O SECTOR FERROVIARIO DE CGT EN DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS FERROVIARIOS

A empresa pública RENFE está a aproveitar a pandemia do virus COVID-19 pra impoñer un recorte nos servizos ferroviarios que presta á cidadanía no ámbito estatal, pero que en Galiza ten unha especial repercusión nos servizos de rexionais que miles de persoas utilizan pra ir a traballar ou pra desprazarse ás cidades a facer trámite nas administracións, sanidade, ou outros servizos básicos.

Os Servizos ferroviarios rexionais de ferrocarril galego, operados por RENFE-Viaxeiros están enmarcados nas Obrigacións de Servizo Público establecidas nun contrato entre RENFE e o Ministerio de Fomento pra a prestación dos servizos de transporte público por ferrocarril durante o período 2018-2027. Neste período, RENFE-Viaxeiros comprométese a explotar en exclusiva os servizos establecidos como Obrigacións de Servizo Público.

Estas O.S.P., que se atopan reguladas en normas europeas e nacionais, responden á necesidade económica e social de facilitar a mobilidade das persoas residentes nos territorios segmentados como Galiza. Estas establecense pra garantir que os servizos se cumpran con requisitos de continuidade, regularidade, capacidade e prezos que as empresas non asumirían se unicamente tivesen en conta o seu interese comercial e de beneficios económicos.

O Ministerio de Fomento e RENFE están a incumprir estas normas xa que tras o estado de alarma eliminou no eixo atlántico Vigo-Coruña-Ferrol unha chea de trens en franxas horarias que coinciden con horarios de entrada e saída das quendas de traballo.

Na Galiza rural, RENFE só deixou en determinadas relacións un tren por sentido, impedindo que unha persoa poda ir e voltar en tren ó seu destino no mesmo día.

Así mesmo se suprimiron as conexións con Portugal e se eliminaron trens de Longa Distancia, como os trens hotel Galiza-Madrid ou Galiza-Barcelona e o tren Galiza-Euzkadi-Hendaia, que permitían a conexión transversal de Galiza con Castela e León, Euzkal-Herria, Aragón e Catalunya.

Estes recortes teñen unha especial incidencia nos empregos do Sector Ferroviario máis precarios, xa que os servizos de restauración a bordo dos trens e asistencia presencial a persoas de mobilidade minguada, contratados con empresas externas, están sen actividade e a maioría das súas traballadoras acollidas a un ERTE.

Dende CGT imos a loitar contra estes recortes, esixindo que se repoñan os trens e servizos eliminados, que se permita utilizar o tren á cidadanía e que súas traballadoras volvan ós seus postos de traballo.

Con este obxectivo convocamos unha concentración o vindeiro mércores 22 de Xullo as 12 da mañá na estación de Vigo Guixar, onde amosaremos a nosa protesta contra os recortes de servizos ferroviarios, loitando na defensa do seu emprego e por un ferrocarril público e social como medio de transporte sostible e respectuoso co medio ambiente que da servizo á cidadanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *