VII Época - 105

DENUNCIADA A AMPLIACIÓN DE STELLANTIS VIGO

O pasado venres 27 de marzo, a asociación veciñal A Unión de Matamá, de Vigo, e Ecoloxistas en Acción, presentaron alegacións conxuntas ante a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellería de Medio Ambiente no trámite de consultas do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do PEOSE ampliación do polígono industrial de Balaídos. Este polígono industrial, onde reside a factoría de Stellantis, e a súa proposta de ampliación, invade as zonas residenciais de varias parroquias viguesas, afectando sobre todo á veciñanza de Matamá, tanto pola emisións de ruídos como de partículas nocivas ao aire.

Aínda que siga custándome chamar Stellantis á antiga Citroën, a pleitesía para a dirección desta fábrica segue dominando a realidade viguesa. Son poucas as voces que se alzan contra esta tiranía. Por suposto, o terreo sindical esta rexentado polo amarelismo, constituíndo un dos exemplos máis sobranceiros de sindicalismo como correa de transmisión dos desexos da patronal na realidade galega.

Timidamente, estas alegacións e a súa campaña de difusión destapa esa contradición entre capitalismo e vida, nomeadamente fóra da factoría, polo que a continuación subtraemos a nota de prensa chegada a esta redacción.

Segundo a Lei 34/2007, de calidade do aire e protección da atmosfera, establecese que a localización de instalacións industriais debe minimizar as afeccións, sendo os límites de contaminantes máis estritos en zonas residenciais e de alto valor ecolóxico. Segundo o Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR-España) sobre a actividade industrial na contorna da planta de Stellantis en Vigo, a instalación emite aproximadamente 2.050.000 kg anuais de compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), en gran parte causadas por procesos industriais baseados en disolventes, como os sistemas de lacado. Estas sustancias altamente reactivas, en presenza de óxidos de nitróxeno e luz solar, desencadean procesos de contaminación fotoquímica responsables da formación, entre outros, de ozono troposférico. O ozono troposférico, está vinculado a afeccións respiratorias, agravamento da asma e aumento do risco cardiovascular. Ademais, existe emisión de material particulado PM10 e PM2,5 e de NO2. A Organización Mundial da Saúde advirte que a exposición continuada a este tipo de contaminantes pode ter efectos significativos sobre a saúde, especialmente en nenos, persoas maiores e poboación con patoloxías previas e, en determinados casos, efectos canceríxenos.

A incidencia de enfermidades respiratorias e de cancro nos barrios próximos ao polígono é moito maior á das zonas máis afastadas. A poboación destes barrios (Roupeiro, Parada, Ribás e Padrón) sofre a afectación directa das emisións. A ampliación da factoría aumentará, substancialmente, as emisións de partículas e compostos orgánicos volátiles, sen garantías de que os sistemas de mitigación sexan suficientes para a protección da saúde.

Non está avaliado correctamente o impacto acumulativo das instalacións actuais, o que sumado a ampliación empeorará a calidade do aire, xa afectada, na zona. A ampliación contravén o Plan de Mellora de Calidade do Aire (PMCA). Desde a asociación veciñal de Matamá esixen que se pare a ampliación ata que se realice un estudo sobre o efecto da contaminación ambiental na poboación próxima á zona industrial, ligado á calidade do aire, a través da toma de datos de enfermidades relacionadas coa contaminación atmosférica.

Ademais da mala calidade do aire, a poboación local leva soportando durante décadas, olores nauseabundos e ruídos que impiden o descanso nocturno. En este sentido, a ampliación do polígono incrementará tamén estas molestias, afectando á calidade de vida e ó benestar da veciñanza.

A zona verde actual alberga especies incluídas no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e no Catálogo Español de Especies Ameazadas. “As obras constitúen un impacto negativo real, a destrución do seu hábitat é ilegal. Entre as especies ameazadas que alberga a contorna afectada, atopamos píntega, miñato, gavilán, curuxa, raposa…”, declara a voceira de Ecoloxistas en Acción.

Ademais, rexeitase toda a tramitación porque debería seguirse o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, xa que o proxecto se sitúa en área urbanizada e implica unha actuación en superficie superior a 5 hectáreas. Aseguran que non se está cumprindo a normativa de “Proxectos sometidos á avaliación ambiental simplificada”, para acreditar que un proxecto non é susceptible de causar efectos adversos apreciables sobre estes espazos.

Larri (Fonte: Ecoloxistas en Acción)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *