ENTREVISTA CON ANNA K. ORGANIZADORA E GUÍA DA EXPOSICIÓN SOBRE PIOTR KROPOTKIN
Despois de moito tempo e esforzo de preparación ademais de innumerables e cambiantes dificultades alleas, como todas as medidas de restricións, o Ateneo Libertario de Pontevedra inaugurará o próximo xoves 25 ás 19:00 horas unha exposición sobre Kropotkin, que abrirá as xornadas no seu recordo e homenaxe. A inauguración será na Fundación Cuña-Casabellas, rúa Xerardo Álvarez Limeses, 12, onde permanecerá ata finais de abril.
Ola Anna! O Ateneo Libertario de Pontevedra vai inaugurar unha exposición sobre Kropotkin. Como foi que decidistedes realizar esta exposición?
A idea xurdiu en novembro do ano pasado. No Ateneo Libertario falaramos de facer un clube de lectura para comentar A Conquista do Pan, de Kropotkin, o día do seu aniversario (o 9 de decembro). Deseguida démonos de conta que no ano 2021 se cumprían 100 anos da súa morte. É así como xurdiu a idea de facer algo máis grande, unha exposición ou unhas xornadas. Ao final fixemos as dúas cousas.
Entón esta exposición é unha parte dos actos que recordan a Kropotkin. Que máis cousas tendes preparadas?
Ademais da exposición, imos organizar dúas palestras, una de Eliseo Fernández sobre Kropotkin e Galicia, e outra de Jordi Maíz sobre o anarquismo de Kropotkin e o seus derradeiros momentos. Tamén proxectaremos dous filmes que pensamos que conectan coa idea do comunismo libertario en Kropotkin; as compas de Alouette Machine, Cris e Janba, farán un obradoiro super chulo de cartaces conectado coa idea do apoio mutuo. Co noso compañeiro Adrian Estévez, Estevo, xuntarémonos nun clube de lectura aberto a todas para comentar conxuntamente a obra de Kropotkin O Apoio Mutuo. E como peche das xornadas temos previsto un concerto de Columna Vegana (máis unha invitada sorpresa) para o 1º de maio pola noite. Aínda non sabemos onde, pero esperamos que sexa onde todas pensades.
O próximo xoves inaugurades a exposición. Que imos toparnos alí?
Este xoves temos a inauguración cunha presentación e unha visita guiada da exposición. Ademais, as nosas compas Adán e Clarisa porán música, e algo máis, a algúns dos textos de Kropotkin. Tamén quero dicir que faremos visitas guiadas pola exposición todos os venres a partir das 19:00.
Supoño que buscar información, imaxes e documentos sobre Kropotkin pode ser unha tarefa esgotadora. Como encarachedes este traballo? Que fontes atopachedes?
O traballo de investigación fixémolo xuntos Pablo e máis eu, dividindo un pouco as tarefas e encargándonos cada un dunha parte: eu máis sobre o apartado visual e el sobre o apartado teórico. Para iso rebuscamos todo que estivo ao noso alcance tanto no espazo virtual como físico. Axudounos bastante, entre outros, o Arquivo do Instituto de Historia Social de Ámsterdam, a Biblioteca do Congreso (EEUU), o Museo virtual de Kropotkin (Rusia) e a web The Anarchist Library. E tamén o traballo previo dos investigadores, moitos deles voluntarios, que foron recollendo minuciosamente todos os materiais relacionados con Kropotkin.
Ti Anna falas ruso. Axudou isto para preparar a exposición? Hai algunha cousa que se non fora porque falas ruso non podería estar nesta exposición?
Si, por suposto que axudou moito, sobre todo na procura dos materiais que soamente estaban en ruso. Por exemplo, moitas das imaxes que atopei foron recollidas polos investigadores rusos e colgadas na páxina web dedicada a reconstruír a memoria do Museo Kropotkin, que existiu entre os anos 1923 e 1939.
E tamén para resolver dúbidas e contradicións en certos documentos escritos. Por exemplo, no último momento atopamos os orixinais da carta de Kropotkin a Lenin que nos resolveu algunhas incertezas da tradución. Aínda que ata o de agora non sabemos como chamarlle mellor ao señor Kropotkin: se Piotr ou Pedro ou Peter ou Pierre ou simplemente K.
E despois de todo este traballo, despois de todo este darlle voltas a Kropotkin, como ves, nestes días previos á inauguración, a Kropotkin e o seu legado?
Pois a verdade é que estou xa un pouco farta do Kropotkin, ata paréceme escoitar o seu nome polas rúas (e ogallá sexa isto verdade!). Pero tamén pasado este tempo teño un coñecemento máis amplo do movemento anarquista en Europa e América no século XIX – comezos do XX. A pesar de ter máis de cen anos, os escritos de Kropotkin resultan actuais. Por exemplo, as súas reflexións sobre o cárcere, os partidos políticos ou a propia psicoloxía social amosan que a sociedade non cambiou tanto como pensamos.
Finalmente, dinos; Porqué debemos ir visitar esta exposición?
Porque é case unha das poucas oportunidades nesta cidade enferma –e falamos de Pontevedra, por suposto– para escapar do aburrimento burgués de Benito Corbal e o aire podre de ENCE. Tedes que vir, aínda que non sexa por Kropotkin!
Hai algunha cousa que queiras dicir sobre a exposición e as xornadas sobre Kropotkin que non te teña preguntado?
Queremos que estas xornadas non sexan só unha exposición e unhas charlas, senón tamén un espazo para reflexionar sobre Kropotkin e o pensamento anarquista en xeral. Botarlle unha ollada á nosa actualidade, pensar e organizarnos para facer unha conquista conxunta do pan.