VI Época - 1

O FUTURO XA ESTÁ AQUÍ!!! FOLGA INDEFINIDA NOS CINCO CENTROS DE TRABALLO DE NISSAN EN CATALUNYA

Yo vi a la gente joven andar

corta el aire de seguridad

en un momento comprendí

que el futuro ya está aquí.”

Enamorado de la moda juvenil

Radio Futura, 1980

Non fan falla ter dotes sobrenaturais para ver o futuro mais inmediato que nos agarda. Fixémonos no aproveitamento pola multinacional Nissan desta pandemia. Nada novo baixo o sol. As multinacionais, e detrás delas todo o tecido empresarial de alá e aquí, aproveitarán a crise provocada polo pandemia do Coronavirus para acumular aínda máis capital nas súas insaciables mans. A crise permanente na que levamos vivindo, cando menos dende a reconversión naval de principios dos anos 80 do pasado século, ímola sufrindo en escalada. Cada novo anuncio dunha nova crise impón a xeneralización dunhas novas condicións laborais…, moito menos laborais e moito máis escravas. Xa non nos enganan. Sempre estamos en crise e agora queren espremernos ata as gotas de suor.

Fixémonos entón en Nissan, pertencente ao grupo Renault dende 1999. Tras coñecerse que Mitsubishi falseaba as emisións dos seus coches, o grupo Renault-Nissan adquire Mitsubishi. É entón, no 2016, cando o seu presidente e director Carlos Ghosn anuncia que o novo obxectivo desta alianza e aforrar en custos 10 mil millóns de euros anuais ao mesmo tempo que elevar as vendas a 14 millóns de coches para o 2022. Pura avaricia e total desprezo pola función social do traballo. Carlos Ghosn foi detido e arrestado polos típicos delitos fiscais e apropiación indebida no 2018. Fuxiu e puidemos miralo en Beirut no 2019… todo un tipo!.

Dende fai xa un tempo as persoas traballadoras de Nissan teñen a certeza de que a dirección da multinacional, seguindo a política de Carlos Ghosn, queren pechar en España. Comezan as mobilizacións. Manifestacións e grandes actos de traballadores de Nissan apoiados por traballadores de empresas auxiliares e provedoras inundan Barcelona dende finais do ano pasado. É agora, co confinamento, cando a dirección de Nissan para. Queren acabar rapidamente o choio pendente, unha furgoneta de Mercedes, e despois nada. Os traballadores dos cinco centros de Barcelona responden cunha folga indefinida que paraliza a produción pendente para Mercedes. A folga comeza o 5 de Maio e continúa hoxe. A dirección resposta cun ERTE fraudulento xustificando a paralización da produción no coronavirus cando é obvio que a paralización é directamente consecuencia da Folga. Vulneración do dereito fundamental e cimento de calquera sociedade democrática que denuncian os traballadores en folga. Uns traballadores que van amosando un camiño, o da unión e a loita. O único que nos queda.

Tras case un mes de folga ábrese unha caixa de resistencia. Hai esperanza. Esta nova crise comeza con enfrontamento. A loita de Nissan é a loita de todas as persoas traballadoras; pois todo paso adiante será terreo gañado para cando esta nova crise chegue a tentar imporse no teu traballo e a ti directamente. Unha derrota será algo que terás que tragar ou loitar directamente por recuperar.

Seguramente por todo isto, os medios de comunicación non cobren esta noticia. Chama a atención poderosamente que o seguimento desta folga, única polas circunstancias de confinamento e restrición das liberdades nas que se produce, sexa silenciada incluso por xornais dixitais de esquerdas. Quizais estea relacionado coa posición dos políticos que agora gobernan en Catalunya e España. Tras recibir Nissan millóns de euros en axudas dende a Generalitat e o estado estes políticos manifestan o seu apoio aos traballadores de Nissan… e aí queda a cousa. Como din os compañeiros da CGT en Nissan “…non van mais alá. Teñen presentado un proxecto de futuro para Nissan que non coñecemos os traballadores. Non exercen presión…”. O próximo 28 de Maio en Xapón tomarase unha decisión, unha pugna entre Nissan Inglaterra, Renault Francia e Nissan España por facerse pola produción. Xeito altamente nocivo, pero totalmente de moda, con banalidade e desenfado, de xogar cos 3.000 empregos directos e 20.000 indirectos de Nissan en Catalunya, enfrontando ademais á clase obreira deses estados nunha competición por reducir as súas condicións laborais. Esta nova, ou non tan nova, esquerda política xunto cos demais partidos, presentou un plan de futuro á cúpula en Xapón que non coñecen os traballadores. Queda claro que non teñen a mesma finalidade que o sindicalismo, colectivizar o traballo e a produción, senón que seguen aquela vella máxima de “todo para o pobo pero sen o pobo”. Quedemos entón cos traballadores de Nissan, non os esquezamos, apoiémolos e esteamos atentos a súa loita para facela nosa, dala a coñecer e unirnos…convénnos, e moito.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *