…E PIOTR CAMIÑA DE NOVO ENTRE NÓS
Si queres, arroxa a bomba na universidade.
Reduce a súa residencia a unha chea de escombros.
Arroxa os teus fósforos brancos nos nosos barrios.
Que me farás?
Son herba. Crezo en todo.
Avtar Singh Sandhu, Pash. 1950-1988.
Poeta do Movemento Naxatile do Punjab.
O 9 de Decembro do 1842 nacía Piotr Kropotkin. Esto sérvenos de escusa para falar do seu legado, das súas ideas e as súas teses. Farémolo o próximo mércores 9 de Decembro cunha charla do compañeiro Miguel Cuña e, como non, o posterior debate. Antes, o recentemente creado Ateneo Libertario de Pontevedra celebrou unha sesión do Clube de Lectura adicada ao libro “A Conquista Do Pan”. Entre os comentarios sobre o libro sinalouse a seguridade que tiña Kropotkin nunha inminente revolución. “Rodando cara ós novos horizontes entreabertos pola Revolución Social”, é a frase coa que remata o libro. Eran outros tempos, a Comuna de París inspiraba ao movemento revolucionario e obreiro que crecía e crecía. Pronto chegarían as tentativas revolucionarias europeas, Alemania, Rusia, España… Así a todo, a revolución que predicía Kropotkin non resistiu alí onde foi declarada.
Eran outros tempos. Agora, temos a impresión de que foi un tempo pasado e de que estamos moi lonxe de calquera opción de reverter o sistema capitalista por aquel do benestar para todos que ensinounos Kropotkin. A verdade, mirando dende esta ribeira atlántica a desesperanza é a sombra de concentracións, manifestacións e mobilizacións. O Nunca máis ou o Non á Guerra son lembranzas xa lonxanas. As dúas mobilizacións foron atalladas, en ningún momento chegaron a ter un carácter insurreccional, salvo pola primordial semente insurrecional da que nace calquera contestación. Sen embargo, lembrámolo con intensidade, pois houbo intres, incluso días que acariciamos a insurrección. Quizais tamén co 15M, aínda que se vía vir. Intensamente vivimos os enfrontamentos coa policía nas, tamén lonxanas, folgas do Metal do 2009 e 2007. Nestas folgas comprobamos o desexo de rompelo todo dunha parte, unha parte grande, para nada pequena, da xuventude obreira de Vigo. Tamén houbo contestacións contundentes nos desaloxos de centros socias okupados autoxestionados da Coruña ou Compostela.
Ao meu entender, sí houbo insurrección na contestación que o pobo catalán enfrontou co Process, ou cando menos unha parte dese pobo. Moito máis alá das aspiracións independentistas, a rúa contestou ao Estado, español neste caso, con contundencia. As imaxes e chíos que observamos aqueles días amosaban unha orde destruída que pouco tiña que ver coa restauración dunha orde xenuinamente catalá, máis ben tiña que ver co desexo insurrecional de enfrontarse a un sistema global e capitalista. O desexo de enfrontarse intensamente, dun xeito ético e incontestable, non permitindo os abusos policiais e enfrontándose abertamente a estes abusos na rúa. Ximnasia Revolucionaria, que dicía Juan García Oliver. O erro de trotskistas, leninistas, novoesquerdistas e incluso algúns anarquistas está en crer que aínda pode admitirse unha hexemonía política, anque sea partidista, como soñan Pablo Iglesias ou Chantal Mouffe. Penso que vivimos nun período que mira a todas as hexemonías de esquerdas rotas e tiradas polo chan, cando menos nos conflitos que están a xurdir agora e que non teñen anos e anos de resistencia como no Sáhara ou Palestina.
O que non vai facer ningunha insurrección é agardar que nos fagamos insurrecionalistas. Se botamos un ollo, agora, as insurreccións agroman dun lado a outro do globo, cada vez máis, cada vez por un ou outro motivo, a orde desaparece e nacen os encontros, as complicidades e a loita. Alí onde a orde morre, nace a vida.
E Piotr camiña de novo…
A loita contra os abusos policiais estalou en Francia. Con este van xa tres fins de semana en que numerosas manifestacións recorren as cidades e pobos franceses. A chamada Lei de Seguridade Global, unha lei semellante a Lei Mordaza, é a causa da revolta. Se en España, como sinalaba Pedro Lízara no anterior número de La Campana, os partidos que actualmente gobernan prometeran a súa abolición, sen que cumpriran ata agora esa promesa electoral, o pobo Francés non agardou por un cambio de goberno. Pese as restricións polo Covid, multitudinarias manifestacións esixen a retirada desa lei, recentemente aprobada pola Asemblea Nacional Francesa. En París as fotos das manifestacións nas céntricas Prazas da República e a Bastilla desmenten as informacións oficiais sobre o número de participantes e impresiona ver tanta xente reunida. Non vai consentir o pobo francés que a policía actúe impunemente nin que se restrinxan as liberdades en nome da seguridade. Nas propias manifestacións producíronse abusos policiais, tanto en París como en outros lugares, que foron contestados con barricadas, lume e enfrontamentos. A policía e o goberno empeñouse en reprimir unha mobilización en contra do seu monopolio da violencia. E estalou a insurrección, o goberno entra en crise, forzado a rectificar, retira o artigo 24 da Lei que prohibía a gravación e difusión de imaxes das forzas da orde. Sen embargo a orde non se restablece, non é suficiente a retirada dun artigo, nin tan sequera da Lei enteira. Mentras, arden símbolos do capitalismo, coches de luxo, a axencia do Banco Popular de Francia ou a fachada do Banco Central de Francia con sede na Praza da Bastilla. Imaxes cada vez máis habituais e repetidas en calquera punto do planeta, aínda que como no caso de Francia a censura informativa as oculte.
Unha absoluta censura informativa agachou a Folga Xeral que tivo lugar na India o pasado 26 de Novembro, día da Constitución na India. A folga foi organizada por 10 sindicatos en todo o país. Estímase que 250 millóns de persoas participaron na folga. É considerada a máis grande da historia. Cómo pode ser que a folga máis grande da historia non ocupe as portadas de todos os xornais e informativos? Posiblemente pola súa perigosidade para o sistema capitalista mundial. Os sindicatos presentaron unha táboa reivindicativa que contiña entre outras as seguintes demandas:
– Transferencia directa de efectivo de 7.500 rupias (101 dólares estadounidenses) a todas as familias que gañan menos do limiar do imposto sobre a renda.
– 10 kg de ración de cereais gratis por persoa cada mes para todos os necesitados.
– Ampliación da Lei Nacional de Garantía de Emprego Rural Mahatma Gandhi para proporcionar emprego dos actuais 100 días a 200 días de traballo en zonas rurais con mellores salarios, e extensión deste programa a zonas urbanas.
– Retiro de todos os cambios no código laboral contra os traballadores e as leis agrícolas que abren as portas aos agronegocios corporativos.
– A marcha atrás á nova política educativa.
– A asignación do 5 % do Produto Interno Bruto á educación; atención sanitaria para todos e un 6 % do PIB para a saúde.
– Deter a privatización das empresas do sector público, incluídas as do sector financeiro. Deter a corporativización de entidades de servizos e manufactura administradas polo goberno en ferrocarrís, manufactura de ordenanzas, portos e áreas similares.
– Proporcionar unha pensión para todos.
Aos sindicatos sumáronse a fronte unida das máis de 300 organizacións de agricultores, o Comité de Coordinación de All India Kisan Sangharsh (AIKSCC), estendeu o seu apoio á folga sindical e os sindicatos estenderon o seu apoio á mobilización de agricultores “Chalo Delhi, Ir a Delhi”. Houbo participación masiva de persoas que non recibiron aviso de folga, como traballadores do sector informal, estudantes, mulleres e campesiños. A folga foi seguida pola marcha de protesta dos agricultores indios á capital india, Nova Delhi, asegurando que permanecerían na cidade indefinidamente. Ao longo dos límites de Nova Delhi o goberno situou ás forzas policiais, instaladas en estradas e preparadas para grandes enfrontamentos. A medida que as longas columnas de campesiños e traballadores agrícolas achegábanse aos piquetes policiais e apelaban aos seus irmáns que deixaran as súas roupas campesiñas para poñerse uniformes policiais, as autoridades utilizaron gases lacrimóxenos e carros lanza auga contra os manifestantes. Pero iso non lles detivo. A mocidade saltou sobre os carros lanza auga, mentres os agricultores manexaron os seus tractores para desmantelar as barricadas policiais, e a clase traballadora e o campesiñado defendéronse fronte a policía. O 3 de decembro, BBC News, imposible silencialo, calculou o número de agricultores que bloqueaban Nova Delhi en centos de miles. Os dirixentes sindicais expresaron a súa preocupación polo feito de que, utilizando a COVID-19 como escusa, o goberno desatou a represión a gran escala. O actor de cine Deep Sindhu que uniuse ás protestas díxolle a un policía “Ye inquilab hai. Esta é unha revolución.” Si quítanlle a terra aos campesiños, que lles queda?
Temos pouca información sobre a India para saber si Deep Sindhu leva a razón pero sí a temos para saber que na América hai, cada vez, máis intentos revolucionarios. Sabemos dos Zapatistas que teñen anunciado unha marcha que recorrerá Europa e o mundo enteiro. Sabemos do pobo Mapuche e a insurrección chilena que continúa pese ao intento constitucionalista por parala. Agora, estendéndose ao Perú, dende Lima unha nova xuventude que acusaban de ser unha xeración apolítica, individualista, pero esa xeración foi protagonista de masivas mobilizacións e dun feito histórico, en menos dunha semana tombáronse un goberno e obrigaron a repregarse á clase política que cun golpe parlamentario púxoo no poder. As protestas estendéronse a todo o país e a todos os barrios. Os mozos viralizaron en directo nas redes as mobilizacións e a brutal represión policial. A indignación creceu. Este é un movemento xuvenil que expresa un rexeitamento aos partidos políticos, esa foi a súa principal bandeira, e non ten unha representación, non quere ser homoxeneizado. En Guatemala van un pouco máis lentos, cumpren a terceira semana de revoltas esixindo a dimisión do presidente e dos parlamentarios.
Piotr estase achegando, e nos visitará, e camiñará con nós cara novos horizontes entreabertos nesta beira do Atlántico.