VI Época - 13

COIDADO!!!, MALDITA SEXA!

Na miña casa non teño grillóns
Podes vir e mirar se che presta
Nos corredores verás os cobertores
Onde a luz ilumina tenuemente ao teu redor
E as rúas están pavimentadas de ouro

E se alguén che pregunta, podes dicirlle o meu nome.

A HOUSE IS NOT A MOTEL, LOVE, 1968

O pasado sábado 19 de Setembro, mediante un grupo de Telegram, convocábase a unha concentración antifascista en Lugo. Segundo a nota convócante, a empresa lucense “Mi casa no es la tuya”, os desokupa de Lugo, estaban a desaloxar baixo violencia, roubo e intimidación aos habitantes dun edificio. Unhas horas despois outra nota solicitaba apoio para as familias desaloxadas que durmían na rúa, tamén para as únicas dúas persoas que quedaban dentro do edificio. A nota urxía a continuar o apoio pola mañá. O antifascismo lucense mostrouse incapaz, superado. A foto que acompañaba esta nota debera de preocuparnos, e moito. Nesta foto podemos ver a uns homes na porta do edificio dispostos a empregar a violencia para desaloxar e impedir calquera axuda as persoas que habitan nese edificio. Estes matóns están ademais protexidos pola policía nacional. Desolador, ameazante.

Estamos a sufrir un rexurdimento de discursos e accións que criamos estaban marxinalizadas, e que agora están calando entre as clases populares. O aplauso ao control policial para manter o distanciamento social, incluso ao control militar, a criminalización dos migrantes acusándoos de costumes e xeitos de vida nocivos para a saúde, o confinamento e militarización de barrios obreiros culpabilizados do contaxio do virus, ou a manipulación da opinión pública co que chaman o virus da okupación, son signos alarmantes de que unha nova dereita alternativa e a dereita fascista están a transformar o liberalismo en algo aínda máis nocivo e violento.

Ese virus da okupación que contaxia os comentarios de bares, supermercados, centros comerciais, descansos do bocadillo… e sobre todo medios de comunicación, aterroriza a xente que chegan a pensar que mentres están tomando unha cervexa ou mercando provisións, calquera okupa pode entrar nas súas casas e instalarse nelas, sen que nada se poda facer pois a lei protexe a estes okupas. A mentira máis inverosímil e soez é crida polo cidadán; a base de repetición polos medios de información serios e oficiais. Serio e oficial é o xuíz Joaquín Bosch que asegura que en 15 anos non tivo ni tan sequera un caso de okupación de primeira vivenda, que todos os casos foron de inmobles vacíos pertencentes a bancos e outras entidades como fondos voitres de inversión ou financeiros. O verdadeiro perigo para que alguén perda a súa casa é unha subida desmesurada do alugueiro, un desafiuzamento provocado pola usura dun banco ou a expulsión pola xentrificación do barrio onde vives. O Consello Xeral do Poder Xudicial contabiliza os desafiuzamentos en 160 ao día. Esto é porque a lexislación protexe infinitamente máis o dereito a propiedade privada que o dereito a vivenda. Precisamente, a usura de bancos e fondos voitres que acapara inmobles e vivendas, despoxa á xente con dificultades económicas da súa vivenda, condenándoa a exclusión sen que os tres poderes, lexislativo, executivo e xudicial, garantan o cumprimento do dereito á unha vivenda digna. De resolver o problema desta usura, resolveríase o da okupación e non habería desafiuzamentos.

Se os desafiuzamentos non nos sorprenden por ser unha práctica coñecida do liberalismo, este tipo de desafiuzamentos polas bravas, como o de Lugo, con métodos totalmente delitivos como a coacción, alleamento de morada, violencia, homofobia, xenofobia, etc., debería poñernos alerta. Xa non estamos ante unha práctica neoliberal, non, podemos dicir o seu nome, fascismo. Eses matóns de Lugo son o que un tempo foron a Falange do fascismo católico español, as Seccións de Asalto do nazismo, ou as Camisas Negras de Mussolilini. De permitir que estes grupos crezan e realicen as súas accións, todos coñecemos o que nos agarda… a violencia e finalmente o asasinato de persoas de raza non branca, ou de sexo non masculino, ou militantes e activistas coma ti, compa. Se agardamos que o debate e a razón paren a eses matóns é que non temos memoria, se agardamos que o estado de dereito conteña o ascenso do fascismo agardamos un milagre que nunca se ten producido. Se queremos evitar que este fascismo, que xa esta nas institucións, avance ata o portal da túa casa, haberá que esmagalo, haberá que enfrontalo e impedir por todos os medios que se organice ou se exprese. Haberá, maldita sexa!, que lembrar os tempos da Star.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *