VII Época - 43

NO VENTO DO NORDÉS… ENRIQUE TABOADA

Era decembro de 1933, e na cidade da Coruña os ecos da folga insurreccional que comezara o día 9 e que tiña paralizado a vida da cidade ata o domingo 17, aínda resoaban en todas as conversas. Os feitos acontecidos nas semanas anteriores e mailas súas consecuencias protagonizaban as páxinas dos xornais, mentres centos de militantes anarcosindicalistas atopábanse detidos e moitos deles torturados nas cadeas, e comezaban a actuar os tribunais de excepción (“tribunales de urgencia”).

Podemos imaxinar un frío luns daquel mes, o día 18, cos refachos húmidos e fríos do nordés a coarse polas ducias de fendas das paredes no baixo dunha modesta casa no número 43 do barrio de San Roque de Afora. As vellas casas, amoreadas por riba da pequena praia, abrían as súas fiestras ao mar do Orzán que sempre anda a rachar as súas ondas bravas contra as vellas pedras do Caramanchón, na outra beira da baía. Uns refachos que levaron con eles a vida de Enrique Taboada, un veterano militante obreiro de 63 anos.

É fácil supor que, ao carón dunha fiestra estreita, habería unha sinxela mesa de táboas na que amoreábanse ducias de papeis, folletos e libros, nun aparente desorde que contrastaba coa viveza dos recordos que atesouraba Enrique na súa memoria. Fronte ao meso onde sentaba a escribir, podería haber un pequeno caderno de follas xa case amarelas pola humidade, que o traveso Nordés vai pasando a cada axada, como se quixera repasar a axitada vida de Enrique.

Con trazos firmes a pesar da idade e o frío, cunha letra pequena e clara, Enrique podería ter ido debullando nas páxinas daquel caderno os retallos dunha vida apurada freneticamente nos anos a cabalo do salto do século XIX ao XX.

Nado naquela mesma cidade mariñeira, unha infancia difícil pola necesidade e a estadía no hospicio municipal, marcan a Enrique cun carácter rebelde que rexeita a autoridade. Xa fóra do hospicio, co paso á xuventude coñecemos o seu segundo apelido, Chás, e os seus primeiros traballos como augador, xunto coa que logo será a súa compañeira, Dolores Sánchez, e unha filla dun matrimonio anterior con Paca. Traballa servindo ás vivendas burguesas que medraban polas rúas dos novos barrios de Peixaría e Ensanche; e máis tarde, ao servizo do Concello, para carretar as sellas á cadea da cidade, daquela situada no Parrote.

Nos primeiros meses de 1901, Enrique participa activamente na creación da Sociedade obreira do seu oficio, nomeada “La Libertad”. Ocupaba a presidencia da mesma cando ocorren os feitos represivos arredor da Folga Xeral de maio de 1901. Apenas 6 meses antes da súa morte, o propio Enrique escribe, quizais primeiro naquel caderno e logo nas páxinas da prensa confederal: “Las fuentes públicas (…) no surtían el líquido elemento, tan necesario para la vida, con objeto de tener completamente bloqueada a la burguesía coruñesa”. A resultas destes feitos, Enrique foi detido, ao igual que a súa compañeira, e permanecerá preso no cuartel de Atocha ata o mes de setembro, como o resto de presidentes das Sociedades obreiras coruñesas.

Aínda que a súa militancia sindical dificúltalle obter novo emprego ao ser cesado como augador polo Concello, continúa a súa implicación no movemento obreiro coruñés. Traballará primeiro como peón albanel e pronto é elixido como secretario da Sociedade “La Defensa”. Máis adiante, traballará no mar como traiñeiro e logo como camareiro marítimo, traballo que o levará a coñecer outros países e outros ventos, mais tamén participando na vida sindical e ocupando cargos orgánicos na Sociedade de camareiros e cociñeiros marítimos “La Cosmopolita”.

O Nordés segue a pasar as páxinas do caderno e descubre que en 1901 non será a única vez que Enrique ingrese en prisión, pois no verán de 1917, xa preto dos 50 anos, sofre unha nova detención por mor da súa participación na folga revolucionaria daquel verán, e comeza outra nova etapa na cadea que non rematará ata novembro.

Voan as páxinas do caderno, e os refachos do Nordés esparexan polo chan da cociña vellos folletos e antigas novas do xornal, coidadosamente recortadas. Nas súas case esvaídas letras de imprenta, as cartas de Enrique aos xornais burgueses condenando a dura vida do proletariado coruñés, as referencias xornalísticas ás súas sempre vehementes intervencións en mitins e manifestacións obreiras: “(…) por mi gusto ahora iríamos todos a la cárcel para romper puertas y rejas y sacar libres a nuestros compañeros”; pero tamén recensións da súa participación na creación en 1911 da Federación Solidaridad Obrera Gallega e máis adiante, en 1914, no sindicato “El Despertar Marítimo”.

Entre os papeis que o Nordés vai remexendo na casa, hai libretos da coral obreira “Unión y Libertad” na que cantaba e poemas que Enrique tiña lido na sección de declamación de Germinal. Tamén voan pola cociña, algúns dos folletos e publicacións que se vendían nos quioscos El Sol, na rúa da que toma o seu nome, e Escuela Moderna, na rúa de Santo Andrés; quioscos que Enrique tiña rexentado en distintas épocas, e nos que facía doado coñecer a propaganda libertaria que se editaba noutros lugares, pero tamén as obras editadas polo propio Taboada nas bibliotecas e coleccións das que foi participando: El Sol, La Internacional, Aurora e Cultura Libertaria, sempre con dificultades económicas e facturas pendentes de pagamento, que agora voan pola habitación, como follas do outono.

A mediodía, alguén podería ter petado na porta. Se cadra algunha veciña desta barriada obreira e mariñeira, ou algún compañeiro ou compañeira do Centro Cultural de San Roque de Afora ou do Ateneo Libertario Nueva Era, estrañados de que Enrique aínda non saíra hoxe da casa. Empurrando da porta ata que vence, fai que os refachos do Nordés arremuíñen os papeis no centro da estancia, mesturando os discursos, as notas, os textos revolucionarios… coas lembranzas persoais do vello Enrique: a soidade dos últimos anos, a dura e violenta separación de Dolores ou as mortes prematuras de catro dos seus fillos, entre eles Acracio, que fora inscrito sen bautizar no rexistro civil en 1901 e polo que a Antorcha Galaica do Libre Pensamento tiña artellado unha manifestación desde a casa familiar, daquela en Santa Margarida.

No medio do remuíño, o vello caderno abre as súas últimas páxinas e o Nordés descubre algunhas das últimas liñas escritas o xuño anterior pola man xa tremorosa de Enrique: “Pues todo esto no puede olvidarse ni por nosotros ni por nadie. El olvido no es otra cosa que el implícito reconocimiento de la injusticia, y eso no puede ser pragmática de buen gobierno ni pergamino o ejecutoria de redención, porque la concesión o súplica del mismo olvido viene a ser la táctica justificación de lo inolvidable”.

Podería ser que o vello caderno de páxinas amarelas e caligrafía firme, xunto ao latexo da vida de Enrique, marchara a bordo do frío Nordés pero, como el mesmo pedía nese escrito, publicado en Solidaridad Obrera, non aceptamos caer no esquecemento e, agora que unha organización anarcosindicalista está a piques de abrir un novo local na cidade da Coruña pode ser o tempo axeitado para lembrar os nomes, os feitos e a semente plantada por aqueles homes e mulleres que foron antes que nós, e sexamos dignos herdeiros das súas loitas e continuadores do que eles e elas comezaron a construír.

No vindeiro outono, os refachos preñados de humidade do Nordés percorrerán de novo, e como sempre teñen feito, as rúas desta cidade á beira do Atlántico e, se cadra, sexan testemuñas da apertura dunha nova biblioteca e arquivo obreiro, que ben podería levar o nome de Aurora, como unha das iniciativas editoriais de Enrique Taboada Chas, un vello militante de 1870, como asinou algún dos seus escritos.

Feita queda a proposta.

Francisco Ascón

CGT Ensino – A Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *