MENTIRAS, ÉTICAS E PREGUNTAS
«Dende que nos trouxeron nos barcos temos estado en rebelión…e sempre houbo xente que persegue con combatividade as ideas de liberdade e liberación”
Jalil Muntaquin, Panteira Negra. Entrevista con Freedom Archives, 2002.
No anarcosindicalismo temos un xeito de analizar o mundo que nos arrodea. Este xeito ten avanzado moito dende que Kropotkin escribira ás súas primeiras teses. Así a todo, o anarcosindicalismo foi capaz, en moitas ocasións, de expresar ideas moi complexas de xeito moi sinxelo. O anarcosindicalismo, no que se refire á súa relación coa intelligentsia e o académico, comprobou que estas servían ao poder, calquera que fose o seu xeito, para, principalmente, confundir e afastar ao pobo da súa entidade de clase e do seu propio pensamento. A negativa do anarcosindicalismo a someterse a ningunha elite, por moi intelectual que sexa, causou o desprezo, e non só intelectual, dos aparatos do estado ou da esquerda marxista, empeñados en usar unha linguaxe e unha teoría separada da concepción ética da xustiza que posúe calquera persoa traballadora consciente da súa clase.
Un exemplo desta simpleza anarcosindicalista podería ser a lectura e inmediata meditación sobre o primeiro artigo da Declaración Universal dos Dereitos Humanos que di: “Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse fraternalmente os uns cos outros”. Nada hai máis exemplarizante para constatar a falsidade dos valores que consagran o sistema en que vivimos. E non é que o teñamos descuberto agora cos privilexios da vacina do coronavirus… Privilexios de clase, de raza, privilexios nacionais… un crisol de privilexios… Non, esta declaración, segundo os gobernos democráticos, autoconsiderados mais avanzados, lexitima o mantemento da lei e a orde e incluso a intervención armada de alianzas supranacionais en calquera parte do mundo. Ao cabo, que non fai falla moito tempo de meditación para concluír que este mundo que vivimos está baseado na mentira.
Así a todo, o anarcosindicalismo non se contenta con quedarse nese marco teórico da meditación, senón que enseguida mira atentamente ao mundo que o arrodea para comprobar que o seu pensamento se materializa na realidade e así vai cultivándose e adquirindo unha cosmovisión de seu. Unha cosmovisión única pero tamén complexa, pois complexo é o camiño que seguimos; o camiño da liberdade.
Moitas veces cústanos entender porque ese camiño cara a liberdade ten como obxectivo, para moitas persoas dos chamados países pobres, a Unión Europea. Porqué emprenden unha viaxe tan perigosa abandonando todo aquilo que coñecen? Porque arríscanse á persecución das autoridades e a unha vida en constante fuxida para evitar a captura? Porque arriscan a súa vida? E que acaso non coñecen as poucas oportunidades que teñen unha vez chegados aquí? En verdade creen que aquí poden alcanzar un mundo mellor? Acaso non veñen de terras conquistadas, sometidas e explotadas polo colonialismo, agora coa omnipotencia da corporación multinacional, dos estados da Unión Europea? Acaso non saben que se lles vai negar calquera dereito? Tanta é a desesperación? Qué nos están a dicir? Qué significa? Qué carallo significa?
Dende que tiven a ocasión de falar coas primeiras persoas migrantes que se cruzaron na miña vida e ata hoxe, non para de sorprenderme a súa crenza na xustiza e no compartir. Por suposto tamén teño coñecido migrantes que non, pero observo en certos migrantes, moi humildes e máis abertos a contar a súa vida a un branco, unha dignidade que cría perdida no tempo. É esta unha dignidade que me cuestiona, quero dicir, cuestiónome a min mesmo e os meus actos. O mesmo pasoume cando lin aqueles libros autobiográficos dos perdedores da guerra civil, os seus testemuños, as súas experiencias, incluso nos campos de refuxiados de Francia, ou escondéndose do nazismo, estaban cheas dunha calidade ética que cría desaparecida ata recoñecela nas experiencias dos sen papeis. Non sei se me explico ben, pero é unha ética que ven do pasado, dunha sociedade na que o espectáculo non tiña invadido todas as facetas da vida. Hoxe en día podemos escoitar: “Estou indignado” ou tamén, “polo menos quédame a dignidade” despois de ter perdido unha loita, pero non se trata desa dignidade. Trátase dunha dignidade transmitida de xeración en xeración. Xeracións que sufriron a escravitude, o asasinato, a guerra, a violación, a persecución relixiosa e política e toda clase de opresións pero que se comportaban fraternalmente e estaban dispostas a loitar ata o final. Non estou facendo apoloxía do pasado ou dicindo que o tempo pasado foi mellor, estou dicindo que na sociedade do espectáculo, a sociedade actual, deixamos de relacionarnos como realidades e facémolo como representacións, ao través de imaxes, nun principio, ou agora da tecnoloxía. Estas imaxes que nós mesmos producimos, no laboral ou no ocio, e que se converten nun produto, négannos a nós mesmos e polo tanto negan a liberdade. As relacións nun mundo de representación fan que non sexamos capaces de alcanzar unhas relacións éticas da calidade das dos refuxiados da guerra civil ou dos sen papeis.
O testemuño de Hervé, un camerunés que na madrugada do 6 de febreiro do 2014 tentou atravesar o espigón que separa África da Unión Europea na praia do Tarajal en Ceuta, amosa esa dignidade. Aquel día morreron 15 persoas, compañeiras de Hervé, pola brutal actuación da Garda Civil. “Todos os meus amigos, os que morreron, coñézoos porque pasamos moito tempo xuntos en Marrocos. Case tres anos nos que tentamos cruzar. As veces pola auga, as veces pola valla. Bótannos, volvemos, cansámonos, e cando temos un pouco de forza, imos de novo” … “As súas familias agardan algo, unha carta de misericordia, unha carta pedindo perdón por parte de España polo que fixeron aos seus fillos, porque nunca terán os seus corpos, eso está claro” … “No momento que souben que se pechaba o caso polo xuíz, estiven perturbado porque non entendo como unha historia tan importante como esta, unha historia que nos afecta tanto, pode ser tan desprezada. Non sei moi ben as razóns, non sei moi ben porqué. Todo o que pido e que se faga xustiza. Qué máis podo facer eu? Xa están mortos”. Ao cumprirse sete anos de impunidade, a VIII Marcha pola Dignidade das vítimas de Tarajal percorre máis quilómetros que nunca, a manifestación cara á praia ceutí reprodúcese noutras 32 cidades do Estado, en Alemaña e Senegal.
Ademais de 15 mortos, aquel día producíronse 23 devolucións ilegais a Marrocos. As devolucións en quente son unha practica ilegal que incumpre de forma sistemática a normativa internacional, europea e española. A Lei Mordaza, que volve ao congreso dos deputados e polo que moitas organizacións comezan a chamar á mobilización para a súa derogación, é a que pretende dar cobertura legal a estas devolucións. É, polo tanto, unha lei ilegal que, sen embargo, semella que o Congreso non ten intención de derogar.
De feito, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), que ten encomendada a misión de investigar as faltas graves nas institucións europeas, está sobre a pista desta práctica ilegal e en contra dos dereitos humanos investigando a FRONTEX, a Axencia Europea da Garda de Fronteiras, que participaría en miles de devolucións en quente. Esta axencia, que en principio supervisa a actuación das policías de fronteiras dos distintos países membros pero que, de facto, pode intervir en calquera deles sen autorización explícita, segue en fase de expansión trala ampliación de competencias aprobada en 2016. Esta mesma semana, as redes sociais de FRONTEX presentaron o novo uniforme da garda costeira que se converterá, a partir deste ano, no primeiro corpo armado autónomo da Unión Europea, cun primeiro continxente de 5.000 axentes que se duplicará nos próximos seis anos. A través do “dereito de intervención”, que non aparece nos Tratados da UE, FRONTEX pode intervir ata en contra da decisión de calquera estado membro.
Pouco importa en que grandilocuente declaración estea recollido o dereito de asilo. O pasado xaneiro chegaron á costa de Motril, en Granada, 16 activistas rifeños fuxindo da ditadura alauita do reino de Marrocos e solicitando asilo. Diversas organizacións, entre elas CGT, veñen denunciando o seu internamento no CIE de Murcia e que non fosen admitidas as súas peticións de asilo. Sergio Ramos, avogado dos activistas, reclama que sexan admitidas a trámite todas as solicitudes. “Temos o convencemento de que se estas persoas volven ao Marrocos, van ir ao cárcere directamente. Por participaren nas manifestacións do Hirak e tamén por pediren asilo en España” … “Unha persoa que solicita asilo político nunca debería entrar nun CIE. Unha vez chegan a España deberían ser postos directamente no trámite de asilo” manifestou Sergio Ramos. Segundo os datos que recolle a Asociación Marroquina dos Dereitos Humanos, unhas 2.000 persoas foron arrestadas durante o período de ascenso do movemento rifeño, a partir do ano 2016, delas 850 ingresaron en prisión. 94 das persoas detidas eran menores de idade. Amnistía Internacional, denuncia que “os procesos dos centenares de activistas son a miúdo baseados en denuncias inventadas, esaxeradas ou infundadas”. Tamén hai indicios de tortura ás persoas detidas, para forzar confesións de culpabilidade. O 28 de outubro de 2016 foi un punto de inflexión para o Rif. Mouhcine Fikri, un mozo peixeiro rifeño, foi asasinado pola policía de Marrocos, triturado nun camión do lixo. Este feito desencadeou unha resposta cidadá, con manifestacións masivas diarias en todo o territorio do Rif durante os seguintes 7 meses. O Hirak, o movemento popular, rexurdiu con forza como resposta á marxinalidade e á violencia estrutural da zona. O Hirak non é un movemento independentista, o seu conxunto non se situou así en ningún momento, senón que as súas reivindicacións son a demanda de dereitos básicos. O movemento foi asembleario desde os seus inicios, e organizouse mediante comisións, de tal maneira que todas as persoas puidesen ter o seu papel. As mulleres tamén participaron activamente tanto na organización como nas manifestacións.
A CGT ven de esixir ao goberno que investigue e se responsabilice dos asasinatos e vulneracións de dereitos humanos cometidos con armas fabricadas, vendidas e distribuídas por España a outros países. A esixencia que non deixa de ser declarativa, ven acompañada dunha chamada á obxección fiscal que a sitúa no terreo do real, aínda que do persoal, ao ser unha acción practicamente dirixida ao IRPF. Sabemos para que serven as armas e como en último termo son as que manteñen e perpetúan a mentira na que está baseado o mundo en que vivimos. Temos moita información. Dende fai anos o Centre Delàs d’Estudos pola Paz, renova a Base de datos Internacional da Banca Armada, unha iniciativa que naceu para denunciar publicamente ás institucións bancarias que financian a industria militar, co obxectivo de sensibilizar e esixir unhas políticas éticas e responsables socialmente. Se o obxectivo, como din, é político, no sentido parlamentario, pouco podemos axudar. Ademais o pasado 4 de febreiro presentaron unha ferramenta para que cada un de nós poidamos descubrir cal é a nosa pegada en armas mediante unha aplicación, unha app, feita con subvención do estado e enfrontando á Banca, chamemos tradicional, coa Banca ética que defenden e aseguran que non inverte en negocios de armas. A súa proposta está lonxe do anarcosindicalismo. Sen embargo decláranse posuidores dunha ética das finanzas. Unha ética tremendamente nova e orixinal que non debemos confundir coa dos sen papeis ou refuxiados da guerra civil. É posible esta nova ética? E, podemos autoxustificarnos, tanto persoal como colectivamente, en utilizar os servizos bancarios da banca non ética, e saír a rúa reclamando que non no noso nome?