VALORACIÓN DA NOVA REFORMA DAS PENSIÓNS ASEMBLEA DE PENSIONISTAS E PERSOAS XUBILADAS DE CGT-VALENCIA
Facémonos eco dunha análise lanzada pola Asemblea de Pensionistas e Persoas Xubiladas de CGT-València que manifesta as súas críticas e temores ante a aprobación o pasado 22 de xaneiro no Congreso dos Deputados do pacto social alcanzado por goberno, patronal e axentes sociais para flexibilizar as xubilacións. Este acordo asinouse previamente entre o goberno de España, a través da ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, os secretarios xerais de CCOO e UXT, e os responsables das organizacións empresariais CEOE e CEPYME. As condicións que se subscribiron neste acordo afectarán á xubilación parcial e a xubilación activa.
A primeira crítica é sobre a xubilación demorada. No pacto, é totalmente inexplicable dende unha perspectiva obreira que un sindicato chegue a tal acordo, proponse atrasar “voluntariamente” a idade de xubilación con posterioridade á idade legal establecida, prolongándoa máis aló dos 67 anos e ata un máximo de cinco anos. En fin, deixando aparte que ultimamente estamos asistindo a unha preocupante perversión da palabra voluntariedade, a Asemblea manifesta que “Ante a precariedade laboral actual, moitas persoas non terán suficientes anos cotizados para obter unha pensión decente e a posibilidade dunha xubilación digna será unha utopía, forzando a numerosas persoas a traballar algún tempo máis para mellorar a pensión que lles correspondería á idade legal do retiro”.
Sobre a xubilación e envellecemento activo, acordouse compatibilizar a pensión co exercicio dun posto de traballo, para prolongar a vida activa máis aló da idade legal de xubilación, isto “favorece as empresas que reducen custos e incrementan ingresos” alertan dende Valencia.
A Asemblea de Pensionistas e Persoas Xubiladas de CGT-València tamén advirte sobre as modalidades de xubilación que compatibilizan unha parte do cobro dunha pensión co traballo, coa chamada xubilación flexible ou a xubilación parcial. Nesta última ao traballar á vez a tempo parcial, “significa seguir máis tempo sen xubilarse definitivamente”.
Sobre os Coeficientes Redutores, agora estableceranse tres indicadores para admitir novos colectivos. Estes son: Incidencia das baixas laborais por continxencias comúns e profesionais; Incidencia de sucesos graves que comportan defuncións e recoñecementos de incapacidade permanente; Duración media dos procesos.
Sobre os Fixos Descontinuos, a modalidade de contrato precario pola que se aposta tras a reforma laboral do 2021 , recupérase o coeficiente multiplicador do 1’5. “Algo que xa estivo en vigor durante algún tempo” lémbrannos dende a Asemblea.
Tampouco é positivo o pactado en materia de Xestión da Incapacidade Temporal. Cando un traballador está de baixa e recibe asistencia sanitaria e prestación económica, os asinantes acordaron subscribir convenios coas mutuas en lugar de financiar o Sistema Nacional de Saúde, baixo o mentireiro argumento de evitar demoras á práctica de probas.
Outra cuestión que aborda o pacto e que analiza a Asemblea de Pensionistas e Persoas Xubiladas de CGT-València é a dos accidentes de traballo e a saúde laboral. Se ben, o pacto establece un Bonus ou sistema de incentivos ás empresas que adopten medidas e procesos que contribúan á redución da sinistralidade laboral que teoricamente ten por obxecto a mellora da prevención de riscos laborais, na práctica “Isto xa demostrou no seu momento carecer de eficacia na mellora das medidas de seguridade e saúde ao traballo, porque disfrazou a natureza dos accidentes e facilitou a ocultación. O resultado foi que moitas empresas móvense máis por gañarse o bonus que pola saúde e seguridade dos seus persoais” denuncia a Asemblea.
Finalmente a Asemblea de Pensionistas e Persoas Xubiladas de CGT-València valora que a nova reforma “profunda no camiño emprendido en 2011 para, de forma gradual, atrasar a idade de xubilación e ir diminuíndo a contía das pensións. Algo que nos parece totalmente inxusto para con quen se deixou gran parte da vida nos seus postos de traballo. Consideramos que as políticas terían que ir en sentido contrario, avanzando cara á xubilación aos 60 anos -o que permitiría acabar co paro xuvenil e incorporar as xeracións máis preparadas ao mercado laboral- e elevando a contía das pensións máis baixas para facilitar que os nosos maiores gocen de condicións dignas na súa última etapa vital” conclúen.
Fonte: CGT Valencia