A VOLTA AO COLE, UN CONFLITO SOCIAL
Para crear persoas libres e autoxestionadas é preciso
que cada individuo decida, escolla e trate daquilo que lle interesa
sen necesidade das ordes de ninguén,
sendo consciente das súas propias limitacións, que a persoa elixa que,
como, cando e onde quere traballar os conceptos,
actividades e actitudes necesarios para a súa educación.
Paideia. Escola libre.
Cando saíron as primeiras leis democráticas de educación vivíamos un certo progresismo, que cando menos na súa motivación, no seu preámbulo, deixábao por escrito. Nesa época nace a Escola Libre Paideia. Ao seren unha Escola Libre foi atacada e tentada de pechar polas autoridades do estado. Sen embargo, como contan as persoas que a fixeron posible ata hoxe en día, Paideia, sen ser unha escola progresista, era a única escola que realmente cumpría a Lei pola súa metodoloxía e pedagoxía, moi avanzada comparada coa Escola Pública do momento e moito máis coa privada. Moito tempo e leis ten pasado dende aquela. Cada nova lei, en xeral, ía diminuíndo aspectos dese progresismo ata chegar a actual LOMCE. Agora coa Pandemia, o Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021 retrae a educación a tempos do Nacional Catolicismo. Un protocolo que saíu dun despacho sen ser consultado a ninguén da comunidade educativa. Este protocolo está a crear un conflito que transcende do meramente laboral co profesorado, pois é moita a poboación que descoñece, que non ten referencias, para organizar o seu día a día.
A mentalidade da organización empresarial, correr, coller moito traballo, traballar sobre pedido… en definitiva facer todo correndo e a última hora rezuma na xestión que a Xunta está a facer desta volta ao cole e neste protocolo. Quizais, incluso, a facción máis chapuceira desta mentalidade. O profesorado, e tamén o persoal laboral, mantemento ou limpeza, sobre todo limpeza, atopase cabreado, desanimado, triste, abandonado e ao borde da desesperación. A incerteza e a falla de organización, incluso de cousas que noutros anos a estas alturas xa estaban organizadas dominan o interior dos centros escolares públicos. Non é nada novo, profesorado, sindicatos, familias e sociedade veñen denunciando a deixadez dos gobernos da Xunta e Español cara a educación pública a favor da privada/concertada e o seu ánimo de lucro dende fai moitos anos. Puriño liberalismo.
Convocouse unha folga para o profesorado por parte dos sindicatos de ensino, e aínda que non coñezo cales foron as condicións nas que se convocou, mostrase totalmente insuficiente, incluso anecdótica, ou como diría un vello amigo meu, anarcosindicalista, para lavala cara. Sen embargo, o profesorado e direccións dos institutos de Redondela, Soutomaior, Mos, Compostela, 18 de Pontevedra e bisbarra e unha vintena das bisbarras de Coruña, Bergantiños e As Mariñas comunicaron á Xunta de Galicia a súa negativa a abrir os centros debido ás incertezas provocadas pola xestión da Xunta. Este acto de desobediencia fixo recuar á Xunta e atrasar a apertura dos institutos ata o día 23 de Setembro. É bastante difícil atopar exemplos de desobediencia colectiva entre o funcionariado. Este é un exemplo de autoorganización e autoxestión dos implicados, sen delegación, onde as decisións e as accións son feitas polos propios implicados…é un exemplo da eficacia deste xeito de facer. O profesorado ten moitas queixas. “Non só non temos coñecemento das vacantes que nos corresponden. Non sabemos si as nosas propostas van ser aceptadas, tanto no relativo á modificación de horarios ou quendas como de número de docentes” ou “é imposible organizar os horarios do profesorado, asignar os espazos ao alumnado”. Anecdotario, por non ser do máis importante pero moi significativo son as distancias ás que ten que estar o alumnado. Calquera podemos imaxinar a quebradura de cabeza que supón reorganizar un instituto xa sexa de 200 como de 2000 alumnos para que se respecten as distancias sociais. O tempo que leva mover cadeiras, mesas, mobiliario, ordenadores, etc…, evidentemente polo profesorado, para que ao pouco de facelo unha contraorde da Xunta o modifique e volta a comezar. Entre o metro ou metro e medio, de distancia entre pupitres, mascara e mamparas xa se levan adaptado os centros escolares tres veces. As ondiñas que veñen e van do protocolo, a indecisión e os parcheos inundan de caos aos centros educativos. Estase a descargar toda a responsabilidade, incluso a responsabilidade civil, da saúde dos rapaces no profesorado e nos equipos directivos sen terlles dado ningunha formación sanitaria fiable e cientificamente probada, soamente, un pouco, ao equipo Covid de voluntarios sen formación sanitaria, como todo o profesorado. Non hai aumento nin de recursos nin de persoal. O que sí hai son, ordes e máis ordes que o profesorado non pode garantir a súa aplicación e cumprimento, pero que teñen que levar a cabo pola súa condición de funcionario do estado, aínda que se saiba que son imposibles. A impotencia e a desesperanza como clima de traballo.
Moito do profesorado tamén ten fillos en idade escolar, aos que non saben se van poder levar ao cole, a que hora recollelos, tanto polo seu incerto horario de traballo como polo das crianzas, se van ter comedor, aula madruga, actividades escolares. As ANPAs viñan xestionando moitas dos comedores, madrugas e extraescolares polo abandono da conciliación na escola pública por parte das institucións, xa sexa por non ofrecer estes servizos ou ofrecelos de malísima calidade. Pese a que a principal función das ANPAs, xunto coa asistencia ás familias en todo o que concirne á educación das súas crianzas, é a participación, delegada, nas comisións e órganos de goberno do centro, municipais polo Consello escolar municipal, automómico polo Consello escolar de Galiza e estatais polo Consello escolar estatal. Estas primeiras funcións e razóns de ser das ANPAs son abandonadas debido ao traballo, pouco agradecido, de xestionar os servizos de conciliación. Agora, con este protocolo a Xunta responsabiliza, en todos os sentidos, as ANPAs de todo aquilo que poida ocorrer durante os servizos que organiza. Esixe a elaboración de protocolos para as actividades, sen axudar con recursos económicos ou humanos, como poñer a disposición das ANPAs alguén capacitado para facer este tipo de protocolos. As ANPAs de moitos centros e concellos dirixíronse á Xunta negándose a organizar as actividades de conciliación e esixindo que sexan as autoridades sanitarias e educativas conxuntamente quenes elaboren, garantan e se responsabilicen dos protocolos para as actividades de conciliación. Non hai resposta, salvo a marrullería de mentir en notas de prensa da Consellería de Educación dicindo que as federacións de ANPAs chegaran ao acordo co novo Conselleiro de educación de organizar as actividades. Mentira para provocar confusión.
Todo esta choiva de liberalismo en xeito de caos, está a ser criticada polos sindicatos de ensino, partidos políticos e incluso moitas ANPAs centrándose na seguridade e cos argumentos da escalada do delirio provocado polo tratamento da pandemia pola prensa, gobernos e demais adaptados liberais. Sen embargo, hai un fío de esperanza. Pola parte do profesorado, as pedagoxías que poñen ao neno no centro, que sexa o protagonista da súa educación, a confianza no seu autoregulamento, levan calando dende que Paideia abriu ás súas portas. É entón cando a crítica á volta ao cole faise con argumentos educativos e pedagóxicos. É entón cando o profesorado se cabrea, e di que é un protocolo deshumanizado e contra os dereitos do neno, non son posibles alternativas creativas, as crianzas son silenciadas, en vez de ir ao cole semella que van a unha cárcere. Levamos moitos anos loitando por que nos deixen facer unha educación centrada nas necesidades e intereses dos nenos e de repente todo se ven abaixo, obrígannos a facer cousas que non queremos facer e que cremos que son prexudiciais para o desenrolo das crianzas. A infancia e adolescencia están sendo maltratadas nesta pandemia. Ao seu encerramento absoluto, que nin tiveron as mascotas, durante o confinamento, súmase agora unha volta ao cole onde limitan o movemento e o descanso do alumnado, minimizan o tempo de lecer ao aire libre, eliminan a cooperación e a convivencia e converten as escolas en espazos de recluimento individual onde nenas e nenos, mozas e mozos, deben permanecer de xeito pasivo e illado. Só hai que pensar, poñerse no seu lugar para preguntarse: Onde os metemos?. Así tamén, unha iniciativa de familias propón non levar aos nenos a escola. Familias en folga, que elixiron chamarse, son familias preocupadas pola saúde dos seus fillos, pola súa educación, e pola igualdade de oportunidades, por unha escola xusta. As familias en folga son outro exemplo de autoxestión e toma de decisións sen mediacións.
Seguro, o máis autoritario, segregador e inxusto é a omisión do alumnado con necesidades educativas especiais. Moitos dos especialistas e orientadoras teñen claro a incompatibilidade das normas do protocolo coa atención á diversidade e ás necesidades especiais. Dende as poucas posibilidades de movemento que hai, ou de movemento ao longo do curso. A imposibilidade de tomar medidas de apoio, condenados a estar sentados nunha cadeira sen moverse, sexa como sexa, da igual que sexan capaces como que de verdade non, engaiolados incluso no patio, sen poder moverse para volver a clase a unha cadeira. Sen poder levalos nin tan sequera á aula de apoio polo mínimo aforo, ou peche, que teñen as aulas comúns. E pola necesidade de recursos que xa tiñan nunha situación de normalidade, que daquela o profesorado e familias estaban reclamando por ser insuficientes, e que a día de hoxe, coas tremendas dificultades que supón enfrontarse a esta pandemia, non se teñan aumentado.
Se o conflito está servido tanto dentro como fora do cole, quizais non sexa máis que o comenzo. A necesidade de que a vida siga, urxe de medidas para a conciliación da vida laboral e familiar. A certeza de que vai a producirse un enfrontamento de intereses entre a actividade laboral e a necesidade de unha atención respectuosa e de calidade coa infancia e adolescencia ameaza con espallar o conflito ás fábricas e centros laborais. O futuro desa infancia e adolescencia depende de como nos organicemos e, na medida da nosa situación como afectados e protagonistas, sexamos capaces de atopar camiños comúns e xustos con todos. Camiños de resistencia. Camiños… por explorar.