ENTREVISTA A RAÚL: UNHA ENTREVISTA SOBRE A LIMPEZA NA SANIDADE

A semana pasada entrevistabamos a Antón, un compañeiro afectado pola privatización da sanidade. Celador, apartado das súas funcións que viña realizando durante moitos anos, Antón, ponnos en contacto con Raúl, traballador da empresa concesionaria da limpeza do Álvaro Cunqueiro. Seguindo co achegamento á realidade laboral dentro do macrohospital Álvaro Cunqueiro, entrevistamos a Raúl. O modelo de xestión deste hospital, denominado público-privada, estendese por todo o estado e é unha posibilidade para este novo Gran Montecelo que está a construírse en Pontevedra. Como vimos informando, o próximo sábado 27 convocamos á sociedade pontevedresa a manifestar o seu rexeitamento á privatización da sanidade e por unha sanidade totalmente pública… que non se diga que non avisamos.

Ola Raúl! Contábanos Antón que ti traballas para unha concesionaria no hospital Álvaro Cunqueiro e que ía ser moi interesante falar do teu traballo. Grazas Raúl pola túa disposición. En que traballas exactamente? Para cal empresa?

Traballo coma operario na retirada de residuos no hospital. Recollemos os contedores que se xeneran cheos de restos dos diferentes servizos e os transportamos ata fóra do edificio para separalos por características ou por toxicidade nunha nave. De aí, saen en camións para o seu posterior tratamento dependendo de se son residuos sólidos urbanos, citotóxicos, ou infecciosos coma é agora mesmo o caso dos residuos Covid que dispararon as cifras exponencialmente. A empresa actual, é ACCIONA.

Cóntanos como chegastes a traballar para unha multinacional dende que traballabades no hospital Xeral. Tamén, teñen as concesionarias a obriga da subrogación, tivestes problemas con isto?

Nós chegamos ó Cunqueiro por subrogación, si. Tiñamos firmado dende hai moitos anos ese acordo e, en caso de cambiar, as empresas que se presentasen a concurso, deberían asumila plantilla ó completo. Era un dereito firmado para protexer tódolos postos de traballo. Xa ocorrera antes no paso de Faro a CLECE, por exemplo. A dúbida xurdía polo traslado de edificio e conseguinte cambio de nome… Pedimos reunirnos cá Xerencia do CHUVI, có SERGAS, e mesmo cá Consellería de Sanidade, posto que no Priego de Condicións puña que a empresa entrante debería asumila plantilla de limpeza xa existente no hospital Xeral. Pero, e se ao cambiar de nome o edificio, a multinacional acollíase a que alí non dicía nada de subrogación para o Álvaro Cunqueiro? Non era a primeira vez que nos enganaban. CLECE, entrando por concurso público e cun convenio firmado e aceptado para entrar, o primeiro día dixo que non ía cumprir e que lle sobraban traballadores, descansos e partes do salario, e iso supuxo oito meses de mobilizacións diarias ate que ao ano cancelaron o contrato. Así que, como todos dicían que non habería problema pero ninguén o reflectía por escrito, houbo que ir a Santiago e “forzar” unha reunión na Consellería ata que nos garantiron por escrito que ninguén perdería o seu traballo.

De concesionaria en concesionaria e tiro porque me toca. Como nos explicaba Antón, a xestión privada do Álvaro Cunqueiro é propiedade dunha Unión Temporal de Empresas, UTE. Entendo que o voso percorrer, de empresa en empresa, depende dos vaivéns de esa UTE, é dicir, dos grandes capitais que nos seus negocios van comprando e apoderándose desa UTE. Como afecta esta economía das alturas no día a día do voso traballo?

De momento, nós seguimos con ACCIONA. Ben é certo que este ano, vendeu a súa participación a un fondo de inversión francés e todos sabemos o que iso significa. Que os accionistas quererán beneficios e os beneficios saen sempre dos mesmo sitios. Pero de momento, inda non notamos cambios máis alá dos acontecidos dende o Xeral, a este novo hospital. Aí, si. Pero debido en gran parte á xestión privada do mesmo.

Esta “economía das alturas”, pola súa propia natureza, non só está obrigada a obter beneficios, senón que ten que obtelos rapidamente. Que estratexias usan para que os traballadores aumenten a produción?

Pois poreite un pequeno exemplo gráfico. Ó principio de chegares aquí, veu moita xente da nova empresa. Un deles, o parecer, xestionaba tempos en parques temáticos. E aquel home, plantouse cronómetro en man dicindo que cada habitación dun enfermo debía ser limpada en sete minutos. Non máis. Aquela persoa, evidentemente, non tiña coñecemento de como funciona un hospital. Que non se trata de fregalo chan e pasarlle un pano á mesilla. Que hay moitos bichiños infecciosos, que non distinguen un mando de televisor dunha cama ou dos cristais das fiestras. E que desinfectar, ten os métodos e tempos que igual levan ése tempo ou non. E que, ó mellor, hai vómitos ou cousas peores despois de que xa limparas e hai que voltar atrás. Iso, freámolo coa propia lóxica do día a día. Outras cousas, non. Formación habitual, frecuencias de limpeza en determinados sitios coma baños ou vestiarios, reducíronse moitísimo. Ó sacares as limpadoras do seu posto para cubrir outros servizos. Todo iso, é aforro de tempo e polo tanto, contratacións.

