VI Época - 25

A LINGUAXE DO PODER. O PODER DA LINGUAXE

A mediación é, na orde do poder, a necesidade falsificada na que o

home aprende a perderse racionalmente.

Tratado do saber vivir para uso das xoves xeracións. Raoul Vaneigem. 1967.

A linguaxe tamén é un xeito de poder, o que implica a exclusión da poboación, a submisión por impotencia. É unha característica dos gobernos, e da súa lei e burocracia, usar unha linguaxe moi complicada e especializada para pecharnos os ollos e o pensamento. Hai un exemplo moi clarificador: a dixitalización das relacións da administración coa cidadanía e a obrigatoriedade, en moitos casos, para as persoas xurídicas. Esta obrigación ten levado á desesperación a todo tipo de asociacións, colectivos e demais entidades sociais, sen ánimo de lucro ou altruístas. En moitos casos á rendición. Proba a relacionarte coa axencia tributaria, mellor coñecida como facenda, a través da súa sede electrónica. Falo, por exemplo mais sinxelo, de obter un CIF, ou o certificado dixital, necesario para poder abrir unha conta bancaria onde cobrar unhas simples cotas. Non é só o dominio da linguaxe dixital, lembro á miña avoa cando lle chegou por primeira vez unha carta de facenda en galego, penso que daquela aínda non se chamaba axencia. Ela que o falaba dende sempre protestou, que palabras eran esas? Maldiciu á autonomía, á xunta, ao galeguismo, á modernidade e eu que sei a quen máis. Díxenlle que lle dera á volta ao papel que alí o tiña en castelán. Seguía sen entender nada, eu tampouco. Non se trataba da lingua, tratábase do poder. O poder pola linguaxe.

Semella que pouco ten cambiado dende os tempos de Esquilo, dende os tempos en que o uso da escritura como ferramenta de control do estado foi contestado polo xurdimento da literatura escrita. Dende aquela, o mundo ten coñecido sobradas servidumes e escravitudes. Unha noite prolongada na que xeracións e xeracións morrían na cegueira. Canto máis totalitario amosase o poder, máis empeño e forza exerce en envolver en tebras aquelo sen o que non pode darse nin artes nin letras nin tampouco pensamento: a liberdade.

Somos hoxe en día conscientes disto? Somos conscientes da necesidade de cultivarnos, de formarnos nunha linguaxe cultivada, a linguaxe da liberdade? Ou debemos priorizar a nosa formación na contestación práctica ao lóbrego linguaxe burocrático do poder? Debemos formarnos colectivamente, sindicalmente, na contestación á linguaxe do poder e deixar á linguaxe da liberdade para o cultivo individual, para ocasións especiais ou o ocio?

Estas preguntas posiblemente agochan unha trampa, á da elección entre unha ou outra opción levándoas a un territorio falso, o da contradición. Así a todo, unha vez comezado o xogo, sigamos xogando.

Sobre á primeira opción falarei da sociedade do espectáculo, o traballo do situacionista Guy Debord publicado no 1967. O propio título, a sociedade do espectáculo, resulta moi ilustrativo e deixa intuír a idea da falsidade das relacións dentro do sistema capitalista en que vivimos. Pero as teses de Debord son moito máis complicadas, e quizais acertadas, e requiren dun certo cultivo. Entre outras ideas, Debord parte do concepto de fetiche da mercadoría desenrolado por Marx. Debord trata de explicar que as persoas deixamos de relacionarnos como realidades, para pasar a facelo como representación. Producimos mercadorías e as imaxes continuas que temos destas mercadorías afástannos dos demais. Unha relación social mediada polas imaxes que se derivan dela. Na medida na que convertemos a nosa vida nun produto, máis separados estamos dela, xa sexa a nivel laboral ou outros niveis. Tamén de Marx é o concepto de alienación que Debord adapta. Así, explícanos que á súa vez, ao producila, nós tamén pasamos a formar parte da mercadoría, e a través da publicidade transmítesenos a nosa esencia como un produto. As imaxes que continuamente contemplamos e que nós mesmos producimos négannos a nós mesmos e polo tanto negan a liberdade. A necesidade de gozar do espectáculo e transformar nosa propia vida provoca que convertamos a nosa realidade nunha interminable representación. Todo iso provoca que sexamos escravos da inmediatez do momento presente.

Debord usaba unha linguaxe chea de frases distorsionadas e textos alterados. Quizais buscando unha estética revolucionaria, unha estética propia dun movemento que como o situacionista renegaba do poder. Quizais, como Esquilo, usando a linguaxe da liberdade. Unha linguaxe que hai que cultivar para que permaneza.

A linguaxe de Debord, ou de Esquilo, ten pouco que ver coa linguaxe das redes sociais, coa súa inmediatez e vulgaridade, coa súa hexemonía sobre as relacións. Dende as webs, despois o Facebook o Twiter e agora Instagram, a linguaxe é cada vez máis escasa e vulgar, reducindo todo a imaxes e emoticonos. Unha realidade virtual, separada da vida, e que como tantas outras ao largo da historia envólvenos nesa escuridade de tebras. Semella que a historia empeñouse en darlle a razón a Debord.

