ENTREVISTA. FERROLTERRA VAI Á FOLGA XERAL
Chégannos, dende Ferrolterra, novas moi preocupantes, para as persoas que habitan aquela fermosa terra e mar. Cando lemos o anuncio dunha folga xeral para o próximo 25 de febreiro contactamos con Xaquín da Sección Sindical Unitaria en Navantia na ría de Ferrol. Rapidamente ponnos ao día, a folga xeral adiase para o 10 de marzo por mor das medidas do coronavirus. Xa fixeramos unha entrevista, La Campana números 12 e 13 desta VI época, onde nos explicaban que son unha sección sindical unitaria de todos os traballadores que traballan en Navantia, independentemente de que traballen para a empresa pública principal ou para empresas privadas subcontratadas. Ademais, naquela entrevista comprobabamos o grande convencemento na solidariedade que tiñan… por eso preocupounos que na convocatoria para esa folga xeral, as novas non nomearan á CGT…
Ola Xaquín, outra vez!… Lin na prensa dixital que se esta a preparar unha Folga Xeral, aí en Ferroltera, para ó próximo 10 de marzo. Nestas novas din que convocan CCOO, UGT e CIG. Que pasa coa CGT, non convoca? Ou, non quixo convocar conxuntamente?
Non, non se trata de que CGT non quixese convocar conxuntamente, trátase de que os convocantes CCOO, CIG e UGT non nos chamaron nin nos tiveron en conta para nada. Este é o motivo. Evidentemente a CGT vai participar nesta folga, vai convocala e participaremos nela coas nosas propias propostas, coas nosas propias reivindicacións e baixo o noso propio prisma sindical.
Vale, explícanos un pouco a situación. Porque é necesaria esta Folga?
A folga é necesaria porque a situación é bastante desastrosa. Por unha banda está o peche da central térmica de As Pontes, por outra banda está o peche tamén de Siemens Gamesa e por outra banda está tamén a situación de Navantia que esgotará a súa carga de traballo en cuestión dun par de meses e entra nun bache de carga de traballo que vai durar máis dun ano, e a máis tendo en conta como son os ciclos da construción naval; o inicio da construción dun novo proxecto non significa unha inmediata recuperación do emprego, non, pasan varios meses ata que o corte de chapa adquira un ritmo que permita recuperar un volume importante de traballo, de empregos na área de aceiros. A isto súmanselle moitos outros peches de pequenas empresas, despedimentos, EREs de despedimento de parte da plantilla. Agora mesmo, anunciouse o de Galicia Textil e outros como antes en Noa, en Cándido Hermida, etc, etc. Unha situación moi, moi, preocupante.
Pensades que hai a suficiente forza para reverter a situación?
Sí, sí hai forza. Sí hai forza desde unha perspectiva de clase, é dicir, o problema non é un problema de Ferrol, a situación que vive a nosa comarca é semellante á que viven moitas outras comarcas industriais do estado español. Realmente, o que fai falta é que toda a forza social que temos a clase obreira se faga valer para darlle un cambio a esta situación. Eso pasa, por unha banda, porque haxa un sindicalismo combativo que realmente queira mobilizar a toda a clase traballadora en defensa das nosas reivindicacións e, por outra banda, pasa tamén por que o sindicalismo e a acción sindical teña unha perspectiva anticapitalista, de acabar con este estado de cousas que está motivado, en última instancia, pola crise do sistema capitalista. Por tanto, os traballadores debemos entender isto. Se o entendemos non nos podemos limitar a loitar contra os efectos da crise económica, senón tamén contra a súa causa que é a propia existencia do capitalismo e, por tanto, debemos loitar tamén por unha transformación social profunda que acabe con unha economía que está pensada para defender os beneficios privados dunha minoría privilexiada da sociedade.
Están os sindicatos maioritarios coa vontade de mobilizar toda esa forza?
Eu creo que basta con mirar atrás, aos últimos anos, e a pregunta se responde por si soa. Evidentemente, non. Aquí hai unha situación gravísima. Hai un empobrecemento de sectores da clase obreira. Comeza a haber, xa, eso que se coñece como os traballadores pobres, xente que ten emprego, que ten emprego a tempo completo, pero que o salario non lle chega para vivir. Xa por non falar de todos os precarios, o tempo parcial, etc, etc. É unha situación grave. Os ricos cada vez son máis ricos, os pobres cada vez son máis pobres. A pesar da gravidade da situación, a pasividade sindical é total e a obsesión polo diálogo social, pois…, tamén é total.
O pasado 17 de decembro xa houbo unha folga xeral nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Como resultou dita folga? Que papel tivo CGT?
Bueno, unha aclaración previa, en realidade máis que unha folga xeral, aínda que se anunciou así, na práctica, foi unha mobilización comarcal. Foi unha mobilización comarcal en forma de cadea humana. Prefiro falar da mobilización porque chamala folga xeral paréceme excesivo. Consisteu nunha cadea humana para unir os concellos de Ferrol e Narón. Foi esencialmente unha mobilización dos traballadores do sector industrial, das grandes empresas industriais. Estivo moi condicionada por todo o tema da pandemia, é dicir, que levou a que no canto dunha manifestación, que permite agrupar nun espazo relativamente curto a un montón de xente, fixérase en forma de cadea humana, coa xente separada entre si. Evidentemente isto restoulle visibilidade e masividade. Respecto ao papel da CGT, pois apoiamos a mobilización nas empresas onde estamos, chamamos a participar e participamos nela ese día.
A verdade é que non paran de chegar anuncios de mobilizacións vosas. O pasado 12 de xaneiro chamabades a unha concentración, cal era o motivo?
Ademais da do 12, houbo outra o 20 de xaneiro. A concentración do 12 era unha concentración dos traballadores subcontratados do mantemento que se enfrontan a unha manobra antisindical por parte de Navantia. Consiste en que na licitación do mantemento da factoría divídese o choio en lotes, e a máis, cunha cláusula que limita o número de lotes con que se pode facer unha empresa, de tal maneira que Navantia se garante que, polo menos, o mantemento se repartirá entre un mínimo de cinco empresas. Os compañeiros do mantemento entenden, moi correctamente, que esta é una manobra para dividilos entre diferentes empresas e facer desaparecer o seu comité, polo tanto debilitalos sindicalmente. Entón, a CGT de Navantia Ferrol que ten unha postura moi clara, moi de clase en relación coa subcontratación, chamou a tódolos traballadores a acudir a esa concentración que realizaban os compañeiros do mantemento.
Por outra banda o 20 de xaneiro tivemos unha concentración na porta convocada, esta si pola CGT, en contra de toda a situación que hai coas prazas de novo ingreso en Navantia. Só vou dar un dato: as prazas de 2019 aínda están sen cubrir. Hai todo tipo de problemas, todo tipo de abusos por parte da empresa, violación das bases e unha actitude absolutamente abusiva e prepotente que está dilatando a contratación, a entrada na empresa de todos eses novos ingresos que tanta falta lle fan a mocidade da nosa comarca.
Tamén, fai uns días, o 26 de xaneiro, impediuse o acceso á factoría e o 29 ocupastedes os despachos de recursos humanos. Cóntanos como se desenvolveron esas accións e que pretendían.
Bueno, ao respecto da paralización da factoría, non é que se impediran os accesos, púxose un piquete, tamén dos traballadores do mantemento, como acción de protesta para esixir a retirada do prego de licitación que presentou Navantia. Puxéronse na porta para pedir solidariedade, que non se entrase, co cal se montaron unhas colas enormes ata que se levantou o piquete ás oito da mañá. Por outra banda, o día 29, efectivamente, houbo unha ocupación por parte do comité de empresa dos despachos dos dous principais responsables de recursos humanos de Navantia na Ría de Ferrol para exixir que se avance nos procesos de novos ingresos. Esta ocupación vaise manter durante a xornada laboral ata que a empresa dea unha resposta e mova ficha. Establecéronse quendas entre os diferentes membros da comisión de emprego do comité de empresa. O obxectivo é ese, que se movan as cousas por que é completamente impresentable que as prazas de 2019 estean aínda sen cubrir. Algunhas, practicamente, están empezando porque o único que houbo foi o período de inscrición, pero nin sequera se sacaron as listas de admitidos e non admitidos, nin os temarios das probas, etc, etc… Unha auténtica vergonza
Moitas grazas Xaquín! Se queres engadir algo mais…
O único que engadiría é que Navantia non é unha illa. Os traballadores padecemos os mesmos problemas, que se padecen en moitas outras empresas, pola situación actual do sindicalismo no estado español. A Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia-Ferrol xa decideu que cando entendamos que se debe facer algo ímolo facer aínda que sexa en solitario. Por nosoutros non vai quedar, nosoutros polo menos ímolo intentar.