VI Época - 20

REPRESIÓN SINDICAL EN CORREOS, SOLIDARIEDADE E LOITA COMO RESPOSTA

Acepta como tal o odio que alguén sente por ti; nisto, a diferenza do amor, non hai hipócritas.
Breviario dos políticos.
Cardeal Mazarino. (1602-1661)

O pasado xoves uns cantos compañeiros do SUTSO da CGT de Pontevedra viaxamos ata Compostela para manifestarnos en solidariedade con tres compañeiros, traballadores de Correos, sancionados por facer sindicalismo, como represalia a súa actividade sindical.

A represión é algo característico da nosa labor sindical. É algo que sabemos vai chegar, máis tarde ou mais cedo, de xeito brutal ou moderado. É inevitable, pois para manter calquera xerarquía é necesario o castigo. O noso sindicato ademais de cuestionar as xerarquías, enfróntase a estas coa unión e solidariedade. Non hai nada máis autocomplacente, máis autoreafirmativo para quen se cree o amo que castigar. Non hai nada que esperte máis a vinganza de quen se cree o amo que recusar a súa autoridade. Cando esta recusación, ademais, está ben fundamentada, o amo e todo o aparato xerárquico non dubida en castigar, e se fai falla utilizar todo o poder e os poderes do sistema legal que fai do amo, o amo, e do castigado, o servo. Ten que ser así, para manter a xerarquía.

Aínda sabendo isto, nós seguimos, unha e outra vez, levantando a nosa voz, denunciando a inxustiza, a arbitrariedade, a mentira e a idiotez do amo. Contestando con ruído, solidariedade e todos aqueles xeitos que fomos aprendendo con tanto castigo. E moitas veces facemos que o amo arrepíntase da súa prepotencia. Como dicían os compañeiros de Correos na concentración de Compostela “Obviamente non van conseguir o que prentenden, que non é outra cousa que calar a voz da CGT. Desde a nosa organización seguiremos denunciando o desmantelamento do servizo público postal, o enchufismo, o amiguismo, a precarización das traballadoras e traballadores postais, a falta de cumprimento das medidas de seguridade laboral… porque desde a CGT non pretendemos “caer ben”, nin que nos rían as gracias, e ao único que nos debemos é ao persoal de Correos. Tamén saben que non poden comprarnos con esmolas ou cursiños. Poderán ocultarnos información, poderán comprar a outros sindicatos con cursos e con contratos a amigos, poderán expedentarnos as veces que queiran, pero non lograrán calar a nosa voz, porque é a voz da dignidade!”

Na concentración do pasado xoves acudiron compañeiros de outros lugares de Galicia. Elixiuse facer a concentración nas oficinas centrais de Compostela por albergar estas á xefatura territorial da Zona 1 en que divide correos os territorios, e que abrangue Galicia, Asturias, León, Zamora, Salamanca e Valladolid. Houbo outras concentracións en outras xefaturas como a de Barcelona, Madrid… a mesma hora, o mesmo día.

Os compañeiros represaliados nesta ocasión son tres: Xosé Manuel Sangiao, de Melide na Coruña, e Fina e Albert, compañeiros de Barcelona.

No caso de Albert e Fina o que motiva a apertura dos seus expedientes disciplinares é a súa denuncia de posibles inxerencias da dirección de Correos na xestión do voto nas eleccións sindicais deste ano. Esta é a resposta que dá a dirección de Correos ás esixencias de transparencia que mantiveron os delegados e delegadas de CGT durante o transcurso do proceso electoral. Segundo detallan os compañeiros de Barcelona, os feitos ocorreron durante o proceso de tramitación do voto por correo. Negouse ás organizacións sindicais o listado de solicitantes de voto por correo, aínda que finalmente, un laudo arbitral recoñeceulles o dereito a ter esta información. Tamén durante o proceso de tramitación do voto por correo, a mesa coordinadora electoral estivo atendida en varias ocasións por un só membro e detectouse en máis dunha ocasión a presenza de persoas alleas á composición da mesa electoral, entre elas, incluso un representante da empresa. Este feito, deu lugar a que presentasen outra solicitude de arbitraxe por inxerencias.

No caso de Xosé Manuel emprégase a escusa dun debate onde a responsable da unidade de Melide estaba a dicir ao persoal que os recoñecementos médicos eran obrigatorios para o persoal de Correos. Esta información é falsa, e así llo indicou o noso compañeiro Sangiao ao persoal nese momento. O que deu lugar que se lle abrira expedinte disciplinar que nestes momentos está a ser recorrido no xulgado. Empregando tamén como escusa que chegaba “tarde” de repartir.

En realidade Correos o único que pretende é escarmentar a un compañeiro solidario pola súa acción sindical. Pois foi Xosé Manuel Sangiao o que presionou para lograr diversas melloras na súa unidade, como o amaño da rampla de acceso que levaba anos sendo negado. Outras denuncias do compañeiro foron sobre os problemas co frío na unidade e a falta de contratación para suplir as ausencias e na temporada de eleccións. Por estas accións o compañeiro xa fora ameazado polo daquela xefe de sector, e hoxe xefe de distribución desta Zona 1.

Contactamos con Sangiao e fixémoslle unha pequena entrevista.

O primeiro, podes presentarte aos lectores de La Campana?

O meu nome é Xosé Manuel Sangiao, carteiro, para empezar, e actualmente son o secretario provincial da CGT de Correos na Coruña.

O pasado xoves 12 de Novembro acudimos a unha concentración diante da Xefatura de Correos da Zona 1, en Compostela, en solidariedade con Fina, Albert e ti. Podes contarnos os feitos polos que fuches sancionado?

A sanción que recibín foron dúas faltas graves. Unha, por chamar mentirosa á jefa, por obrigar aos motorizados e rurais incluídos, a realizar os recoñecementos médicos obrigatoriamente. Esta foron cinco días. A segunda sanción foron quince días porque me obrigaba a volver vinte minutos antes cando eu cheguei quince, ou dez minutos antes nalgunhas ocasións.

Porque pensas que a xefatura de correos quixo sancionarte? Pensas que ademais de sancionarte, a xefatura pretende dar unha mensaxe ao persoal de correos para provocar medo, para que a xente teña medo a achegarse a labor sindical da CGT?

Que isto é un mensaxe cara a xente que queira loitar contra esta agresividade que ten agora mesmo este Servizo público contra os seus traballadores? Evidentemente. Eso é indiscutible. Estas sancións teñen unha dirección e unha mensaxe clarísima. Aquel que se queira opoñer ás súas directrices vai a ser castigado, de feito, este servizo público está sendo desmantelado e precarizado cada día máis e non queren ter obstáculos. En estes momentos, a CGT, ou os que integramos a CGT, somos persoas que lles poñemos, polo menos, certas trabas no camiño para poder levar a cabo os seus obxectivos. Con o cual, penso que… totalmente é así. É unha mensaxe clarísima, non solo á CGT, incluso a calquera persoa que se achegue á CGT ou a outros sindicatos que sexan combativos, e dicirlles que van a ter que sufrir moito para poder combater a este servizo público, ou empresa, chámalle como queirades.

Finalmente. Que é o que diferencia á CGT dos demais sindicatos con presencia en correos?

A CGT é un sindicato no cal á súa forma de actuar, defendendo como mínimo os dereitos, incluso intentando melloralos, é moi diferente aos sindicatos, sobre todo os maioritarios, CCOO e UGT. Se ve claramente nos últimos anos, aquí levamos sen un convenio colectivo dende o 2011 e hai que ceñirse ao acuerdo plurianual este no que os nosos dereitos se ven claramente e gravemente agredidos e lesionados. Penso que a CGT, e por eso estou nela de feito, e seguirei nela mentras siga sendo combativa, é un sindicato moi diferente ao resto. É un sindicato de loita, democrático, asembleario, penso que isto é o que realmente o sindicalismo tería que ter como personalidade. E nada máis, penso que con isto, sendo breve, sirva para que a xente se anime a loitar, a enfrontarse ás situacións que atopamos día a día. Grazas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *