AS FERIDAS DA CONTRATACIÓN TEMPORAL
No anterior número de La Campana falaba de que o Xulgado do Social 24 de Barcelona avalou, recentemente, a actuación da Inspección de Traballo que en Xullo de 2018 concluíu que os 741 repartidores que operaban para a multinacional Deliveroo en Barcelona naquel momento, facíano baixo a condición de falsos autónomos malia que, en realidade, correspondese que o fixesen como traballadores por conta allea. Inspección de Traballo levantou acta reclamando a Deliveroo o pago de 1.3 millóns de euros en concepto de cotizacións non abonadas á Seguridade Social. A sanción de Inspección de Traballo contra Deliveroo pola actividade dos seus repartidores en Barcelona foi a primeira actuación en España contra empresas de reparto adscritas á denominada economía colaborativa tales como Glovo, Uber, Eats ou a propia Deliveroo.
Agora, nesta semana, súmase, a esta, outra sentenza da Sala do Social do Tribunal de Xustiza do País Vasco. Este tribunal coincide coa Inspección de Traballo en que os catro traballadores de Legemon, unha subcontrata de MRW, son falsos autónomos polo que deben ser dados de alta na Seguridade Social como traballadores por conta allea. Esta sentenza sinala que o importante non é que as furgonetas do reparto sexan propiedade dos propios traballadores, polo contrario, o importante é que a estrutura produtiva e organizativa pertencen a Legemon, como tamén lle pertencen o estabelecemento do horario e das rutas dos repartidores. Ante esta sentenza só cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.
Así a todo, o Tribunal Supremo xa fallou un recurso de casación para a unificación da doutrina sobre os falsos autónomos o pasado Setembro. Foi no caso dun repartidor, un rider, de Glovo, fallando que a relación entre o repartidor e Glovo era de natureza laboral e non mercantil. O TS sostén que Glovo non é unha mera intermediaria na contratación de servizos entre comercios e repartidores. É unha empresa que presta servizos de recadaría e mensaxaría. A mal chamada economía colaborativa era ferida no seu sistema nervioso.
No caso de Legemón existe unha pequena diferenza con Glovo. Lagemón é unha subcontrata de MRW. Na semana pasada falaba tamén doutra sentenza do Tribunal Supremo respecto á ilegalidade dos contratos de obra e servizo nas subcontratas. Esta outra sentenza declara ilegal estes contratos por estar vinculados á propia actividade da subcontrata e non a duración temporal do servizo concreto ou obra que realiza unha subcontrata. É dicir que as subcontratas pola súa natureza fan traballos temporais, esta é a súa actividade, polo que os contratos que realiza aos seus traballadores non poden estar xustificados nesta temporalidade innata da súa actividade, debendo pasar estes contratos temporais a indefinidos.
Se prestamos un pouco de atención, e se os nosos expertos en leis laborais o confirman, combinando estas dúas sentenzas os traballadores de Legemón, quizais tamén os de Glovo ou Deliveroo pasarían de ser falsos autónomos a traballadores con contrato indefinido. Tolerará a xustiza e o goberno esta ferida ao capitalismo? Eu teño as miñas dúbidas pero penso que hai que meter o dedo na chaga e ver ata onde pódese chegar.
Atopamos nas redes da CGT moitas publicacións que fanse eco destas dúas sentenzas e sinalan que os seus sectores utilizan masivamente este tipo de contratos temporais. Os compañeiros de Correos veñen de frear unha práctica habitual das empresas que abusando da situación de temporalidade dos seus traballadores despídeos durante os festivos para volver a contratalos unha vez pasados estes días e así aforrarse uns míseros días de contrato. Como din os compañeiros de Correos isto non solo pasa nas subcontratas máis explotadoras, pasa tamén na maior empresa pública estatal. Así desprezou a lei, pero sobre todo aos 722 traballadores, a dirección desta empresa pública estatal. É isto só en Madrid. Agora, tras a denuncia da CGT, a investigación correrá por todas as demais zonas nas que Correos divide o estado. Haberá investigación, pero moito me temo que para que saia á luz vai facer falla un inmenso traballo de investigación e denuncia dos compañeiros do noso sindicato.
Un deses sectores precarizados é o telemarketin. A CGT ven facendo unha labor constante e inaccesible ao desalento en todo o sector. Na Sección Sindical da CGT en Teleperformance da Coruña veñen de anunciar a conversión en indefinidos dos contratos de obra de aproximadamente 200 traballadoras e traballadores. Rocío, da sección sindical, explícanos que ao pecharse o servizo de Orange e iniciarse o de Vodafone a empresa non pode manter os contratos de obra vinculados a Orange e convérteos en indefinidos o que permite á empresa mover a estas traballadoras e traballadores dunha campaña a outra, o cal pódese considerar coma unha desvantaxe. De todos xeitos, a CGT loitará porque esta conversión en indefinido tamén afecte ás traballadoras con baixa de larga duración que teleperformance quere despedir.
E para finalizar a crónica desta semana quero chamar a atención sobre a folga que convoca CGT ante o ERE extintivo que presentou seguros AXA para substituír a persoas por bots, aplicacións informáticas que fan tarefas repetitivas a través de Internet, simulando o comportamento dun humano, a intelixencia artificial, Siri, Alexa… AXA pretende despedir, de momento, a 54 traballadoras por causas produtivas, técnicas e organizativas e polo tanto coa súa reducida indemnización. Estas persoas serían substituídas por un Chat-Bot que implantou a empresa e que realiza xestións entre o asegurado, o reparador e á aseguradora. Sen embargo, o Xulgado do Social nº10 das Palmas de Gran Canaria declarou improcedente en setembro de 2019 o despedimento dunha traballadora tras ser suplida por un programa informático, ao considerar que substituír a unha persoa por un robot baixo o pretexto de aumentar a competitividade non é, en ningún caso, un despedimento obxectivo. Semella que o Tribunal Supremo vai ter que decidir sobre esta cuestión proximamente. A pé feito, e deixando á xustiza á un lado, isto dos bots dá que pensar, Non?