VII Época - 114

RESPOSTA SINDICAL ÁS NOVAS FÓRMULAS DE “ANIQUILACIÓN” EXPERIMENTADAS EN ABAI

A CGT concentrouse este pasado luns, 8 de xuño, diante do edificio Proa en Matogrande, A Coruña, fronte a unha das instalacións que Abai ten na cidade. A concentración denunciou o desmantelamento dos centros de traballo de Abai e reclamou “o mantemento do emprego e das condicións laborais das traballadoras e traballadores da multinacional do telemarketin, que ten como clientes a Endesa e Movistar, entre outras empresas”, sinala a nota de prensa chegada ao correo electrónico de La Campana dende a Federacion Local Obreira de A Coruña.

Na concentración, o sindicato denunciou a conti-nuidade da estratexia empresarial de deslocalizar “a actividade cara a outros países con condicións laborais e salariais máis precarias” na procura “dun incremento dos beneficios empresariais a conta da explotación”. Como consecuencia, resulta unha drástica redución de persoal levada a cabo pola compañía nos seus centros do Estado español. O sindicato lembrou que só na Coruña desapareceron máis de 600 postos de traballo nos últimos anos e advertiu de que “esta tendencia continúa debido a un modelo empresarial que busca destruír emprego e xerar presión e incerteza para forzar a saída das traballadoras e traballadores”.

Neste sentido, a última ocorrencia foi tentar pechar o centro da Carolina, obrigando a máis de 200 persoas a desprazarse a Jaén, a máis de 60 km. de distancia. Por este motivo a CGT de Telemarketin emitiu un comunicado estatal destapando a trampa tendida pola empresa. Mentres que pretendía impoñer as traballadoras da Carolina pasar ao teletraballo, a CGT advertía que a empresa “non garante o mantemento do emprego. Todo o contrario, pois, tal e como recolle a lexislación e o acordo vixente, Abai pode esixir en calquera momento a presencialidade, o que obrigaría a ir a Jaén ou o despedimento. Aceptar é asinar un cheque en branco”. Ou dito de outro xeito “Co historial destes voitres, a ninguén se lle escapa que Abai quere despedir vilmente. Sabe que, coa merda de salarios que temos, non podemos asumir algo semellante, aparte de que supón un machadazo á conciliación, a integridade física e ao tempo de descanso”. A intención non podía estar máis visible, “A mafia leva meses buscando o peche e non lle interesa buscar unha solución, ata o punto de rexeitar as instalacións gratuítas que lle ofrece o Ayuntamiento da localidade”, delata dito comunicado.

A CGT coruñesa tamén criticou durante a concentración a ausencia de contratacións que permitan reverter a perda de emprego, que atribúe a unha xestión que cualifica de “nefasta, marcada pola improvisación e pola aposta constante pola deslocalización dos servizos”. A CGT resaltou que outra das medidas adoptadas recentemente pola empresa foi o despedimento de 15 persoas nun só día en Zaragoza, unha medida que supuxo a desaparición dun departamento completo en Zaragoza. A compañía sostén mentirosamente que a área afectada tiña funcións de “apoio”, mentres reforzaba simultaneamente ese mesmo servizo noutros centros. O comité de empresa do centro de Zaragoza convocou folga para o mesmo luns 8 de xuño co obxectivo de “defender o futuro dos postos de traballo, unhas condicións laborais dignas e o respecto cara ao persoal de Zaragoza” nun chamamento a secundar masivamente a folga convocada. Nese mesmo chamamento, denunciaba que “A presión laboral e psicolóxica que soporta o persoal é cada vez maior. Esíxesenos excelencia mentres se reducen dereitos, destrúese emprego e non se atenden as nosas reivindicacións”.

Durante a protesta coruñesa, denunciouse a agonía que se vive no sector responsabilizando desta situación os sucesivos convenios asinados por CCOO e UGT e cualificando a realidade actual de “insoportable” e “inhumana”, con salarios que apenas superan o SMI e que “contribuíron ao empobrecemento de milleiros de persoas traballadoras”.

A CGT asegura que Abai está a experimentar novas fórmulas de “aniquilación” que posteriormente estende ao conxunto da compañía. Ao remate da mobilización, o sindicato advertiu de que continuará e intensificará as accións de protesta se a dirección mantén a súa actual estratexia, e esixiu “a readmisión das persoas despedidas e melloras laborais”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *