LUDDISTAS, AIRBUS E A POLÍTICA KRISTALINA

No, no, no, no,
No, no es posible
Se ha averiado mi respuesta flexible
Y el airbus, se ha vuelto loco
y no me quiere llevar al Orinoco.

Ataque preventivo de la URSS. Polansky y el ardor.1982

Contábame o outro día un vello amigo, traballador da industria do metal: –Larri!, non sabes como ten cambiado todo. Agora os ritmos de traballo son moito máis intensos, vas ao límite. E os robots, van dun lado para outro como se quixeran atropelarte e quitarte o posto de traballo. Todo son liñas amarelas no chan e eses robots teñen invadidos os corredores. Ías flipar! É incrible! Danche unhas ganas de darlles unha patada!-. Entón falamos dos luddistas. Aquel movemento que recibiu o seu nome do mítico Ned Ludd, o seu líder. Un líder que nunca existiu: foi un nome propio bosquexado polos poboadores para despistar ao exército de dez mil soldados que os perseguían. Outros líderes que asinaron cartas burlonas, ameazantes ou peticións se apelidaban “Mr. Pistol”, “Lady Ludd”, “Peter Plush” (felpa), “Xeneral Justice”, “Non King”, “King Ludd” e “Joe Firebrand” (o incendiario). Algún remitente aclaraba que o selo de correos fora estampado nos próximos “Bosques de Sherwood”. Unha mitoloxía incipiente superpoñíase a outra máis antiga. Todo comezou un 12 de abril de 1811. Durante a noite, trescentos cincuenta homes, mulleres e nenos arremeteron contra unha fábrica de fíados de Nottinghamshire, destruíndo os grandes teares a golpes de maza e prendendo lume ás instalacións. O que alí ocorreu pronto sería folclore popular. Outros setenta teares foron esnaquizados esa mesma noite noutros pobos das proximidades. O incendio e os golpes das mazas desprazouse logo cara aos condados veciños de Derby, Lancashire e York, corazón da Inglaterra de principios do século XIX e centro de gravidade da Revolución Industrial. O regueiro que partira do pobo de Arnold expandiuse sen control polo centro de Inglaterra durante dous anos. Dous anos de loita social violenta, mil cen máquinas destruídas, un exército enviado a “pacificar” as rexións sublevadas, cinco ou seis fábricas queimadas, quince ludditas mortos, trece confinados en Australia, outros catorce aforcados ante as murallas do castelo de York… Pero sabemos, moi, moi pouco sobre as intencións ludditas e sobre a súa organización. A propia fantasmagoría de Ned Ludd explícao: aquela foi unha sublevación sen líderes, sen organización centralizada, sen libros capitais e cun obxectivo quimérico: discutir de igual a igual cos novos industriais. Pero ningunha sublevación “espontánea”, ningunha folga “salvaxe”, ningún “estoupido” de violencia popular salta da nada. Leva anos de incubación, xeracións transmitíndose unha herdanza de maltrato, poboacións enteiras macerando saberes de resistencia: ás veces, séculos enteiros vértense nun só día. A espoleta, xeralmente, sácaa o adversario. Cara a 1810, o alza de prezos, a perda de mercados por mor da guerra e un complot dos novos industriais e dos distribuidores de produtos téxtiles de Londres para que estes non compren mercadoría aos talleres das pequenas aldeas téxtiles acendeu a mecha. Por outra banda, as reunións políticas e a liberdade de letra impresa foran prohibidas coa escusa da guerra contra Napoleón.

O luddismo sempre é un tema que inspira conversación e que a pesar do tempo transcorrido segue de actualidade. O eterno debate de que se a ciencia e a tecnoloxía van demasiado lonxe. Moitas son as evidencias, ou cando menos, do seu uso para o control da poboación ou a súa evolución en base aos intereses dos acaparadores de diñeiro, en contra do benestar da poboación. Contábanos Raoul Vaneigem no seu “Tratado do saber vivir para uso das xoves xeracións” que estadísticas publicadas en 1938 indicaban que unha posta en práctica de técnicas de produción contemporáneas reducirían a duración das prestación das horas laborais necesarias a tres horas diarias. Como deron a entender os ludditas, as máquinas non viñan para liberarnos.

A día de hoxe, co perigo ameazante da pandemia, das decisións políticas e económicas da pandemia, estamos a asistir a unha reconversión industrial e altamente tecnolóxica. Segundo Kristalina Georgevia, directora xerente do FMI “ O virtual estancamento económico bríndanos, non obstante, unha oportunidade de usar as políticas para transformar a forma en que vivimos, e construír un mundo máis verde, máis intelixente e máis xusto”. “mais verde: na medida en que as economías se estabilicen, teremos a oportunidade de reorientalas de xeito que a sustentabilidade e resiliencia sexan tan prioritarias como a eficiencia e a rendibilidade. Namentres, o abaratamento das materias primas poden crear o espazo fiscal para eliminar gradualmente os subsidios regresivos aos combustibles”. “Máis intelixente: A crise ten posto de manifesto a importancia de inverter para fortalecer a infraestrutura dixital e crear un marco de políticas robustas”. “ Máis xusto: O aumento do gasto público en apoio a persoas, empresas e comunidades ofrece a oportunidade de inverter na xente para construír sociedades e economías máis equitativas. Esta inversión terá que financiarse con impostos máis equitativos”. “Estámonos axudando os uns aos outros, a gran e pequena escala. Un novo espírito de solidariedade. Esta é a solidariedade que me fai albergar esperanza no futuro. O FMI xa demostrou o seu temple como socorrista económico de primeira liña durante a crise. Ao entrar na segunda fase, a da recuperación, a institución que dirixo está decidida a apoiar aos países membros de todas as formas que poidamos: mediante asesoramento sobre políticas, financiamento e actividades de fortalecemento das capacidades. Xuntos aproveitaremos a oportunidade para construír un mundo mellor”. Aquí temos o discurso que durante á próxima década, que é o tempo que Kristalina prevé como fase de recuperación, vamos a escoitar unha e outra vez, infinitas veces, de boca dos partidos políticos e sindicatos, medios de comunicación, especialistas e universidades, tertulianos e columnistas, twiters e muros e todo medio que sirva para invadir o noso pensamento e anular a nosa desconfianza nunha institución que pretende acaparar a soberanía mundial. Se lemos as declaracións de Kristalina con atención atopamos ademais de contradicións, gato encerrado. Posiblemente o mesmo que nos deron entender os luddistas. Nin as máquinas nin o FMI chegan para liberarnos e construír un mundo mellor.

Dende La Campana, e dende que inauguramos esta nova VI época, vimos poñendo en coñecemento e comentando a realidade á que nos enfrontamos os traballadores. Unha realidade que evidencia a existencia dese gato encerrado. Sumamos agora ao comentado as semanas anteriores o exemplo da industria aeronáutica, unha industria vangardista, desas as que seguir para construír un mundo mellor, segundo Kristalina. A compañía Airbus, unha das máis importantes xunto coa ianqui Boeing, anuncia que se enfronta a unha gran crise sen precedentes polo que presenta o seu plan de axuste 20/20. Segundo a sección sindical de CGT-Airbus, “Para nós, a multinacional quere aproveitar un problema de consecuencias globais para realizar unha redución do “custo produtivo” da empresa, asociándoo unicamente ao custo salarial, de forma que con a perda de miles de postos de traballo -2.665 en Defensa e Espazo e 14.931 en Comercial, 17.596 en todo o grupo-, co obxectivo principal de asegurar os beneficios dos accionistas. En concreto en España, 1.622 persoas sobre as que quere facer recaer a actual crise.” Fálannos tamén do aumento do gasto público en apoio ás persoas, empresas e comunidades para construír sociedades máis xustas que pregoa Kristalina e Airbus reifica “Airbus está definindo o futuro dos traballadores, en función das axudas; por exemplo, si o goberno alemán, prorroga a dous anos o desemprego “Kurzarbeit” que actualmente é ata o 31/12/2020, Airbus diminuirá a súa pretensión en 1.000 traballadores, de paso, se lles dan axudas para un modelo de avión descarbonizado, outros 500 enxeñeiros poderían desaparecer dos excedentes”. Así Alberto Gutièrrez, presidente de Airbus-España declara “Estamos traballando para buscar alternativas e solucións e estou convencido de que o Goberno español vai facer todo o posible por estar á altura”. Declaración que á CGT lle parece unha clara chantaxe ao goberno. A sección sindical ofrece aos traballadores, e á sociedade en xeral, unha alternativa ao plan de axuste 20/20 de Airbus, e á “política Kristalina”. “Apostamos pola redución de xornada anual, existen diferentes modelos que, dependendo do centro ou área, poderíase aplicar dunha forma ou outra. Ou ben 4 días semanais, centralizados nos venres, ou en 6 horas de traballo diarias con un límite de 30 h. semanais”. Respecto aos ritmos de traballo “Non podemos permitir que mentres os robots destrúen emprego, quenes traballan en postos manuais enfermen e accidenten por sufrir ritmos inhumanos”. Tamén coa tecnoloxía desvelan un antigo mal “A crecente dixitalización de millóns de postos de traballo debe ser realizada baixo criterios de igualdade, impedindo manipulacións e nepotismo nas empresas. Por iso temos que esixir criterios de igualdade para a formación e a ocupación de postos de novas tecnoloxías”. E outras medidas das que seguro non gostan nada a recuperación que deseña o FMI como “Eliminación de subcontratas In Situ e ETTs, eliminando a precariedade e os acordos ocultos entre empresas. Imposto aos Robots, en especial a aqueles cos que se reducen postos de traballo. Aumento de impostos sobre os beneficios das empresas. Devolución das axudas públicas si as empresas realizan despedimentos colectivos ou deslocalizacións”.

Para facer un mundo máis xusto e solidario temos que vencer o medo. O medo a quedarnos na rúa. O medo a saír á rúa e contaxiarnos co que tanto nos bombardean e controlan. O medo a xuntarnos. O medo a traballar con outras organizacións e colectivos. Temos que redefinir as respostas e, quizais, aplicar estratexias e tácticas que utilizaron os luddistas, como a autorganización, a carencia de líderes, o anonimato, e discutir de igual a igual co FMI. Para isto necesitamos a revolta e, quizais, queimar e golpear coa maza algunha fábrica como Airbus-militar, destruír os avións de guerra que fabrica e comercializa. Quedarnos coa parte civil da súa produción e finalmente socializala. Inverter a perspectiva que dicía Vaneigem.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *