DÍA DAS MAPOULAS LIBERTARIAS
A asociación cultural Refuxios da Memoria reivindica cada 10 de xullo na Coruña a historia antifranquista e feminista do barrio das Atochas, co obxectivo de recuperar e reivindicar a memoria das veciñas que o 10 de xullo de 1937 foron asasinadas, perseguidas ou obrigadas a fuxir nun asalto policial artellado polas autoridades franquistas, cuxas casas tiñan servido de acubillo e foran nodos das redes de resistencia antifascista da Coruña.
Nesta oitava edición, a xornada estará centrada nas distintas loitas a prol do dereito á vivenda que se teñen sucedido na cidade, para reivindicar a memoria destas comunidades e experiencias, desde a iniciativa de folga xeral de alugueiros a finais do século XX ata a paralización de desafiuzamentos protagonizada polas veciñas dos nosos barrios nos primeiros 2000 ou os actuais sindicatos de barrio, para traer ao presente e proxectar cara ao futuro as dinámicas de resistencia e autoxestión no eido da vivenda e do urbanismo, e identificar o patrimonio obreiro que aínda dá identidade ao barrio das Atochas.
Farase a través dun roteiro-cantareiro, cuxo fío condutor será a música popular e tradicional, que comezará ás 19 horas no paseo da praia de Santo Amaro. Discorrerá desde o Club do Mar pola costa de Manuel García Canzobre, cara á avenida de Navarra, no miradoiro que dá á construción da nova promoción, e de aí seguirá ata a Rúa Marconi, onde conflúe coa rúa Tui, pola parte de arriba da escoliña As Mariñas. As últimas paradas estarán na Praza do Coro Cántigas da Terra e, finalmente, na praza da Corales (20 horas), na confluencia das rúas Atocha Alta coa Atocha Baixa, onde estaba a casa de Basilisa Álvarez, A Corales, unha das mulleres represaliadas tras o asalto violento do 1937 pola súa actividade antifranquista e anarquista. Alí terá lugar o acto central, coa reinauguración deste espazo en memoria desta veciña.
Para concluír a xornada, a celebración trasladarase, desde as 21 horas, ao Bar Patachim (rúa Orillamar, 16), cunha foliada aberta a toda a veciñanza.
Refuxios da Memoria, un colectivo de investigación e divulgación creado en 2018 para traballar no eido das memorias colectivas e arredor do movemento obreiro libertario coruñés, nomeadamente no barrio das Atochas e Monte Alto. A deste xoves será a oitava edición do memorial, que comezou a celebrarse no ano 2018, tras un proceso de investigación sobre a memoria libertaria do barrio das Atochas, recollido na web https://www.refuxiosdamemoria.org/
Fonte: Asociación Cultural Refuxios da Memoria
