A ESTUPIDEZ DE OFERTAS E DESCONTOS
Black friday! Non veñas con estupideces! Como outras necidades da acumulación de lixo capitalista, o Black friday aumenta a insatisfacción persoal debida á alienación ao consumo. Estas idas de bola aféctannos á saúde mental, pero tamén física, directamente. Quizais, envarúllome ao explicalo, sen embargo as compas da CGT valenciana dino claramente nun cartaz “Se non mercas nada, afórrasche o 100% en todos os produtos”. E como se fora un deses poemas dunha canción explícita, continúa o cartaz “Non participes do circo capitalista”. Por se tes aínda algunha dúbida, o cartaz vai acompañado dun pequeno comentario cando chega ao teléfono, “O que esconde o Black friday é explotación laboral e avaricia patronal. En cada artigo con desconto que compras, hai unha historia de explotación laboral, en moitas ocasións realizada baixo condicións laborais de escravitude”. Así a todo, haberá quen lle parecerá unha simpleza, sen embargo a última frase do comentario, “Non compres cousas que non necesitas e utiliza ese diñeiro para afiliarche a un sindicato e loitar polos dereitos laborais”, chama a atención sobre varias cuestións que, aínda que aparentemente simples, son síntomas xerais de idiotez, comprar como actividade de ocio, ir de compras, e crer que as condicións laborais, como a xustiza e a liberdade, están salvagardadas polo estado de dereito e que non fai falla organizarse para mantelas ou adaptalas aos tempos que corren.
En fin, no sindicalismo sabemos máis por experiencia que por teses. O pasado 28 de novembro de 2025, durante o Black Friday, houbo unha mobilización centralizada da Sección Sindical Estatal de CGT El Corte Inglés. A manifestación foi en Madrid, dende as oficinas de RRHH ata a tenda da rúa Goya. Este acto protesta encádrase nun calendario de mobilizacións que comezou nas rebaixas de xaneiro e continuou en manifestacións descentralizadas en marzo e que xa apuntamos nos números 56, 60 e 63 de esta La Campana. As traballadoras continúan a súa loita contra as súas precarias condicións laborais, denunciando que a empresa ignora as reivindicacións a pesar das mobilizacións e vitorias xudiciais previas. As principais esixencias do persoal seguen sendo a redución dos horarios ampliados, o pago diferenciado por domingos e festivos, e o fin das xornadas abusivas que impiden a conciliación.
Tamén en Madrid, o sábado 29, houbo unha concentración ás portas do Primark da Gran Vía. Convocada pola CGT, baixo o lema “as condicións laborais non están en rebaixas”, denunciouse que “os sindicatos CCOO e FETICO asinaron un convenio da vergoña en Primark”. Mentras os asinantes, non me costa imaxinar, gastan o seu ocio indo de compras para mercar cousas que non necesitan, aproban as pretensións patronais no convenio “sen escoitar ao persoal, sen melloras reais e sen dignidade nen recoñecemento” resumen dende CGT nun chamamento á mobilización, xa que “só xuntas e xuntos podemos cambiar isto”, advirten.
Sen embargo, cando as traballadoras están advertidas, a solidariedade estendese. Dende a sección sindical de CGT na Plataforma Europa de Inditex, outra sección recorrente nestes conflitos colectivos de La Campana, solidarízanse coas compañeiras de JEVASO, contrata de Inditex, que están en FOLGA. JEVASO presta servizos integrais tales como xestión de devolucións, pasado o ferro a roupa, triangulación de envíos…, tanto para firmas como Zara como para o propio centro de traballo en Plataforma Europa. A folga ameazou que a roupa de populares marcas como Mango ou Zara chegue sen pasar o ferro ás tendas para a súa venda durante o Black Friday. Unhas 3.000 traballadoras desta compañía, que dá servizos a varias das firmas de referencia no sector téxtil, están en pleno conflito laboral e xa realizaron un paro o pasado luns 24, en vésperas da campaña de descontos. O vindeiro luns, coincidindo co Cyber Monday, hai un novo paro previsto. Como mostra de solidariedade e presión, outras traballadoras do sector téxtil sumáronse a concentración na glorieta Sasera de Zaragoza, fronte ás portas da tenda Zara. JEVASO é unha empresa de orixe galega con centros en Parets do Vallès, Santa Perpètua de Mogoda, Zaragoza, Meco (Madrid), Braga (Portugal) e, o seu cuartel xeral, Arteixo (A Coruña). Polos seus ferros pasan cada semana ata un millón de pezas, segundo cuantifica a propia empresa na súa páxina web. O paro, que foi convocado en todos os centros de JEVASO no estado, responde á típica estratexia torticeira empresarial da “interpretación” do novo convenio colectivo, o da industria téxtil e da confección 2024-2026. O convenio establece un incremento salarial do 3,3% anual e un Salario Mínimo Garantido (SMG) por encima do SMI. Con todo, a empresa compensou e absorbeu complementos salariais preexistentes (como antigüidade, mellora voluntaria e premio de asistencia) para cubrir o SMG, o que reduce as retribucións reais dos traballadores máis precarios. Un acordo interno da empresa prohibe explicitamente esta práctica, o que xerou a escalada á folga. Sen reviravoltas, a sección sindical de CGT na Plataforma Europa de Inditex advirte “a clase traballadora non pode mirar cara a outro lado. Esta folga volve poñer encima da mesa un debate que algúns prefiren evitar: a externalización salvaxe na industria téxtil, ese mecanismo tan moderno que permite ás grandes empresas pousar de exemplo laboral… mentres mandan á precariedade ás súas contratas”. A nota de apoio e solidariedade insiste na necesidade de organizarse e confluír na loita, “desde CGT seguiremos sinalándoo, apoiando ás compañeiras e lembrando que a loita é unha soa, estea dentro ou fóra”.
