O FESTIVAL DE TÍTERES DE REDONDELA TRÁENOS AS “VOCES DE GAZA”
“Avoa, xa imos… Non lles teñas medo, vestimos segundo o teu legado, o teu thob (vestido tradicional) é máis antigo que o seu estado”.
Ola, nenos, son teta (avoa) Suad, vin a vervos desde un lugar moi afastado, foi unha viaxe moi difícil… qué difícil foi chegar ata vós! Trouxéronme coa axuda de dous médicos voluntarios, que Deus os bendiga!. De camiño aquí enredáronseme as cordas, non podía moverme, pero a boa xente de aquí axudoume a desenredalas.
Falando de cordas… vin a vós desde un teatro chamado Khoyout (cordas) en Gaza, e este teatro foi creado por un artista chamado Mahdi Karera, el é quen me fixo. E desde ese teatro fixemos espectáculos en todas partes de Gaza. Cantamos e bailamos cos nenos en Beit Lahia, nas praias de Gaza, entre as tendas de campaña dos desprazados e sobre os entullos. Ata que puidemos chegar ata vós.
Mahdi recolleu lixo, latas e caixas de doazóns humanitarias, e con elas fixo o meu corpo; buscou entre os entullos esponxas e teas para facer a miña cara e o meu traxe. Saín dos residuos reciclados da guerra xenocida contra Gaza… e vaia se hai diso… así que son moi especial, cando a xente nos ve, inmediatamente sabe de onde vimos. Sabes de onde? Si, de Gaza. Agora podes coñecer aos meus outros amigos que saíron de Gaza e escoitar os seus soños. Waseem, Retal, Siwar e AbulMajd.
Cando estes monicre-ques conseguiron fuxir de Gaza, agachados na equipaxe deses dous médicos voluntarios volveron tomar voz no festival de Xordania, Alwan, con estas verbas. Agora volverán facelo no Festival Internacional de Títeres, FIT, de Redondela. Sen embargo o seu creador, Mahdi Karera, non poderá acudir porque segue engaiolado no campo de concentración máis grande e terrible do mundo. “Que non poidan saír, que estean alí encerrados é algo que non se dixo o suficiente, é algo que hai que repetir”, confésanos Luis, o director do FIT. O creador Mahdi Karera, encerrado na franxa, é o fundador de KHOYOUT THEATRE, unha compañía de marionetas e obradoiros que estaba activa en Gaza antes da guerra e que levaba alegría a moitas crianzas. Mahdi organiza tamén representacións en campos de refuxiados/as e espazos públicos, levando o teatro a crianzas e familias que, doutro xeito, non terían acceso a experiencias culturais e artísticas. A compañía colaborou co Alwan International Children’s Festival de Gaza.
“Os monicreques están feitos polvo, date de conta”, coméntame o outro Luis, o presidente da Asociación Titiriteira que organiza o FIT. Sen embargo hai determinación e certo orgullo, cheo de dignidade, “descubrímolos no festival de Xixón e deveciamos por traelos a Redondela. É algo que vai directo ao corazón”, matizan os dous Luises, e Fredi que vai a encargarse de que todo estea a punto.
Son cinco marionetas de lata, anacos de madeira, de tea e botellas de plástico que portan consigo as voces de persoas de Gaza. Na súa palabra despréganse historias persoais de infancia, de traballo, de soños, de memoria e de esperanza. “Son monicreques pero tamén son embaixadores/as da barbarie”, lemos no libreto que comenta as obras do FIT.
Os monicreques estarán o sábado 16 e domingo 17 de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 no antigo kiosko de Cocó, no lugar máis céntrico de Redondela. Alí poderemos escoitar os seus soños, os soños de Waseem, Retal, Siwar, AbulMajd e da avoa Suad.

