OFENSIVA CEGETISTA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
O profesorado, xunto co estudantado e as familias, sofren a escalada de recortes e desvío de fondos públicos á concertada que guían as políticas educativas deste tempo que vivimos.
A Federación de Ensino da CGT está en pé de loita contra a crecente precariedade laboral e os recortes, esixindo mellores condicións laborais docentes, máis investimento na pública e unha educación digna.
En Aragón están convocadas folgas para o 19 e 20 de maio. A folga de 0-3, indefinida en Madrid, e estatal o pasado 7 de maio, está suficientemente tratada nos medios confederais. Da gran mobilización Catalá escribimos no número anterior de La Campana. Esta semana toca informar sobre a folga indefinida na Comunitat Valenciá que comezou o pasado luns 11 de maio.
Se en Catalunya, a policía secreta infiltrouse nas asembleas de docentes que preparaban as folgas, vulnerando a liberdade sindical, en Valencia os servizos mínimos abusivos declarados pola Consellería son, como sempre, un novo ataque á clase traballadora. Por unha banda, limitan o dereito a folga de moitas docentes e, da outra, sitúan nunha situación moi comprometida e perigosa aos equipos directivos encargados de aplicalos. A redacción ambigua e confusa volve impoñer ás traballadoras do ensino público a carga dunhas decisións “covardes, ineficientes, ilegais e miserables”, cualificadas así pola CGT. “Así como Consellería nos envía á precariedade no día a día, agora aboca aos equipos directivos a ter que tomar decisións que nalgúns casos poderían ser ilegais, poñendo mesmo en risco a súa propia seguridade xurídica” advirte a CGT. Nun comunicado a CGT anima aos equipos directivos a non ser “o brazo executor da Consellería”, ao mesmo tempo que animan “a todas as docentes a traballar de xeito conxunto cos equipos directivos para buscar solucións que non prexudican nin o dereito de folga nin ao alumnado”.
Na primeira xornada de folga o profesorado fixo piquetes informativos na maioría de centros educativos para informar a familias e veciñanza. O malestar existente nos centros educativos ante o bloqueo da Consellería de Educación volveuse a evidenciar nas rúas das principais cidades valencianas. O persoal educativo saíu ás rúas de Alacante, Castelló , Elxe e Valencia. En Valencia a xornada empezou con piquetes informativos e columnas desde diferentes zonas ata o centro da cidade, onde a mobilización desbordou as rúas.
A CGT valorou moi positivamente esta xornada que cualificou de “masiva” e que “superou calquera tipo de previsión”, o cal demostra, “o malestar e a determinación da comunidade educativa ante unha Consellería pechada en banda e que quere desmantelar os servizos públicos”. Á vez, con esencia anarcosindicalista, destacou “o poder das asembleas, a capacidade de autoorganización e a participación activa dos e das traballadoras” en este ciclo de mobilizacións.
Aínda que CGT non está na mesa sectorial de negociación, despois da proposta exposta pola Consellería na mesa sectorial, rexeitada por unanimidade desde o sindicato lembran que non se trata só da reivindicación estritamente salarial, senón que “se trata de garantir unha educación pública e de calidade na cal existan unhas condicións laborais e de aprendizaxe dignas para todo o mundo”. Unha garantía que ten que defender unha clase obreira “unida” con unha “loita frontal contra as políticas reaccionarias e neoliberais”.
Durante toda a semana continuou a folga, destacando os peches dentro dos centros educativos do martes 12, ou o despregue que realizou a CGT dunha gran pancarta no Palau de Generalitat, esixindo a dimisión da Conselleira d’Educació, Mari Carmen Ortí. O venres unha gran manifestación percorreu as rúas de Valencia nunha demostración de forza sindical. A mobilización conseguiu que se iniciara unha negociación coa consellería pero a folga, convocada polas diferentes organizacións sindi-cais e educativas, continuará este luns ante a falta de acordos e o rexeitamento das propostas da Consellería.
