CGT OURENSE DENUNCIA A SINISTRALIDADE LABORAL
A CGT de Ourense, levou a cabo o xoves pasado, 25 de setembro, unha concentración na Praza Maior para denunciar a sinistralidade laboral. A acción enmárcase dentro da campaña confederal, organizada polo Secretariado Permanente da CGT, contra o terrorismo patronal iniciada en outubro de 2023
A Confederación Xeral do Traballo (CGT) denunciou en Ourense as cifras de accidentes laborais por consideralas unha lacra social inaceptable en pleno século XXI, atendendo ás cifras oficiais aportadas polo Ministerio de Traballo, referentes á sinistralidade laboral dos últimos anos, con atención aos datos que se obtiveron de xaneiro a xullo deste ano.
Neste senso, o informe da CGT feito público na concentración sinala que en 2020, no estado español, houbo unha importante caída dos accidentes laborais, como consecuencia dos meses nos que houbo unha ralentización económica pola pandemia de COVID-19, por máis que a partir desa data, o número de accidentes volveu a incrementarse ata superar en 2022 o límite de etapas prepandémicas. En 2024 se alcanzaron as 830 mortes de persoas traballadoras, un 8’9 % máis que durante o 2023.
En Galicia, as provincias con máis accidentes laborais foron A Coruña e Pontevedra. O número de accidentes totais alcanzou case os 15.000, a cifra máis alta dos últimos 5 anos. Concretamente en 2025, de xaneiro a xullo, producíronse 3 accidentes mortais ao mes cun total de 38 sen terminar o ano. E nos últimos 30 anos foron 2.900 persoas traballadoras as que perderon a vida traballando.
Para a CGT, estas mortes son totalmente evitables e teñen responsables directos porque responden a unha situación estrutural. As reformas laborais que ata o momento puxéronse en marcha non paliaron nin melloraron esta situación, senón todo o contrario. O mercado laboral, cada vez máis precario, con ofertas laborais que non garanten nin a estabilidade nin condicións dignas para as persoas da clase traballadora, están detrás desta realidade que azota máis aínda ás máis vulnerables da nosa sociedade.
A deixadez dos gobernos, tanto autonómicos como estatais de diferente cor e signo político, ao longo dos anos, e a connivencia co poder empresarial, marcan as condicións nas que a clase traballadora ten que sobrevivir.
CGT esixe ao Estado español a derrogación das reformas laborais e garantías de empregos dignos e suficientes para as persoas, algo que podería comezar a solucionarse cunha repartición máis xusta da riqueza, a redución da xornada laboral, mecanismos para impedir abusos patronais, etc.
As persoas da clase traballadora non somos números para estatísticas, nin pezas substituíbles dun día para outro en empresas onde os seus donos só se preocupan das ganancias á custa de vidas e familias enteiras.
Fonte: CGT de Ourense e SP CGT