Seguindo co xogo paso agora a unha zona neutral, a unha interzona. O situacionismo creou o concepto de desvío, déternoument en francés, que fala sobre a posibilidade artística e política de tomar algún obxecto creado polo capitalismo, ou o sistema político hexemónico, e distorsionar o seu significado e uso orixinal, para producir un efecto crítico. Con este concepto, que Debord utilizou nas súas frases distorsionadas, tense feito moitas das creacións artísticas que pretenden criticar ao poder. Os situacionistas tamén definiron a recuperación, é dicir, a posibilidade, sempre presente, de que ideas e cousas revolucionarias, ou radicais, poidan ser incorporados ás lóxicas dominantes que obedecen ao sistema capitalista e ao sistema burocrático baleirándoas de contido e incorporándoas no sistema da mercadoría. Esto é o que pasa cando a linguaxe do poder recupera principios propios de nós e do movemento obreiro como a acción directa, a autoxestión ou a solidariedade e os transforma en dereito á manifestación, negociación colectiva ou eleccións sindicais. Un linguaxe da liberdade que necesita dun desenrolo deses principios fronte a unha linguaxe do poder que os delimita, que os lexisla, e despoxa de toda evolución substancial, da vida, e os sentenza á morte.

Para a segunda opción deste xogo comezarei coa economía colaborativa. Esa economía na que, a pesar do que se pode intuír polo seu nome, dúas empresas distintas póñense de acordo para explotarche mellor e con máis garantías para elas que para ti. Esta economía fundamentase nas novas posibilidades que ofrece este mundo hipertecnoloxizado no que a través do móbil podes conseguilo todo. O teu teléfono convértese na túa forma de relacionarte con quen traballas, o teu teléfono, e máis concretamente a aplicación da empresa, permítenche traballar “baixo demanda”, asumindo, a empresa, un rol de intermediario que ofrece unha plataforma que permite poñer en contacto a alguén que quere un produto, con alguén que o ofrece e alguén que o transporta. Xa sexas un repartidor en bicicleta (ou “riders” que parece máis moderno) ou un condutor dun coche privado que funciona como un taxi, o funcionamento desta forma de nova economía é basicamente común nas distintas contornas. En realidade é un paso máis na lóxica das Empresas de Traballo Temporal que exercen de intermediarios para a contratación, só que hoxe a velocidade de internet e os teléfonos de última xeración permite que esa temporalidade se concrete tanto que unha aplicación de móbil monitoriza o teu traballo e cobras en función de variables que só contan mentres realizas algún pedido. O punto primordial para que esta forma de economía funcione reside en que ao venderse como unha plataforma que media entre oferta e demanda quen exerce os labores de transporte, o traballo, non son traballadores de ningunha empresa, son autónomos sen ningún tipo de garantía laboral parecida ao que un traballador calquera puidese ter como as vacacións, pagas ou a Seguridade Social.

Pois ben, o xulgado do social 24 de Barcelona avalou, recentemente, a actuación da Inspección de Traballo que en Xullo de 2018 concluíu que os 741 repartidores que operaban para a multinacional Deliveroo en Barcelona naquel momento, facíano baixo a condición de falsos autónomos malia que, en realidade, correspondese que o fixesen como traballadores por conta allea. Inspección de Traballo levantou acta reclamando a Deliveroo o pago de 1.3 millóns de euros en concepto de cotizacións non abonadas á Seguridade Social. A sanción de Inspección de Traballo contra Deliveroo pola actividade dos seus repartidores en Barcelona foi a primeira actuación en España contra empresas de reparto adscritas á denominada economía colaborativa tales como Glovo, Uber, Eats ou a propia Deliveroo. O estudo e formación na linguaxe do poder fai que, en ocasións, podamos golpear ao poder capitalista coas súas propias armas, como se de un déternoument se tratara. Sen embargo para albiscar a luz que pode acadar esta sentencia debemos consultar aos expertos, e deses temos no sindicato.

Coa axuda destes expertos, o sindicato tenlle tomado o pulso á linguaxe do poder. Polo menos no xurídico. Así o publican distintas federacións da CGT que animan aos traballadores a organizarse e consultar as posibilidades que se desprenden dunha sentencia do pasado 15 de Decembro na que o tribunal supremo modifica súa doutrina respecto á legalidade dos contratos de obra e servizo nas subcontratas. Segundo estas federacións, xa non está permitido xustificar este tipo de contratos simplemente axuntando o contrato comercial coa empresa cliente, é dicir, rexeita a limitación temporal dos contratos de traballo en atención aos contratos mercantís. É dicir, os contratos realizados desa forma son ilegais e, polo tanto, deberían pasar a ser contratos indefinidos. Coñecendo, como coñecemos, a grande cantidade destes contratos, ábrese, entón, a posibilidade de darlle un bo golpe, incluso de ferir, ao capitalismo, mellorando as condicións de traballo, sobre todo nas empresas intermediarias, nas empresas que máis se lucran directamente do noso traballo. Reducir a plusvalía que diría Marx. Pero isto depende da nosa capacidade, da cantidade de denuncias que poidamos xestionar, pois o estado non vai facelo de oficio, nin tampouco vai ordenar á inspección de traballo que inspeccione. Depende do uso que fagamos da linguaxe da liberdade en contra da linguaxe do medo que cega ao traballador nesta sociedade do espectáculo, ou non?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *