VII Época - 114

“AQUÍ OS QUE SOBRADES SODES VOS”. PROVOCACIÓNS POLICIAIS EN FERROL

A CGT de Navantia denunciou abuso policial durante a manifestación celebrada o mércores 10 de xuño en Ferrol, pola folga do convenio do metal da provincia de A Coruña. Non é de estrañar. A clase obreira sempre foi reprimida a golpes pola policía para defender a orde ditada pola patronal, a orde que se mantén mediante o castigo, dentro e fora do centro de traballo, e coa superioridade da vella lei de que “a submisión con sangue entra”. Sen embargo, existe unha denuncia xeneralizada e compartida por parte da poboación dun incremento do abuso e a brutalidade policial.

Nun comunicado difundido tras a manifes-tación, a CGT de Ferrol denunciou que “décadas de mobilizacións obreiras en Ferrolterra sen incidentes estiveron a piques de truncarse” por culpa dunha provocación policial. Situacións que a clase obreira temos vivido moitas veces cando a policía non conseguiu a orde de machacarnos.

Cóntannos dende Ferrol que a provocación comezou cun despregue totalmente innecesario de antidisturbios que vendo como actúan “é mellor chamarlles prodisturbios”, puntualizan axeitadamente. Varios furgóns acompañaron á manifestación en todo momento mentres decenas de estes prodisturbios a pé franqueaban aos traballadores.

A primeira provocación sucedeu apenas iniciada a manifestación, a escasos 100 metros das portas de Navantia Ferrol. Un axente foi a por un traballador ao que atribuía o lanzamento dun petardo. De inmediato, os compañeiros do traballador protestaron verbalmente chamando a atención sobre a provocación. “A un dos prodisturbios faltoulle tempo para sacar a porra e repartir garrotazos a varios traballadores”, un deles un delegado sindical de CGT-Navantia, denuncian dende Ferrol.

Ao pouco, nas inmediacións do Teatro Jofre, produciuse unha situación similar.

A CGT Ferrol denuncia que estes feitos non son illados e advirte dun aumento da presenza policial en mobilizacións e concentracións laborais celebradas na comarca. A CGT ten recibido visitas policiais incluso en concentracións dentro das instalacións de Navantia.

A Sección Sindical de CGT en Navantia Ferrol denuncia que estas provocacións sufridas na manifestación son unha mostra máis da deriva reaccionaria, e as veces abertamente fascista, das forzas policiais. Neste sentido, fai referencia a recentes actuacións policiais noutras cidades como Valencia e critica a resposta dalgunhas “asociacións profesionais” de axentes.

Un claro exemplo desta deriva produciuse na mesma manifestación cando un delegado sindical da CGT trasladoulle ao mando do dispositivo que non había motivo para semellante actuación policial, que actuacións así creaban problemas onde non os había, que a manifestación se estaba desenrolando sen incidentes e que a presenza policial resultaba innecesaria. A resposta recibida foi toda unha declaración ideolóxica: “Aquí os que sobrades sodes vós”.

Ante estes feitos, a CGT condenou rotundamente a actuación policial e reclamou ao Goberno a retirada das súas forzas represivas das mobilizacións obreiras. Polo momento, non transcendeu unha valoración oficial por parte da Policía sobre as acusacións realizadas pola CGT respecto ao desenvolvemento do dispositivo policial durante a manifestación.

A CGT Ferrol considera que as reivindicacións dos traballadores do convenio do metal son xustas e fai un chamamento á participación nas protestas convocadas durante os próximos días. “A masividade das protestas é o mellor obstáculo á represión policial”, conclúe o comunicado difundido.

Na vila onde vivo, Redondela, existen cada vez máis denuncias sobre abuso e emprego de forza innecesaria por parte da policía nacional e policía local en actuacións nocturnas conxuntas sen motivo algún, …por un pouco de acción… para pasar as horas… A última a un bo amigo meu. Outras brutalidades recentes son coñecidas, o recibimento da Ertzaintza á flotilla a Gaza ou o brutal empuxón polas costas á profesora xubilada valenciana como sinalan dende Ferrol. Na vila onde vivo, a veciñanza comenta que a policía é da ultradereita.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *