VI Época - 12

FALAMOS COA SECCIÓN SINDICAL UNITARIA DA CGT EN NAVANTIA-FERROL

Falamos con Xaquín que atendeu prontamente o noso chamado. Coa Sección Sindical Unitaria, na entrevista explícannos que é isto, temos certa complicidade, somos editores. Editan unha folla informativa para os seus compañeiros e a disposición de quen queira, nas redes ou na web da CGT de Galicia, e que dende aquí recomendamos. Persoalmente, outra complicidade quizais sexa que meu pai traballou moitísimos anos no Estaleiro Vulcano de Vigo. Cando eu era neno e adolescente, vivín nas miñas carnes a reconversión naval.

Pregunta: Ola Xaquín! hai xente que dí que ferrolterra é unha bisbarra deprimida. Como mirades vos a vosa bisbarra? Que significa Navantia en Ferrolterra?

Resposta: Ferrol existe porque existen os estaleiros. A cidade foi levantada a mediados do século XVIII porque o Estado decidiu construír na nosa ría uns estaleiros e unha base naval. Ou sexa, primeiro foron os estaleiros e despois foi a cidade. Isto xa o di todo. Navantia é o pulmón económico de Ferrolterra, e ademais un pulmón industrial, sector que xera máis valor engadido ca outros sectores produtivos. Por tanto, a saúde económica da comarca está totalmente vencellada ós ciclos construtivos dos estaleiros. O actual deterioro económico da comarca é unha consecuencia directa da reconversión naval que levamos sufrindo dende a década dos oitenta do século pasado.

P: Que quere dicir, a día de hoxe, para a plantilla, que Navantia sexa unha empresa pública?

R: Que aínda se manteñan unhas condicións laborais dignas na principal (aínda que en retroceso pola complicidade de CCOO e UGT coa empresa) e que aínda se manteñan abertas as propias factorías. Sobre todo no caso de Fene, non cabe dúbida de que levaría anos pechada de non ser unha empresa pública.

P: Agora, a CGT está no Comité de empresa. Como foi o proceso para chegar alí? Cales son as vosas forzas e impresións unha vez dentro?

R: A CGT formouse en outubro de 2018, a partir dun grupo de militantes do Sector Crítico de CCOO que, despois de moitos anos de loita dentro, decidimos abandonar o sindicato e presentarnos ás eleccións sindicais que se ían celebrar ó ano seguinte. A razón fundamental para irnos á CGT foi que chegamos á conclusión de que a dirección de CCOO traspasara tódolos límites da colaboración coa patronal e que o movemento obreiro necesita un novo comezo.

Unha vez chegados a tal conclusión, o seguinte paso era decidir que forma adoptar. Desde o primeiro momento desbotamos a idea de crear un colectivo sindical de empresa. Todo o contrario: tíñamos moi claro que queríamos fortalecer un sindicato de clase, unha ferramenta de loita do conxunto dos traballadores e traballadoras. Así que só quedaba por decidir cal e, como é obvio, a nosa opción foi a CGT.

O resultado electoral foi moi bo (3 delegados, quedándonos a só un voto do cuarto). No ano que levamos no comité confirmamos a penosa situación pola que atravesan os mal chamados “maioritarios”, que están dexenerando cara a un sindicalismo clientelista. No día a día, defendemos as nosas propostas, editamos un boletín informativo semanal e tomamos as iniciativas que nos parecen necesarias. Por exemplo, entendíamos que era necesario unha maior iniciativa sindical co tema da pandemia. Como o comité pasaba de todo, o 16 deste mes convocamos unha concentración na porta da factoría á hora do bocata e celebramos una roda de prensa. Evidentemente, se a concentración chega a convocala o comité a asistencia tería sido moi superior. Pero ninguén poderá dicir que a CGT non fixo nada. Nós, polo menos, imos ofrecer unha canle para que os traballadores se poidan expresar.

P: Unha das cousas que me chama poderosamente a atención e que sexades unha Sección Sindical Unitaria. Que é iso de Unitaria? Por qué Unitaria?

R: Pola mesma razón que nos denominamos como sección sindical “en” Navantia-Ferrol (e non “de” Navantia-Ferrol). Porque entendemos que un sindicato de clase non pode facer distincións entre traballadores da principal e das subcontratas. Esa división é un auténtico cancro.

Infelizmente, e sabémolo por propia experiencia, o sindicalismo maioritario xoga un papel nefasto, fomentando a idea de que para que uns (os da principal) estean ben, outros (os das compañías) teñen que estar mal. Como dixo un dirixente da sección sindical de CCOO nun debate: “O mundo está así. Que lle vamos facer!”.

Por iso tivemos moi claro que queríamos construír unha sección sindical unitaria que englobase a afiliados de ambos colectivos e que abordase tódolos problemas desde unha perspectiva solidaria e unitaria. Era algo tan fundamental para nós, que cando fomos falar coa dirección da CGT preguntamos se algunha norma interna da CGT impedía formala, porque para nós era un aspecto crucial.

Así que colaborar coa patronal na explotación dos compañeiros subcontratados é algo que deixamos para outros. De feito, a actuación de CCOO ó servizo da dirección de Navantia e das empresas auxiliares durante a folga indefinida das compañías da ría de Ferrol no outono de 2017 foi o punto de inflexión que marcou o inicio da nosa reflexión colectiva sobre se tiña senso continuar nese sindicato.

P: Cales son as principais preocupacións da Sección Sindical Unitaria e como as afrontades?

R: A principal, e única, preocupación é defender os intereses de clase dos traballadores, sexan da principal ou das compañías. Afrontámolas sempre desde a óptica de facer ver que tódolos traballadores temos os mesmos intereses e que as divisións que introducen as empresas e os seus colaboradores sindicais son artificiais e teñen como obxectivo que todos acabemos máis explotados, aínda que os ritmos da degradación das condicións laborais sexan moi distintos.

Os grandes temas que condicionan a vida dos traballadores (dereitos laborais, cobertura do desemprego, pensións, sanidade, ensino, políticas de vivenda, dereitos democráticos…) son temas de clase e, por tanto, non teñen solución no marco dunha soa empresa, sector ou territorio.

P: Segundo a dirección de Navantia estades nun proceso cara o “Estaleiro 4.0”, uf!!…Como afecta aos traballadores?

R: O chamado “Estaleiro 4.0” é un proxecto a medio-longo prazo para levantar unha nova planta concentrando o proceso produtivo en moito menos espazo, favorecendo a automatización de procesos e abandonando a construción en grada, que será substituída pola construción en dique. En definitiva, é un proceso de revolución tecnolóxica coma os que ten habido noutros momentos do desenvolvemento capitalista. En calquera caso, o tema está bastante parado e os investimentos anunciados non se ven por ningures.

A historia demostra que querer frear a introdución de novas tecnoloxías é como querer poñerlle portas ó campo. O que hai que facer é loitar para que os traballadores nos beneficiemos das mesmas a través de medidas como a redución de xornada laboral. Neste senso, é necesario que o sindicalismo se eleve sobre os temas do día a día e teña unha visión moito máis global que nos leve a plantexar todo en termos da disputa histórica entre o traballo asalariado e o capital, sen deixarnos condicionar pola época de retrocesos que estamos a vivir.

P: Unha pregunta que non podo deixar de facer. Estades a reclamar carga de traballo. Unha parte dese traballo é a construción de fragatas e outros barcos militares. Tendo en conta que a CGT é un sindicato antimilitarista e que reivindica a supresión dos gastos militares, como asumides isto? Tedes, na Sección Sindical, unha proposta para a viabilidade de Navantia alternativa a construción militar?

R: Nós somos traballadores nacidos onde as nosas nais nos botaron e que traballamos onde podemos, e evidentemente cando non temos carga de traballo, reivindicámola porque diso depende o sustento de milleiros de familias. Pero sempre temos en mente que esa carga de traballo tamén pode vir de proxectos non militares, como, por exemplo, buques destinados á limpeza e descontaminación do mar.

Por poñer un caso concreto e coñecido: en 2018 nos posicionamos publicamente en contra de, na práctica, esixirlle ó goberno a venda das famosas bombas a Arabia Saudí, para así amarrar o contrato das corvetas. Nin como seres humanos nin como traballadores podemos ser indiferentes ante a barbarie. Os valores defendidos por CCOO e UGT naquel conflito (individualismo, indeferenza cara os demais, submisión ante os poderosos, resignación ante a realidade…) son reaccionarios, son os valores ideolóxicos da dereita. O sindicalismo de clase sempre tivo os valores ideolóxicos contrarios, os da esquerda: solidariedade, compromiso social, rebeldía ante a inxustiza, internacionalismo proletario…

(Interrumpimos aquí a entrevista, por falla de espazo neste número 12, e continuarémola na semana que ven, co número 13.)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *