FALAMOS COA SECCIÓN SINDICAL UNITARIA DA CGT EN NAVANTIA-FERROL / 2

(Continuamos con Xaquín que nos estaba a expoñer como asumen o feito de que en Navantia se fabriquen fragatas e outros barcos militares.)

Coa industria de defensa pasa un pouco coma coa minería do carbón ou as térmicas na actualidade. Por unha banda, son prexudiciais para o medio ambiente. Pola outra, este sistema desenténdese do futuro deses traballadores. A clave para superar esta contradición está en que os traballadores inscribamos a nosa loita pola defensa dos nosos intereses inmediatos no marco dunha loita máis ampla: a loita pola transformación social, pola destrución do capitalismo e a súa substitución por unha sociedade xusta que garanta un mundo en paz e sostible.

P: Amosades moita solidariedade, por exemplo cos traballadores da baía de Cádiz. Que é o que vos impulsa esta solidariedade?

R: Pois o pensar que todos e todas temos os mesmo intereses. Navantia ten factorías na ría de Ferrol, en Cartagena e na baía de Cádiz. Por tanto, hai dúas estratexias posibles. Unha é a localista: que cada zona vaia polo seu lado e que Deus reparta sorte; esta estratexia provoca sempre a división dos traballadores, do que só se beneficia a empresa. A outra é a solidaria: loitar todos xuntos polos intereses comúns. Por iso o 4 de setembro, coincidindo cunha folga do metal da baía convocada, entre outros, pola CGT, celebramos unha concentración cos lemas “Solidariedade coa loita da baía de Cádiz” e “Carga de traballo para toda Navantia”.

P: Tamén a amosachedes con Nissan. Tedes analizado o acordo que puxo fin a folga indefinida de Nissan?

R: A loita de Nissan foi unha grande oportunidade perdida. Hai que falarlle claro á xente: empresa a empresa non hai salvación para ninguén, só queda mendigarlle a outro capitalista que se faga cargo dela en substitución do anterior. E en x anos, cando o novo teña chuchado tódolos cartos públicos que poida, se repetirá a historia.

Levamos anos asistindo ó constante retroceso das condicións de vida e traballo da nosa clase. Cando hai uns vinte anos empezou o fenómeno do mileurismo, aquilo provocou unha conmoción social. Hoxe, a metade dos traballadores cobran menos de 1.000 euros. E isto antes da pandemia, que vai ser aproveitada a tope polos empresarios para recortar aínda máis. Este retroceso constante só pode ser revertido dun xeito: a través dunha rebelión social da clase obreira.

Esta é a liña na que nós traballamos. Por iso non renunciamos nunca ó noso dereito a someter as nosas propostas á consideración da asemblea. Outros sindicatos de Navantia acúsannos por isto de non ser unitarios. Que entenden eles por ser unitarios? Chegar a un acordo no seo do comité de empresa e que a CGT non exprese a súa opinión. En nome da unidade de acción, queren arrastrarnos a unha unidade de inacción. A unidade dos traballadores non é a unidade formal, burocrática dun comité de empresa. É a unidade en torno ás decisións maioritarias tomadas polos traballadores na asemblea xeral.

Neste senso, penso que en Nissan se debeu defender ante os traballadores a nosa proposta de ocupación e nacionalización da fábrica, loitando por convencer á maioría de que iso, unido a unha estratexia de estensión da loita, era a única alternativa. Este país é un polvorín social. Polo seu peso económico, número de traballadores, situación xeográfica, repercusión social, etc., Nissan tiña o potencial para ser a faísca que o prendese. Non foi así, e o resultado é un acordo que só apraza o peche un ano e que ademais inclúe unha cláusula de paz social, o cal sempre é un tremendo error porque significa atarse de pés e mans.

P: Moitas grazas a ti e á Sección Sindical. Queres engadir algo?

R: Só agradecervos o voso interese polo traballo da nosa sección sindical e dicirvos que aquí estamos para o que faga falla.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *