, está baseado na mentira como causa que supón o despedimento improcedente, legalizando así o despido libre.

O aliñamento entre estado e patronal, a utilización do estado como ferramenta da orde do privilexio, non só está nas leis, tamén en quen ten que aplicalas. Como dixera Adrián, o compa da sección sindical de CGT en Abai Coruña, “Creo que a ninguén se lle escapa que tanto a nivel xudicial como a nivel da autoridade laboral existe claramente un sesgo de clase. É dicir, son xente, funcionarios de rango alto, de clase alta, que moitas veces non entenden nin son capaces de empatizar coa situación que viven, que vivimos, as traballadoras que estamos extremadamente precarizadas. Respecto da autoridade laboral e da inspección de traballo na Coruña é unha inspección que sempre traballa a favor da empresa”.

Como exemplo totalmente clarificador nomeouse o dereito á folga. Non é necesario nomear a cantidade de folgas na que se detén e criminaliza a folguistas, se lles multa ou incluso se lles pena con prisión. Na CGT e no sindicalismo en xeral, sufrímolo dende fai séculos e segui-mos sendo un dos principais obxectivos do dereito penal e da policía, á orde do poder patronal nunha conxura per-manente. Facendo fincapé na última actuación policial, denunciada polos compas da CGT de Ferrol en folga por un convenio digno no metal, onde a policía mallou ás folguistas e excedeuse con clara intención de provocar, de-nunciouse á institución policial por provocativa, represora e criminalizadora. Seguidamente introduciuse o despropósito das “6 de la Suiza”, á conxura policial, política e xudicial que encarcerou ás 6 e o perigo para á clase traballadora dunha sentenza que senta xurisprudencia para penar con cárcere o exercicio do dereito de reunión e manifestación.

Chegouse entón á Lei Mordaza que co esperpéntico nome de “Lei de protección da seguridade cidadá”, leva 11 anos acalando o malestar social coa represión e a criminalización dos colectivos e organizacións que se mobilizan fronte a inxustiza e o fraude das políticas e leis do Estado, co consentimento dos sucesivos gobernos do PP, PSOE, Podemos e Sumar sen que incluso ningún outro partido parlamentario establecera unha liña vermella sobre a lei para calquera acordo, de investidura ou outro. Expuxéronse dous exemplos xa tratados en La Campana, o da protesta no IFEMA contra a Feira de Armas de Madrid e o dos 6 de Zaragoza.

En fin, todos eses castigos, onde poderosas conxuras, buscan a submisión de todas nós cara un futuro que se percibe catastrófico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *