VI Época - 33

IMOS A VER, QUEN É AQUÍ A LEI

Mira nena, uahhh,

Son como o sector naval, uuah

Hei, hei, resistirei.

Hei, hei, resistirei.

SECTOR NAVAL. OS RESENTIDOS. 1985.

A verdade, non entendo. O pasado 25 de febreiro a CGT asinaba, xunto 72 colectivos e organizacións un manifesto para o impulso dunha lei que garanta o dereito a vivenda. A sinatura tivo lugar no congreso dos deputados. O documento foi amparado por diferentes formacións políticas e por un total de 184 deputados que sumarían unha maioría o suficientemente ampla. Este grupo de colectivos sociais e organizacións sindicais anunciou que se vai a iniciar un proceso de mobilizacións nos diferentes territorios do estado español co obxectivo de ir concienciando e sumando máis apoios por parte da cidadanía, pero tamén para que as formacións políticas póñanse a traballar canto antes para que o PSOE finalmente decida escoitar as demandas deste importante grupo de organizacións e colectivos sociais. Eu non entendo.

Teño que confesar que non dou entendido moitas cousas. Dun xeito máis xeral, coñezo e convivo con xente e incluso amizades que son moi críticas co presente, desexan e fan por que as cousas muden, decláranse anticapitalistas e radicais. Vivir nunha vila fai coñecer a toda a veciñanza, actuar con parte dela, apreciar e querer a algunhas destas persoas. Sen embargo, cando chegan as eleccións políticas as identifican coa hora da verdade. Teño falado e discutido sen chegares a nada. Non entendo como todas as súas inquedanzas e activismo é depositado na confianza dun partido político constitucional, que destas tamén coñezo, reformista, nacionalista ou independentista. Houbo incluso momentos en que non votar a esquerda con posibilidades de ganar érame recriminado como unha postura política de dereitas. Teño a suficiente idade como para ter vivido a esperanzadora vitoria de Felipe González que ilusionou ao meu pai e a clase obreira do naval vigués e que rematou con aquela esperanza antifranquista e transformou a vida do meu pai nunha interminable tarefa tras tarefa, horas e horas, para poder sacar adiante aos seu fillos e que puideran optar a unha educación universitaria. Daquela, en plena reconversión, houbo que pedir favores para que o paro obreiro non fora o único sustento e pasar a economía sumerxida.

Esa época progresista foi longa. Ao chegar eu a idade de traballar estabamos todos no paro, como cantaban naquela canción. A xuventude, cando menos, tiñamos unha vangarda musical e artística que cantaba a nosa situación. Aínda que tiñamos unha educación estatal, a experiencia vital ensinábanos á clase a que pertenciamos. Entendiamos perfectamente todas aquelas cancións que ademais eran do mais moderno e gamberro. En verdade, eu aínda que concienciado, estaba más preocupado por coñecer aquela música e polas cousas propias da xuventude que por estar no paro, podía bailar e gozar da vida sen diñeiro, ou con pouco diñeiro.

O paro e a escaseza de diñeiro foron asentándose na miña normalidade ata hoxe. Son as consecuencias de non dar o brazo a torcer, de pelexar contra a inxustiza dun sistema capitalista. Acostumeime á situación e sigo bailando. Bailo en casas okupadas, alugadas, compartidas, prestadas, coa imposibilidade de mercar unha vivenda.

O dereito a vivenda non foi respectado por ningún goberno galego, español ou capitalista, porque eso son os gobernos, capitalistas, como os partidos quen aspiran a gobernar. Así como non confío nun partido obreiro, tampouco confío nunha lei. Qué tipo de lei? Como a constitución, a nai das leis, a lei de todas as leis que con todo descaro minte. Artigo 47: Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos. Tamén podemos subir de nivel e fixarnos nas mentireiras leis do capitalismo mundial. Artigo 25.1 Declaración Universal dos Dereitos Humanos: Toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios; ten así mesmo dereito aos seguros en caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade. En vez de axustizar aos gobernos por alta traizón, Ala!, fan unha lei, unha declaración e xa se cumpre coa responsabilidade. É por estas declaracións e leis que vivimos no mellor sistema dos posibles? Non entendo, bueno, si entendo, o que non entendo é como aínda hai quen so trague. Qué clase de lei promovemos dende a CGT? Unha lei que respecte a constitución e que garanta a vivenda a todos os españois? Ou que respecte a declaración universal dos dereitos humanos e que garanta o dereito a vivenda para calquera persoa no territorio español independentemente da súa nacionalidade ou situación de migrante legal ou ilegal? Non teriamos antes, para que isto sexa posible, reducir a cinzas a todos os bancos do mundo?

Crecín e vivín resistindo, moito antes da pandemia, e non entendo esas estratexias parlamentaristas. Entendo que debemos aproveitar as fisuras do capitalismo e construír alternativas coma a dos compas de Fraguas, un pobo abandonado en Guadalajara e que leva uns anos okupado. Estas fisuras están a prosperar, e esténdense, e cada vez máis son os pobos e aldeas que a xente reconstrúe e volven á vida, moitos okupando. O pasado 11 de marzo os compas de Fraguas lanzaban un comunicando chamando á solidariedade por perigo de desaloxo. A lei e os seus executores, os xuíces, por denuncia e conivencia co goberno de Castilla-La Mancha queren demoler as casas rehabilitadas e todas as ruínas do pobo de Fraguas desestimando a protección patrimonial facendo caso a un informe realizado por un arqueólogo que traballa para TRAGSA, a empresa demoledora. A Junta está empeñada en demoler a ras de chan alegando que é seu deber recuperar ás súas posesións e “protexer o patrimonio cultural”. Seis das persoas que alí viven están condenadas a penas de cárcere e agora hai novas identificacións. A Junta solicitou o desaloxo co apoio das forzas de seguridade do estado para o 10 de marzo. Os compas din que alí estiveron agardando pero non apareceron. Deste xeito foi como, na miña xuventude, obrigouse ao estado a suprimir a mili.

Mais difícil témolo se falamos de dereitos universais. Las Raices é un campamento de retención de migrantes en Tenerife. Alí están pasando fame e varias persoas puxéronse gravemente enfermas pola escaseza ou falta de comida que subministra a empresa Serunión, por acordo comercial con ACCEM. Esta situación provocou a protesta. ACCEM é unha ONG que forma parte do grupo de ONG especializadas que xestionan, xunto á administración pública, o sistema español de protección e acollida ás persoas refuxiadas ademais de traballar con outros colectivos en situación socialmente vulnerable, como son menores estranxeiros non acompañados, persoas sen fogar, vítimas de trata de seres humanos, minorías étnicas, vítimas de discriminación, etc. Trala crise económica e o aumento do risco de exclusión social, a organización estendeu a súa actuación á cidadanía en situación de pobreza. A entidade xestiona anualmente un orzamento de ao redor de 18 millóns de euros, procedentes de fondos públicos e privados. A policía no canto de plantarse en Serunion e buscar aos responsables que deixan a estas persoas cos estómagos baleiros, castíganas a elas por reivindicar un dereito tan básico como comer, entrando violentamente no campamento e practicando detencións. Aínda por riba, a empresa de seguridade Segurmaxim tamén ao servizo de ACCEM, intenta acalar a protesta de xeito violento. Nun vídeo distribuído pola Asemblea de Apoio a Migrantes de Tenerife podemos apreciar a chulería e provocación dos seguretas de Segurmaxim e como dan unha malleira a un migrante. Esa é a lei.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *