TERCEIRA CRÓNICA DA GLOBAL SUMUD NA SÚA TRAVESÍA A GAZA
A pesares do acto de piratería cometido polo exército de Israel en augas internacionais, co secuestro da tripulación de 22 dos 56 barcos solidarios, a pesares de que destrozaron estes e os deixaron á deriva, a pesares dos disparos intimidatorios, a pesares das malleiras recibidas que ocasionaron 30 ingresos no hospital con catro persoas graves, a pesares do secuestro indefinido dos activistas Saif e Tiago, a pesares da complicidade das autoridades gregas, a pesares da hipocrisía dos gobernos dos países europeos e a pesares da indiferenza dos do resto do mundo, a Flotilla continua rumbo a Gaza.
Os nosos ánimos están mais altos que nunca e a nosa determinación máis forte.
Non poderán construír cárceres tan grandes como para encadear toda a solidariedade internacional co pobo palestino.
Estamos en Creta. Aquí fomos acollidas con muito cariño pola sociedade civil organizada arredor do Centro Social Ocupado de Eraklión e por moitas familias comprometidas que nos abriron as súas casas e os seus corazóns.
Mañán venres 8 de Maio levantaremos áncoras de novo, xunto a barcos gregos, rumbo Turkía, onde nos esperan outras embarcacións e máis tripulacións. Todas xuntas, navegaremos para romper o salvaxe bloqueo que o estado xenocida de Israel exerce sobre a Franxa de Gaza desde o ano 2007, que está matando lentamente á poboación, sen comida, auga, mencinhas e produtos básicos, sen vivendas e cun sistema sanitario moi precario.
Da moita seguridade navegar acompañadas do barco do Open Arms. Todo o noso respecto, agradecemento e admiración ás compañeiras e compañeiros da tripulación deste buque, que nom dubidan en arriscar as súas vidas subíndose ás pequenas embarcacións de rescate, nas peores condicións da mar, para axudar a navegantas en apuros ou salvar vidas humanas a punto de naufragar.
Edi, Duarte Ferrín desde a Flotilla en Creta.
Este foi o último capítulo que enviounos Edi, tras ser rescatado polo Open Arms despois de que a Armada israelita deixarao, a el e a tripulación do pequeno veleiro no que navegaba, á deriva e en medio dunha mar grosa. Aínda que sabiamos que se atopaba ben, tardou varios días en poder comunicarse directamente. Agora, despois de partir de Creta chegou co resto da flotilla a Marmaris en Turquía a noite deste sábado 9 de maio.
Alí en Marmaris uniranse a “outras embarcacións e máis tripulacións”, como di Edi. A Sandra, Benito, Xurxo, Andre, Ana, Alberte e Edi, as sete galegas/os que navegan na Flotilla, uniráselles unha oitava, Amaia. A Global Sumud anunciou unha asemblea alí en Marmaris para decidir como continuaban o seu propósito de rachar co bloqueo a Gaza.
Esta asemblea, nun principio estaba moi influída polo secuestro de Saif e Thiago que se atopaban en total illamento no cárcere de Askhalan, na Palestina ocupada. Os dous permanecían en folga de fame dende o seu secuestro ata que Saif, o 6 de maio, escalou a unha folga de fame e de sede. A preocupación aumentou, unha folga de sede é letal en moi pouco tempo. En Barcelona, unha compañeira instalou a tenda de campaña na céntrica Praza de Catalunya de Barcelona e comezou unha folga de fame e sede pola liberación de Saif e Thiago. En Euskadi, en Bilbo e Iruña catro persoas ían iniciar unha folga de fame o sábado as 14:00 horas. Sen embargo, a primeira hora da maña o ministro de exteriores, José Manuel Albares anunciaba que Israel liberaría nas próximas horas ao cidadá español de orixe palestino Saif Abukeshek. Ademais declaraba que era “un momento de gran felicidade”. En todo momento, dende a Flotilla chegáronnos palabras de recoñecemento sobre a implicación e compromiso diplomático do Goberno español na liberación de Saif e a condena enérxica a súa detención e ao asalto a flotilla. Todo hai que dicilo. Ao pouco o equipo xurídico de Saif e Thiago na Palestina Ocupada, Adalah, confirmaba a liberación dos dous.
O domingo, dende o aeroporto de Atenas, Saif declaraba que “deixaba atrás a miles de prisioneiros palestinos, nenos, mulleres e homes. Estou seguro de que o trato que recibín non se pode comparar co seu sufrimento. Temos que seguir mobilizándonos, non podemos esquecer os presos palestinos. A xente do mar está facendo a súa parte, levantádevos en terra en todas as partes do mundo”
Larri