Tamén polas compas da Plataforma Europa, chéganos a nova dunha folga en CABANILLAS, unha empresa que se adica a Loxística de Pull&Bear. Despois de case un ano de negociación eterna, foron as propias traballadoras quen empuxou, con forza e sen dúbidas, ao comité de empresa a convocar a folga. A resposta e seguimento foi exemplar, un apoio masivo, unidade e dignidade. A sección sindical de CGT, soubo plantarse e dicir NON a un preacordo que non estaba á altura, denunciando o engano do comité que presentara ao persoal cifras para a negociación moi por enriba das que terminaron poñendo encima da mesa. Este venres 28 desconvocouse a folga indefinida que mantiñan desde o xoves 20 de novembro, tras chegar a un acordo coa dirección. Segundo informou EFE, o presidente do comité de empresa, Raúl Casado, “os traballadores” e a dirección reuníronse o pasado xoves día 27, nun encontro no que houbo “unha serie de cambios” nas formulacións da empresa. Aínda que a empresa sentenciou que “non pode asumir máis custo salarial”, tal e como demandaban as traballadoras, cambiáronse os pluses que o persoal tiña como variables a fixos e ampliouse a contratación para os fixos descontinuos.
Outra vendedora que uniforma vestimentas e rúas de medio mundo, H&M, volveu ser sancionada pola Inspección de traballo. Nesta ocasión, por obstaculizar a conciliación familiar e impoñer trabas burocráticas ilegais. Podedes ver os números 28, 38, 43, 65 e 66 deste semanario para comprobar a historia de intentonas empresariais de explotación laboral e as respostas da sección sindical da CGT. A multinacional acumula un historial continuado de infraccións graves e moi graves, incluíndo vulneracións do dereito de folga e ocultación de información. Nunha nota de prensa emitida o 25 de novembro por CGT H&M Atención ao Cliente e CGT Barcelona destacan que “Esta resolución non é un feito illado, senón que confirma un patrón de conduta reincidente. Con anterioridade a 2025, H&M xa fora sancionada en dúas ocasións con infraccións moi graves por vulneración de dereitos fundamentais, especificamente por prácticas de “esquirolaxe” (desvío de chamadas ao estranxeiro e substitución interna de persoal), destinadas a boicotear o dereito a folga. De igual forma, a empresa acumula sancións graves pola ocultación sistemática de información a delegados e delegadas sindicais en procesos de reestruturación e teletraballo, e por non xustificar as causas que xustifican contratos realizados en novembro de 2024 como contratos temporais por circunstancias de produción. Lonxe de corrixir o seu rumbo, a conflitividade laboral intensificouse neste ano. Actualmente, existen outras actuacións inspectoras en curso por incumprimentos reiterados do Plan de Igualdade e por novas vulneracións do dereito de información e transparencia, así como por deficiencias en materia de Prevención de Riscos Laborais. Paralelamente, a representación social mantén interpostos varios conflitos colectivos ante os tribunais neste 2025, que son os seguintes: Por vulneración da liberdade sindical e do dereito a folga. Pola prohibición do uso de teléfonos móbiles persoais, unha medida denunciada como represalia para impedir a comunicación sindical e a documentación de presións internas. Por modificación substancial das condicións de traballo, en resposta á eliminación unilateral de dereitos adquiridos polo persoal. Neste sentido, a acumulación de expedientes sancionadores e xudiciais evidencia unha estratexia corporativa de feitos consumados que desafía sistematicamente a normativa laboral vixente”.
Imos con Amazon. Do 28 de novembro ao 1 de decembro, a campaña internacional “Make Amazon Pay Day” denuncia en máis de quince países as condicións laborais abusivas de Amazon. En Murcia (centro RMU1 – Corvera), CGT iniciou o 26 de novembro unha folga de tres días cun 80% de seguimento, que se repetirá do 16 ao 23 de decembro se a dirección segue sen escoitar. As demandas son claras: Mellora salarial. Pago de domingos traballados. Solución a erros en nóminas. Condicións dignas e diálogo real. Dende CGT destacan a cobertura internacional das protestas e non se esquecen de apoiar “ás traballadoras de JFK8, Staten Island, New York, o primeiro centro de Amazon en Estados Unidos que logrou montar un sindicato a pesar de todas as manobras da empresa. Levan anos pelexando polo seu primeiro convenio e tamén tiveron que ir a folga para que Amazon deixe de mirar cara a outro lado”. “Organización, unión e loita”, rematan na nota.
Se imos as condicións laborais “de escravitude”, como din no cartaz as compas de Valencia, das traballadoras que fabrican realmente as mercadorías rebaixadas, case a totalidade ao sur de onde te atopas, reverten a estupidez converténdoa en felonía.