O TEATRO COMUNITARIO DE REDONDELA PON EN ESCENA “ARDE WOKE”
As postas en escena do Teatro Comunitario de Redondela veñen sendo concibidas para asistir a algo excepcional. Sen embargo, ás dúas funcións da obra “Arde Woke”, representadas o 13 e 14 de xuño, derrotaron ao feito de asistir para vencelo cunha comuñón colectiva, mellor aínda, comunal. Cun teatro feito por e para a comunidade, pulverizouse a barreira que separa público de escenario coa maxia á que aspira a arte en vivo.
Bebemos o segredo de Eleusis en finas copas de Bohemia e esperpento no medio dun lume que o arrasou todo. Quizais este podería ser o spoiler da obra, o espertar, o xogo.
Como a lectura de Esquilo, o pai da traxedia, a maxia resulta incluso máis esclarecedora e auténtica cando se pecha o libro con frecuencia, é dicir cando Arde Woke regresa ao pensamento. Cando Esquilo escribiu ás súas traxedias, ninguén pode sabelo, quizais lera unhas pequenas táboas con algún monólogo da recén estreada traxedia de Frínico, algunha reflexión de Tespis, posiblemente sabíase de memoria Homero. E eso era todo, o resto tiña que ser creado. Si, nese vacío existía un poema sumerio-acadio sobre o medo á morte dun tal Gilgamesh, pero sobre todo a tradición oral e os ritos, o mortuorio en primeiro término, e o nupcial. Como defende Kadaré, o gran escritor albanés, estes ritos “constituíronse na primeira escola de educación estética. A alegría, o arrepentimento, o pesar, o rapto da noiva, a exaltación, a vinganza polo morto, o furor, estaban todos alí, reunidos nunha reducida superficie, case un escenario…nun ambiente cargado de turbación, de ebriedade, de drama”. Non é de estrañar que a Esquilo se lle acusara de revelar os segredos de Eleusis, onde naceu, do mesmo xeito que Arde Woke esperpentiza á falsidade da actual sociedade do espectáculo capitalista na cancelación woke.
Polo contrario, a aquelas raves sagradas que foron as festas dionisíacas, non lles resultou difícil que as proclamaran nais da traxedia polo que tiñan en común coas súas fillas, as comedias musicais. Nietzsche, ese reputado inconformista, aínda que recoñecera que toda arte nace antes que nada do sufrimento, non soubo captar o desaforo de que a orixe dionisíaca conduza a arte festiva, separada solo un paso da arte oficial, é dicir, do conformismo extremo. Este desmán tamén o esperpentiza Arde Woke, seguindo a inspiración en Luces de Bohemia que é recoñecida ao principio da representación, cando aínda era posible que algún móbil indesexado puidera soar en enemistade coa revelación eleusiana/extática na que nos introducía Artemisa, a portadora do facho eleusiano, recitando a Ruben Darío.
Pero deixemos o intento de descifrar os segredos eleusianos e aceptemos o inconformismo Nietzchiano, a categorización en arte dionisíaco, o extático e guiado pola paixón, e arte apolíneo, o que aspira á beleza e ao sublime. Do mesmo xeito que no mural de DaVinci “A derradeira cea”, o apolíneo en Arde Woke tamén está representado pola traizón e os movementos da alma e tecnicamente co punto de vista da iluminación, integrando as sombras e escuridade onírica da obra de Valle.
Coa fidelidade á substancia teatral, a traxedia, incluso ás súas danzas e coro, e a xenialidade do esperpento de Valle-Inclán, Arde Woke revélanos outro vacío, o do Almorzo Espido do exterminador da palabra, William Burroughs. Como dixo Kerouac “O Almorzo Espido representa un instante xeado no que todos ven o que hai na punta dos seus garfos”, a crueza, a paranoia e a revelación que ocorre ao enfrontar a realidade sen ningún tipo de filtro, como a visión despois dun incendio que o arrasou todo.
Arde Woke non distingue entre arte e vida, reclama e pertence a toda esa tra-dición cultural que se en-fronta á alienación e a domesticación. A inercia daquela xesta da Comuna de París, o derrubamento da fachendosa Columna Vendôme, símbolo da ti-ranía napoleónica, alcan-za a Max Estrella para erixir no seu lugar, unha acertada e modesta homenaxe comuni-taria á esencia do teatro Redondelán e á arte titiriteira.
Pero por hoxe xa chega, deixémolo aquí, cunha última divagación. A arte, por sí mesma, non pode transformar á sociedade, nen sequera aquela morte que cantaba Eskorbuto “O presente é un fracaso e o futuro non se ve” era allea ao movemento social, todo o contrario acompañábao. Ese é o gran anhelo da arte social, acompañar a rebelión. Sen embargo, Eskorbuto non só constataba unha realidade, senón que anunciaba a negación do futuro. Arde Woke tamén ten o poder e a forza do visionario e quizais, moi ao fondo, provoque o desexo, a esperanza, dun despertar.
En fin, de isto vai Arde Woke, da vida, da arte, do teatro. Un teatro tráxico, esencial, apolíneo, dionisíaco, onírico, vangardista, visionario, esperpéntico? Seguramente, pero sobre todo con unha proposta sólida: O teatro comunitario.