Cóntanos, para que a xente se decate, en que condiciones traballades?

Pois para ser sinceros, probablemente, sexamos o gremio das contratas que mellor estamos. Iso é que estamos ben? Máis ben, é que os demais están peor. Botamos en falla unha formación adecuada sobre todo para as persoas que chegan e nunca traballaron nun hospital. Que saiban utilizar o material, como vestirse para entrar nos sitios con infecciosos, como usalos panos… métodos de traballo e prevención de riscos. Antes, a formación era básica. Agora, tivémola que reclamar vía Inspección de Traballo máis de unha vez. Tamén se nota moito unha falla de organización en base ás necesidades do día a día con criterios de salubridade, máis que económicos. Poñer un enchufe, abrir unha nova porta ou a sala contigua de Urxencias para habilitar espazo, supón un problema económico que cando a xestión era pública, non existía.

Como afectan estas condicións ao clima de traballo e a calidade do servizo?

Pois mal. Cando hai unha parte da plantilla con contratos de días soltos, e precisan de que os sigan chamando para traballar e así poder pagar as facturas, acaban asumindo unha precariedade das condicións laborais. Cambios de quenda para a noite, a mañán ou a tarde a golpe de chamada telefónica, perda de descansos, facer máis postos dos que se teñen asignados… Cando ti tes unha formación sólida en limpeza hospitalaria e sabes como se deben facer as cousas para que queden ben, procuras dicirlles que deben levar un número suficiente de panos para non mesturar, que os tempos de espera nalgunhas limpezas de infecciosos, son imprescindibles para que sexan efectivas, a necesidade de frecuencias de mantemento para evitar riscos, a prudencia nalgunhas manipulacións… Nunha oficina, podes cambiar papeleiras e tirar da cisterna do baño se o ves limpo. Nun hospital, non. Porque hay cousas que non se ven, pero están aí e supoñen infeccións. Pero cando quen paga presiona, porque a súa vez está presionado tamén para chegar a un máximo de beneficios, pois as tensións entre o que se debe facer e o que me din que faga, acaban influíndo no ambiente de traballo para mal, obviamente.

E, en xeral, os traballadores veñen resistindo ou aceptan todo este proceso? Hai ou houbo disposición para a loita e a mobilización?

Coma noutros gremios, hai de todo. Nós, no tempo que levamos aquí, xa convocamos dúas folgas indefinidas e innumerables mobilizacións. Ningunha delas, para reclamar máis cartos, senón persoal suficiente e medios. A última convocatoria, veu motivada polo aumento de zonas illadas e ingresos de Covid19. O traballo e os riscos multiplicáronse, a plantilla minguou debido ós contaxios e as condicións de traballo eran, as veces, moi malas. Falta de luvas, de mascarillas, falta de protocolos, formación para a xente nova… despois de moito loitar, acabamos convocando folga indefinida e logramos máis medios, contratacións, axudas de reforzo para as zonas sensibles e un número de presencias mínimas para cada quenda de traballo. Apoiou toda a plantilla? Bueno, sempre hai quen non colabora pero logo tampouco renuncia ó que se consegue. Pero en xeral, o apoio foi bo e organizámonos ben.

E agora, coa pandemia. Como vos atopades no traballo? Como levades esta difícil situación?

A pandemia multiplicou o traballo por varias razóns. Debemos facer máis recorrido do que xa faciamos para chegar ós distintos servizos debido ó illamento de moitas zonas, disparouse o número de residuos contaminantes e debido a isto, temos un serio problema de almacenamento. Estes residuos, por protocolos de prevención, ían en contedores de plástico ríxido, estanco e hermético para illalo virus, coma no caso de outros virus das mesmas características. Unha vez retirados dos servizos do hospital, gardabámolos en uns almacéns aparte e non podían permanecer máis de 72 horas antes de que os levasen para o seu tratamento. Actualmente, e debido ó gasto e o desborde da situación, alguén decidiu que podíanse usar caixas de cartón para facer esa función se antes se metían os residuos covid en bolsas plásticas. E que ademais, non facía falla poñer un límite de tempo para retiralos dos almacéns. As caixas legalizounas a Xunta e nós, convivimos con eses residuos na nave na que traballamos cada día. Ás veces, incluso fora dos almacéns debido ó volume acumulado polo incremento dos ingresos.

Ostias! Pois si que… ata aquí as preguntas. Grazas Raúl

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *