VI Época - 6

O BAILE DA MORTE. ALCOA, O ECOLOXISMO E O SINDICALISMO

Todos van al mismo son
Es el baile de la muerte
Todos buscan algo
El dinero abre su suerte
Todos siguen sus pasos
Es el baile de la muerte
Todos van al mismo son
Es el baile de la muerte.

Baile de la muerte. Desechables .1985.

Dende o mundo sindical, incluso dende algúns sectores da CGT, estase a reclamar a nacionalización de ALCOA coma solución para a destrución do tecido económico provocado polo anuncio de peche da súa factoría en San Cibrao nos municipios de Cervo e Xove pertencente a esta multinacional ianqui con sede en Pittsburgh, Pensilvania. Unha vez máis o capitalismo por medio da súa vangarda, a multinacional, condena a clase traballadora á ruína económica e social tras ter recibido cantidades astronómicas de millóns de euros en axudas, infraestruturas, condonación, abaratamento…e calquera cousa imaxinable pola que engordar os beneficios da multinacional a costa dos cartos públicos xestionados polo estado. Xa sabes, o mesmo de sempre.

Antes de nacionalizar, o comité de empresa de San Cibrán reclama tamén á Xunta e sobre todo ao goberno español unha serie de medidas para que a multinacional non peche a factoría e poda seguir sendo competitiva. Centrando o problema no alto custe da electricidade consumida. Para o comité, os gobernos, galego e español, non están dando unha resposta a altura das circunstancias, deixando morrer unha bisbarra enteira, A Mariña.

Así pois todo depende das decisións dos gobernos e non da multinacional que culpa a estes mesmos gobernos, aínda que si lemos a letra pequena tamén culpa ao mercado global, das perdas e falla de competitividade da factoría de ALCOA.

En plena precampaña electoral, agora xa campaña, das eleccións ao goberno da Galicia, as alternativas expostas dende os partidos políticos que aspiran a sentarse no Pazo do Hórreo grazas aos votos das persoas que confían neles confirman a sospeita de que o debate político semella cada día máis o cotilleo das novas do corazón. Dende o PP botan a culpa ao goberno central pois del é a competencia, din. Aínda así non sorprendería un golpe de efecto deste novo heroe galego, digno sucesor dos grandes homes galegos; Franco, Fraga, Rajoi e agora encabezando este século XXI…Feijoo. Dende O PSdeG acusan á Xunta de ser a súa competencia e detéñense no cruce de responsabilidades. Saen ao circo reclamando un grande acordo de país para reconstruír Galicia. Toma brindes ao sol. O BNG reclama a nacionalización e asume o problema como un problema de discriminación cara Galicia. Ademais a súa gran idea e o estabelecemento dunha tarifa eléctrica galega que abarataría os custes das inmensas e desproporcionais cantidades de enerxía eléctrica que consume a factoría. Fai un sol de carallo! Galicia bananeira!. Galicia en Común suxire un plan de rescate para ALCOA e En Marea a entrada temporal do estado no capital de ALCOA. Ostias! Eso ven sendo o que fíxose cos bancos e que antes tanto criticaban. As perdas para todos, os beneficios para os ricos.

Sen embargo hai unha fronte común encabezada polo comité de empresa a que sindicatos, partidos, políticos locais, a propia empresa ou a AEGE (Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía) súmanse dun o outro xeito. Falamos da defensa dos postos de traballo e o futuro da industria. Para comprender a disparidade desta fronte teremos que lembrar a historia desta factoría e o que ocultan.

A factoría de San Cibrao xestouse nas cacholas do “goberno dos tecnócratas” dos derradeiros anos da ditadura franquista. A través do INE (Instituto Nacional de Industria) a burguesía galega e española xunto coa canadense e francesa con intereses no sector do aluminio póñense mans a obra para construír unha fábrica de alumina e outra de aluminio. Esto foi no ano 1973, o 8 de Marzo asinábase o acordo. Se nesas datas pensouse en instalar as fabricas en Arousa pronto desbotouse a idea polas reaccións negativas da veciñanza. Foi entón cando pensouse nun enclave afastado e agochado, nunha bisbarra esquecida e que non presentara resistencia. Así o “Decreto 2414/1973, de 28 de septiembre, en su apartado correspondiente a la Zona de Expansión Industrial de Lugo, queda modificado en los términos siguientes: Zona de Expansión Industrial de Lugo: Comprende los Municipios de Cervo y Jove, de la comarca de Vivero”. Erraban os tecnócratas e a burguesía, o pobo da Mariña presentou resistencia coa solidariedade de amplos sectores da poboación galega e doutros lugares. A principal preocupación era a grande contaminación que produciría a fabrica. A esta contaminación sumóuselle a extorsión e chantaxe na expropiación dos terreos reducindo o prezo e un terzo do valor fixado legalmente pola comisión de expropiación. Expropiáronse 3.709 fincas.

Entre o 21 de decembro de 1978 e o 13 de marzo de 1979 os traballadores, fartos dos altos índices de inseguridade laboral que se traducirán en máis dunha ducia de mortos nas obras de construción do complexo, reclaman a toma de medidas por parte dos responsables empresariais. A voz cantante é tomada pola CNT que crea unha Coordinadora que se encargaría de esixir á empresa as melloras precisas. Esta medida non conta co apoio dos demais sindicatos. Sucédense varios paros, manifestacións que son duramente respondidas polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (o 6 de marzo de 1979 producíronse na carga policial varios feridos e ata trece detidos) e unha folga xeral celebrada entre os meses de febreiro e marzo do ano 1979. A mediados do mes de febreiro, cun acordo básico e tácito entre a patronal e os sindicatos non anarquistas, deuse por rematado este episodio.

En Abril de 1979 as protestas xeneralízanse na bisbarra e na provincia de Lugo. As emisións de flúor despois da posta en funcionamento das primeiras cubas de electrólises superan o cuádruplo do permitido afectando gravemente a animais e plantas.

Finalmente a familia real española inaugura a fábrica o luns 6 de Outubro de 1980 coa bendición do complexo polo Monseñor de Mondoñedo Araújo Iglesias e os discursos correspondentes de altos cargos do goberno. Semellaba que efectivamente todo quedou ben atado.

Pese que a oposición de innumerables persoas e entidades non conseguiu que non se puxera en funcionamento a fabrica, si conseguiu que se desbotara o proxecto dunha central nuclear na Regodela, concello de Xove, para alimentar electricamente a fabrica de San Cibrao. Dende entón esta dependencia é suplida pola central térmica de As Pontes.

O ano 1983, pouco despois da súa inauguración, comeza cunha suspensión de pagos en Alúmina-Aluminio, o famoso nome co que comezou a fábrica. Esta suspensión de pagos era consecuencia do que ven sendo ata o día de hoxe unha constante na historia desta factoría, os problemas de sustentabilidade económica. Estas dificultades fan que finalmente no ano 1985, mentres producíase a reconversión naval, o Instituto Nacional de Industria fagase coas accións que Pechiney (francesa) e ALCAN (canadiana) tiñan na sociedade ENDASA que dirixía a fábrica a cambio de miles de millóns de pesetas. Nace así o grande grupo público do aluminio español, INESPAL. Esta nacionalización da fábrica esténdese ata o 6 de febreiro de 1998, cando o recén estreado goberno do Partido Popular asinaba a venda a ALCOA. Isto abriulle as portas do mercado europeo á multinacional ianqui, fuxindo das restricións alfandegueiras.

Aínda que durante o período nacionalizado de INESPAL os custes de enerxía e ecolóxicos corrían a conta de papá estado a empresa viuse en verdadeiras dificultades polos vaivenes do mercado. Coa chegada de ALCOA a empresa apostou por tentar achegar unha nova filosofía de traballo, a súa propia, ó conxunto de traballadores a través de charlas onde se lle expoñía ó persoal da factoría a nova política laboral, unha política laboral debedora do seu carácter de empresa multinacional pero fortemente marcada pola súa orixe estadounidense. É dende entón que a representación sindical da empresa ven premendo as autoridades para o abaratamento da enerxía eléctrica e pedindo solucións para a viabilidade de ALCOA.

E chegamos ao oculto. A contaminación. Esto explícao detalladamente o recente informe de ADEGA, Asociación pola Defensa Ecoloxista de Galicia: “O complexo de San Cibrao é dos complexos químico-industriais máis contaminantes de Galiza e dos que maior pegada teñen sobre o clima polas emisións e os enormes consumos de enerxía que demanda. Consume máis de 3.700 GWh/ano de electricidade, o que equivale aproximadamente ao 20% parte de todo o consumo eléctrico de Galiza, ao 65% do consumo eléctrico da provincia de Lugo, e ao total do consumo eléctrico das sete principais cidades galegas. Agora, perante a desaparición da súa principal fonte de enerxía, a central térmica das Pontes, e no marco da transición cara a unha economía descarbonizada, as necesidades enerxéticas de Alcoa terán que ser satisfeitas a partir de enerxías renovables, o cal volvería a condicionar por completo o deseño do futuro sistema enerxético galego e español. Cantos montes, chairas e vales máis teríamos que ocupar con parques eólicos e centrais hidroeléctricas para satisfacer o consumo inxente de enerxía de Alcoa?

Por tanto, a factoría de Alcoa en San Cibrao, indirectamente, sería responsable de parte do impacto ambiental xerado pola térmica máis contaminante do Estado español. Pero tamén, no seu proceso de fabricación de alúmina e aluminio, emite os seus propios compostos gasosos á atmosfera con efectos perniciosos sobre a saúde ambiental e humana, sendo unha das 5 industrias asentadas en Galiza que máis emite dióxido de carbono (1.098.000 t CO2), entre outros contaminantes: CO 31.000 t; SOx 3.740 t; NOx 165 t; HF (fluoruros) 114 t. e 177 t de partículas PM10, segundo o rexistro estatal PRTR1. Só na fabricación de aluminio emite á atmosfera: CO2 419000 t; CO 20.600 t, NOx 207 t, SO2 3.630 t, PFC 1,3 t; Ni 130 kg.; Flúor 111 t , PM 10 232 t.

Alcoa recoñece na documentación presentada na Xunta para a renovación da súa autorización ambiental integrada (AAI) que supera os límites de emisión para o flúor e as partículas por factores moi altos (máximo de x20 e x14, respectivamente).

O ano pasado, demostrando un absoluto desprezo pola normativa vixente, Alcoa solicitoulle á Xunta que lle concedese unha nova excepción para superar os valores legais de emisións contaminantes actualmente en vigor, ameazando con posibles despidos se non o facía.

O complexo de alúmina-aluminio tamén exerce unha presión importante sobre o recurso auga. Consume ao ano 6 millóns de m3 de auga que capta do río Cobo, o equivalente ao 15% do consumo anual de auga de todos os fogares galegos. Paralelamente, emite cada ano uns 7,5 millóns de m3 de efluentes que van parar ao mar, ademais dos frecuentes vertidos que se coan a través das filtracións da balsa de lodos vermellos, o grande pasivo ambiental de Alcoa, cuxo futuro aínda é incerto.” Este informe chamado 5 verdades e 5 mentiras sobre ALCOA. Na procura dunha solución integral para A Mariña, expón claramente os problemas de ALCOA e porque moitas persoas pensamos que unha fabrica coma esa nunca debeu existir.

Se ALCOA ameaza con pechar e non vender a factoría polo alto custe da enerxía eléctrica o comité presiona para que sexa rebaixado. Este é a día de hoxe a principal demanda do comité pois non lles vale que esta enerxía siga as leis da oferta e demanda, as leis do mercado e que este se autoregule nunha poxa por esa enerxía, non. A multinacional require dun trato preferente dunha intervención estatal. O comité concorda. As declaracións de José Antonio Zan, presidente do comité, unha vez coñecido os resultados da poxa eléctrica non teñen desperdizo “ O goberno quere deixar caer a industria electrointensiva de todo o estado para así poder pechar centrais térmicas, reducir CO2… os intereses están claros, a ministra é a que ten o orzamento total da industria española a que tramita a interrompibilidade e concede as axudas para o pago das cotas por altas emisións de CO2.. é ecoloxista e non cre na industria para nada”. Con declaracións como estas ata dan ganas de votar a ministra.

A proposta que inicia, en contra de todo, ADEGA é sen dúbida a única posible, a única sustentable, a única real. Unha solución integral para A Mariña que pasa polo fin da fabrica de San Cibrao tal e como a coñecemos ata agora. Dende o sindicalismo deberamos apostar pola expropiación e socialización da factoría e a súa transformación nunha fabrica sustentable, polo pago da débeda ecolóxica e a devolución das axudas públicas, pola inversión pública en A Mariña para a transformación do seu tecido económico en un tecido sustentable e ecolóxico.

Así a todo entendo a preocupación das persoas que viven naquel fermoso lugar que é A Mariña, a preocupación por ter que abandonalo pola imposibilidade de obter recursos económicos para poder seguir vivindo no lugar en que naceron e aman. Comparto a desconfianza nas autoridades como para poder abrazar e crer nunha alternativa real a ALCOA. Entendo a crenza en que as autoridades inverterán en ALCOA ou deixarán morrer A Mariña. Así a todo penso que erran que a viabilidade de A Mariña e a súa continuidade coma bisbarra viva pasa polas ideas que esboza ADEGA, por loitar por elas, duro, moi duro. Terían moitas complicidades e solidariedades e construirían un outro espello onde mirarnos e co que loitar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *