VI Época - 15

MOBILIZACIÓN DO SECTOR FERROVIARIO DA CGT

Falamos co seu coordinador en Galicia, Juantxo Sánchez Losada

O Sector Ferroviario da CGT ten convocados paros parciais nas vindeiras catro semanas, polo que chamei a Juantxo, Juantxo Sánchez Losada o Coordinador do Sector Ferroviario da CGT en Galiza, para a entrevista e chafeille unhas horas duns días de respiro no monte. Eso non cho fai calquera, a min custaríame moito concentrarme para ser tan preciso, como é Juantxo, e apartar o descanso. Pero eu tiña gañas de facer esta entrevista; fai anos, cando achegueime ata a CGT para afiliarme, non puiden facelo porque había que impedir a saída do tren nocturno dende Vigo a Madrid. A afiliación podía agardar, aínda así invitáronme ir a impedir a saída do tren. Fun encantado e ilusionado, vendo que nada máis chegar pasaba á acción. Puxémonos na vía diante do tren, subimos ao tren e explicamos aos viaxeiros o porqué RENFE os tiña enganado, pois ese tren non constaba como servizo mínimo na folga que, por aquela, unha CGT que resistíase a abandonar as siglas da CNT, tiña convocado. Eran vésperas de Nadal e o tren ía cheo de militares da ETEA, a situación complicouse e voltamos para a vía cos demais compañeiros. Horas despois chegou a policía nacional e tras un tempo de identificación e discusión desaloxaronnos da vía. Alí coñecín aos compas de La Campana e a outros moitos que agora están entre as miñas amizades. Tivemos que ir a un xuízo como acusados e saímos todos absoltos, foi moi divertido. Eran outros tempos. Tempos novos, Tempos Salvaxes que dicía a canción dos Ilegales. Agora Juantxo amósanos na entrevista como o Sector Ferroviario da CGT segue dando acción.

Para preparar esta entrevista estiven botando un ollo as vosas publicacións na rede. A verdade e que… mareeime entre tanto nome de empresa, privada, pública e de todos os pelaxes. Aquí en La Campana levamos xa falado da estratexia liberal que procura a desestruturación dos intereses da clase traballadora como consecuencia da división das empresas en que traballamos. Ante isto, por exemplo, a Sección Sindical da CGT en Navantia Ferrol explicábannos que constituíran unha mesma Sección Sindical os traballadores das subcontratas cos da empresa principal para combater esa división que denominaban un “autentico cancro”. Podes contarnos como a antiga RENFE foi dividíndose e subdividíndose e como afrontouno a CGT para que todas estas divisións non enfrontasen os intereses dos traballadores do sector ferroviario?

O 1 de Xaneiro do 2005 ca aprobación por parte do Goberno do PSOE da Ley do Sector Ferroviario, a empresa Red Nacional dos Ferrocarrís Españois (RENFE), dividiuse en dúas empresas; RENFE Operadora e Administrador de Infraestrutura Ferroviaria (ADIF), o que se coñeceu no ámbito ferroviario como a separación da roda do carril, e que non foi outra cousa que separar as prestacións de servizos ferroviarios da administración e mantemento da infraestrutura, co obxectivo real de permitir a entrada de novos operadores privados, e que foi xustificado polo Goberno como unha esixencia da Unión Europea pra separar as contas das operacións de transporte das do mantemento e permitir con elo a entrada de operadores privados na explotación ferroviaria.

Esta Ley do Sector Ferroviario que foi calificada polos Sindicatos maioritarios como ¨neutra¨ foi contestada únicamente por CGT que convocou manifestacións e folgas contra esta separación, xa que as directivas comunitarias tan só obrigaban a unha separación contable das contas do mantemento e as contas das operacións de viaxeiros e mercadorías e non unha separación empresarial como fixo o Goberno español. Tamén denunciábamos dende CGT que este era o inicio dun proceso moito máis importante de desmembramento e separación do sector público ferroviario pra a sua progresiva privatización, como así aconteceu.

No ano 2013 RENFE Operadora se divide en catro Sociedades anónimas; (RENFE-Viaxeiros, RENFE-Fabricación e mantemento, RENFE-Mercadorías e RENFE-Aluguer de material) aglutinándose no chamado Grupo RENFE e no ano 2014 ADIF crea outra empresa chamada ADIF Alta Velocidade. A División de RENFE Operadora foi avalada cun acordo dos Sindicatos UGT, CCOO e SEMAF, sobre as relación laborais no Grupo RENFE e contestada de novo en solitario por CGT con folgas e manifestacións.

Paralelamente a estas divisións a empresa foi privatizando sectores produtivos, dando entrada a contratas e subcontratas no mantemento da infraestrutura, na venda de billetes, nas manobras, nas estacións e centros loxísticos e incluso a grandes construtoras de material ferroviario como ALSTOM, BOMBARDIER, CAF, SIEMENS, TALGO no mantemento dos vehículos ferroviarios, creando empresas mixtas con estas construtoras con participación 49% RENFE e 51% empresas privadas.

En definitiva o ferrocarril pasou a ser un negocio de multitude de empresas privadas que fan o traballo que antes facían traballadores da empresa pública RENFE.

CGT tivo que mudar a sua estrutura organizativa e creou o Sector Federal Ferroviario da CGT onde se aglutinan as Sección Sindicais das distintas empresas que traballan no ferrocarril, de tal xeito que a acción sindical organízase dende o principio de solidariedade e apoio mutuo.

Como ten influído todo este proceso na calidade do emprego no ferrocarril?

A política de CCOO, UGT e SEMAF de asinar ca empresa Expedientes de Regulación de Emprego, supuxo unha importante redución do cadro de persoal nas empresas públicas que foi substituído por empresas privadas con unhas condicións de traballo e salariais moi inferiores ás do sector público, precarizándose as relacións laborais no sector.

Podemos relacionar a calidade do emprego coa calidade do servizo? E coa seguridade?

Evidentemente a calidade do servizo minguou, por un lado pola redución do cadro de persoal e por outro pola substitución dunha parte das traballadoras e traballadores públicos con coñecementos especializados por outro con menor especialización e descoñecedores do mundo ferroviario.

Tamén mareeime ao mirar a cantidade de convenios colectivos que vos afectan. Como se estrutura a representación sindical? É tan complexa como a estrutura empresarial?

Na actualizade cada empresa ten o seu Convenio Colectivo e estase a reivindicar un Convenio de Sector que estableza unhas condicións laborais mínimas.

A estrutura sindical está conformada por Comités en cada empresa, existindo dous Comités Xerais de Empresa, un no Grupo RENFE e outro en ADIF, e un Comité de centro de traballo en cada provincia e empresa. As empresas auxiliares teñen Comités en cada empresa como Ferrovial que se dedica ó servizo a bordo, ou Acciona que se dedica a servizos en terra, ou Logirail que se dedica ás manobras e servizos auxiliares, etc.

Cal é a implantación actual da CGT no sector ferroviario estatal? E na Galicia?

CGT ten unha representación variable no Sector Ferroviario estatal, sobrepasando o 10 % no caso do Grupo RENFE ou ADIF e tendo Seccións Sindicais consolidadas en sectores como os servizos a bordo ou servizos en terra.

Na Galiza CGT ten representación nos oito Comités de Centro de Traballo, con 11 membros de Comité e chegando a ser o Sindicato máis votado no Comité de RENFE en Pontevedra e o segundo no de ADIF en Ourense nas derradeiras eleccións sindicais do 2019.

Como é o comportamento dos sindicatos maioritarios?

No Sector Ferroviario existen 6 Sindicatos con representación nos Comités Xerais de Empresa, dous deles gremialistas (o Sindicato de maquinistas SEMAF e o Sindicato de persoal de Circulación SCF) ós que hai que sumar CGT, CCOO, UGT e S.F.-Intersindical. Ningún deles planta cara de xeito activo ós plans de privatización do Goberno, uns colaborando con acordos que permiten ás empresas seguir avanzando na súa desmembración e privatización e outros que se quedan na crítica pero sen facer accións de presión e loita activa contra a empresa. Só CGT é a que presiona ca convocatoria de accións e folgas en defensa do ferrocarril público e social e contra os plans de privatización dos Gobernos e as empresas, denunciando a precarización dos empregos e non colaborando ca destrución de postos de traballo públicos.

En La Campana nº8 do 14 de Xullo contabádesnos dos recortes que a empresa pública RENFE aplicaba coa escusa da pandemia e polos que convocabades mobilizacións. Agora en Outubro. Téñense recuperado eses recortes, ou temedes que sexan permanentes?

Dende o Sector Ferroviario de CGT en Galiza vimos denunciando os recortes de servizos ferroviarios que por mor da crisis do Coronavirus, RENFE ten imposto en todo o estado pero especialmente en Galiza e cunha incidencia maior no ámbito rural do noso país. Agora mesmo están a circular unha media do 60% de trens na Media Distancia e seguen cancelados os servizos de longa distancia Galiza-Euzkadi e os trens hotel Galiza-Madrid e Galiza-Catalunya. CGT manifestouse en Vigo e na Coruña contra estes recortes e está a denunciar a falla de trens pra dar saída ó fluxo de viaxeiros no corredoiro atlántico os venres e domingos, de estudantes que van ou voltan ás universidades de Compostela. Por iso remitimos carta á Dirección de RENFE, en Galiza e en Madrid, denunciando que o Domingo 4 de Outubro quedaron viaxeiros en terra por circular completos todos os trens dirección Compostela a partir das 17:15 hs. e a nosa denuncia tivo un eco moi importante nos medios de comunicación galegos e na opinión pública, obrigando á empresa a ampliar a oferta de trens.

Pero non só se están recortando circulacións de trens, tamén o servizo que se presta a bordo dos trens de longa distancia ou nas estacións estase a recortar. Así RENFE, eliminou a oferta de servizo de cafetería en trens de longa distancia, como o Galiza-Barcelona deixando ás viaxeiras sen poder ofertarlle bebidas o snaks a bordo. Nas estacións, RENFE eliminou o servizo presencial de axuda a persoas de mobilidade minguada, ATENDO, deixando un servizo con solicitude anticipada que provoca unha dispoñibilidade bestial das traballadoras, que teñen que estar na casa pendentes de si se activa unha petición, impedindo a conciliación da vida familiar e social. CGT solicitou a súa restauración en base ás características especiais da poboación galega, unha das máis envellecidas do estado español e o material ferroviario que se utiliza, xa que unha parte non se atopa adaptado á utilización por persoas maiores, nais con bebés, discapacitados, etc.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *