AERONÁUTICA DA PRIMEIRA INTERNACIONAL
“Primeiro tomaron as vosas vidas, agora explotan a vosa memoria.”
Pintada na placa conmemorativa do goberno de Chicago dedicada
aos mártires de Chicago, en cuxa memoria celebramos o 1 de Maio.
Foi entre Febreiro e Marzo de 1919. Foi na que coñecemos como a Folga da Canadiense, unha folga que estendeuse durante corenta e catro xornadas, e que paralizou Barcelona. A Folga demostrou a inmensa capacidade obreira, que mediante a acción da CNT, logrou unha gran vitoria, ata o punto de provocar a instauración estatal das oito horas de xornada laboral e corentaeoito semanais. Por esa xornada laboral celebramos hoxe o 1º de Maio, o máis internacional de todos os días feriados. Ese día de 1866 declarouse unha folga xeral en defensa da xornada laboral de oito horas en Chicago, Illinois. A proclama foi estendéndose por todo o país. Non debemos de esquecer o porque dos Sucesos de Chicago. No mesmo 1866, no seu primeiro congreso en Ginebra, a Asociación Internacional de Traballadores, a AIT, a Primeira Internacional, definiu como reivindicación central a xornada de oito horas. Estimábaa como “unha gran disputa entre a dominación cega exercida polas leis da oferta e a demanda, contido da economía política burguesa, e a produción social controlada pola previsión social, contido da economía política da clase obreira”.
Agora, máis dun século despois, aínda non temos, nin moito menos, conquistada esa fundamental reivindicación, pero moito menos, temos claro esa diferenza entre a economía política burguesa e a economía política da clase obreira. Xa sei que vas dicir que ti si, pero cando saes aí fora, cando te enfrontas a realidade, cando fas acción sindical, moitas veces as circunstancias non son as desexables. Agora, co virus rondando por aí, cos estados de alarma, cos confinamentos e peches do ocio, coas medidas dos gobernos, a economía periga. O aproveitamento da que xa é unha incuestionable crise, por suposto crise económica, por parte do novo capitalismo, cada vez mais salvaxe, fainos temer unha crise moito maior, unha crise humanitaria. Finalmente, preocúpanos o afundimento da economía. Xa, pero non se pode crear economía de mercado sen capital, e sen capital non hai economía de mercado. De aí o interese polas políticas sociais dos estados e desas escuras estruturas internacionais que son as corporacións que exerzen a gobernanza mundial. A clase obreira ten que dispor de capital, para consumir e inverter, e que este volva rapidamente ás mans de onde saíu. É por isto que o virus fai perigar a economía, o virus mudou o consumo e a inversión. Máis isto non é economía, é o sistema económico actual esa “dominación cega exercida polas leis da oferta e a demanda… economía política burguesa” que estimaba a AIT no 1866. Para manter a actual acumulación de capital en cada vez menos mans, como efectivamente está a pasar, fai falla manter o motor e botarlle gasolina. Segundo estimacións do Credit Suisse Research Institute feitas no 2018, a metade inferior da poboación mundial posúe menos do 1 por cento da riqueza total. Como marcado contraste, o 10 por cento máis rico posúe o 88 por cento da riqueza mundial, mentres que o 1 por cento superior por si só, representa o 50 por cento dos activos globais. Esta é a economía que está en crise.
Sen embargo as conquistas sociais, desa outra economía, a economía política da clase obreira, esa economía de produción social controlada pola previsión social que a AIT puña en gran disputa coa economía política burguesa tamén corre perigo. A educación, a sanidade, as pensións, por nomear unhas das máis significativas, se ben levan tempo no punto de mira para a súa transformación en negocio poden ser definitivamente conquistadas nesta crise coa escusa da crise mesma, da crise do sistema económico burgués.
Efectivamente, por fin, o actual sistema económico está en crise, as corporacións temen non seguir acumulando capital, temen algúns problemas, pero tamén temen a reacción da clase obreira, dos afroamericanos, da Plaza Dignidad de Santiago de Chile, dos Zapatistas, de Rojava, de Exipto, do anarquismo.
Terán medo de todo aquelo que poida chegar a amosar aquela capacidade que a CNT logrou na Folga da Canadiense. Para isto hai que ir prendendo unha chama. Esta chama pode ser a da xornada laboral. CGT presentou unha proposta de semana laboral de 4 días para o sector aeronáutico, un dos máis castigados nos últimos meses debido á pandemia do Covid-19. Con esta proposta lograríase, como principal obxectivo, un reparto máis xusto da riqueza entra a clase traballadora. CGT considera que o sector aeronáutico está sendo moi castigado por parte das grandes multinacionais que están aproveitando a situación que se xerou trala declaración da pandemia de Covid-19 a nivel mundial para levar a cabo reducións de persoais, a través de ERE e ERTE inxustificados, para presionar aos diferentes Gobernos e para que finalmente sexa a clase obreira a que soporte as consecuencias dunha nova crise do capital. CGT tamén explicou na rolda de prensa que os ERE están afectando a empresas moi grandes. Por iso, é necesario poñer en práctica esta alternativa que presentan, uníndose a outras voces que xa o están esixindo en Europa a través doutras organizacións sindicais. CGT aproveitou para reivindicar a baixada na idade de xubilación.
Para que estas propostas cheguen a ser temidas necesitamos daquela audacia, coraxe e resolución da clase obreira barcelonesa de 1919 e do acordo logrado naquela Primeira Internacional. E, quizais, esteamos no camiño.