CRUZ VERMELLA DESPIDE DE TÓDOLOS XEITOS, CUMPRA OS REQUISITOS LEGAIS OU NON
No pasado número 112, do 1 de xuño reco-lliamos a conflitividade laboral dentro da Cruz Vermella Española. Faciámolo con motivo dunha concentración convocada pola CGT o 30 de maio, diante da oficina central da empresa na Avda. Reina Victoria de Madrid, para denunciar a realidade laboral que sofren as traballadoras, a precariedade e o estancamento.
CGT denunciaba a deriva que está a tomar a dirección de Cruz Vermella, con ERES cuadrimestrais, unha negativa e bloqueo da negociación colectiva, un continuo desgaste do persoal, alén da incerteza e a ansiedade polo futuro laboral. A isto súmase a imposibilidade de desenvolvemento e carreira profesional, o burnout que afecta a gran parte das persoas traballadoras e a imposibilidade de conciliar a vida familiar. “As traballadoras de Cruz Vermella loitamos contra a pobreza con salarios de miseria, mentres os altos cargos e directivos da entidade reciben salarios obscenos, os cales non se publican deixando de lado a transparencia; e son, ademais, un gran lastre tanto para nós como para as usuarias”, explicaban nun comunicado emitido naquela ocasión.
No mesmo comunicado, a Sección Sindical da CGT daba a coñecer que a empresa Cruz Vermella chamou aos sindicatos a consultas sobre un novo ERE, catro meses despois do que asinou xunto a UGT, que afectaría a un total de 66 traballadoras das provincias de Almería, Barcelona, Burgos, Girona, Granada, Huelva, Jaén, As Palmas de Gran Canaria, Málaga, Salamanca e Tenerife. A hipocrisía era desvelada no comunicado, “É indignante que unha empresa que se considera humanitaria, con superávit, e catro meses despois do anterior que asinou xunto a UGT, diga outra vez que lle sobran mans e inicie un novo proceso de ERE… unha vez máis, esta entidade humanitaria actúa en contra das persoas que cada día traballamos defendendo os principios da mesma”.
O período de consultas e negociación iniciase a nivel estatal con marrullería e prepotencia empresarial, polo que a sección sindical quixo destacar que o seu obxectivo é loitar porque se cumpran os dereitos de cada unha das persoas traballadoras.
En primeiro lugar a CGT denuncia ameazas e coaccións por parte de Cruz Vermella. En segundo, a mesa de negociación non cumpre os requisitos legais para representar as traballadoras afectadas.
A Mesa Negociadora non cumpre os requisitos xurídicos sobre validez e a fiabilidade que a lexitiman para actuar en representación das persoas afectadas. Isto débese a que a Comisión Representativa – a delegación designada polas traballadoras para integrar a Mesa Negociadora – creouse baixou os parámetros do art. 51 do Estatuto dos Traballadores, actualmente obsoletos.
Deste xeito, a Representación Legal das Persoas Traballadoras – integrada polos sindicatos CGT, CCOO e USO – determinou que, segundo os datos, “non se cumpren os requisitos legais esixidos para a constitución da devandita mesa baixo ese marco específico”.
En terceiro lugar, engádese o feito de que durante estes últimos meses a dirección da empresa ignorou os limiares de garantía colectiva e aplicou despedimentos individuais encubertos, é dicir, aplicou o ERE sen asinar o ERE. Ante este abuso, propio do autoritarismo máis soberbio, a sección manifestou nun novo comunicado que “A CGT, polo seu ideal e fundamentos, négase á firma de EREs, pero non por iso podemos deixar de denunciar estes despedimentos improcedentes con indemnizacións por baixo do mínimo aceptable nestes casos”.
Segundo información achegada no propio ERE, xa se realizaron polo menos máis de 24 extincións contractuais nos últimos 90 días previos ao comezo deste, descoñecendo se a posteriori se produciron máis, que poderían chegar aos 30, e que segundo o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, ao efecto computan no mesmo. “Cruz Vermella dixo con isto que, aínda que non cheguemos a un acordo, ela vai realizar os despedimentos de todos os xeitos, cumpra os requisitos legais ou non”, explican desde a sección. E advirten, “esiximos á empresa non proceder aos despedimentos individuais restantes- 18 en total – e, no seu caso, á apertura dun novo Expediente cos despedimentos obxectivos realizados no prazo legal con todas as súas garantías. Nós pola nosa banda seguiremos organizándonos como clase e loitando polos nosos dereitos como traballadoras”.
E conclúen: “Por todo o devandito, o camiño non pode ser outro que a loita e a organización. Ningunha persoa traballadora vai estar soa neste proceso, imos loitar por protexer os dereitos laborais de todas, no seu defensa temos que estar todas”.