ENTREVISTA COAS COMPAÑEIRAS IRIA GRAÑA E ALBA RIVAS, DE ‘S.O.S. SUÍDO SEIXO’
Co gallo da xornada que o Ateneo Libertario de Pontevedra1 organizou sobre o colapso que se aveciña e a defensa do territorio2, La Campana acudiu á chamada da terra e presentouse no Salón de Actos do edificio dos sindicatos. A xornada foi magnífica, tanto pola xente que tivo a xentileza de vir falar como pola audiencia, numerosa e falangueira. La Campana quixo saber máis —para contárvolo ás persoas que non estivestes alí—, así que decidiu contactar con algunhas das compañeiras conferenciantes e preguntarlles certas cousas.
Galicia!
cada día máis linda máis linda
cada día mellor e mellor
Pimpinela / o´leo de matamá
Boas, compas. Podemos comezar falando de quen sodes e cal é o voso colectivo?
Ola, somos dúas compañeiras da Plataforma S.O.S Suído Seixo. Plataforma que nace a raíz da loita contra o proxecto de explotación mineira Alberta I, iniciado pola empresa canadense Solid Mines Resources cuxos dereitos foron mercados polo grupo SAMCA.
Como xurde o colectivo e a loita na que participades?
S.O.S Suído Seixo xurde como resposta veciñal en oposición ao proxecto de minaría de litio Alberta I, como dicíamos. No 2020 varias persoas que estabamos a recadar información sobre dita mina (xa que este tipo de proxectos sempre comezan igual, cun silencio inaudito, facendo contactos polo miúdo coa veciñanza e gobernos da zona), organizamos unha xornada para atoparnos coa veciñanza de Doade e arredores, xa que moitas eramos de concellos lindeiros, para poñer sobre a mesa este tema do que se comezaba a falar e do que parecía haber tan pouca información. Ditas xornadas serviron como antesala do que co tempo pasaría a ser S.O.S Suído Seixo.
Explicamos un pouco sobre o proxecto:
Recursos Minerales de Galicia S.A, do grupo SAMCA, solicitou á Xunta de Galicia o pase do permiso de investigación á concesión de explotación, no que pretenden explotar principalmente litio e outros minerais como estaño, tántalo, feldespatos e moscovita, ao longo dunha franxa de 12 km. Esta concesión de explotación solicitada estaría moi preto da Rede Natura da Serra do Cando, e hai numerosas aldeas incluídas ou moi próximas á concesión.
A empresa, malia que pretende explotar toda a concesión para a que solicita a explotación, presenta só un proxecto inicial (o chamado Alberta I, moi preto de Doade), ao que supostamente seguirían: Macarena, Maite, Alberta II e Carlota, polo que presenta o proxecto de xeito fraccionado obtendo facilidades así para a concesión de explotación e para evitar a necesidade dunha Avaliación de Impacto Ambiental (A.I.A).
A zona primeiramente afectada atópase nunha encrucillada na que están a cabeceira de ríos de 3 bacías hidrográficas, polo que de levarse a cabo o proxecto poderíanse ver afectados o río Avia —e polo tanto, o Miño—, o río Lérez e a Ría de Pontevedra, e o río Verdugo e a Ría de Vigo.
Que accións estades a facer e que resposta están a ter?
Como comentabamos antes, a primeira xornada, antes de conformar S.O.S Suído Seixo, foi en xullo do 2020 en Doade; nesta ocasión colaboraron colectivos como ContraMINAcción (plataforma á que agora pertencemos e que continúa sendo un apoio e referente para nós nesta loita), ADEGA, Mina Touro-O Pino Non, Ecoloxistas en Acción, S.O.S Serra D`Arga, Nao á Mina Sim á Vida (Barroso)…
Nesta primeira toma de contacto coa veciñanza da zona, que estaría directamente afectada polo proxecto mineiro, sorprendeunos a súa participación e interese, ao igual que o grao de descoñecemento do tema: había Comunidades de Montes presentes que sabían da existencia de dito proxecto, así como das prospeccións de terreos feitas na zona pola empresa mineira, pero que, sen embargo, descoñecían o alcance e os inconvenientes do mesmo, así como a intención da empresa mineira de pasar a concesión de explotación sen presentar unha Avaliación de Impacto Ambiental (A.I.A).
Despois desta xornada pasamos un tempo de asembleas e reflexións que deu como resultado dita plataforma.
A partir de aí comezamos coa campaña de presentación de alegacións ante o procedemento de fase de concesión de explotación do permiso de Alberta I; durante esta campaña convocamos á xente a presentalas en días concretos en diferentes concellos dos 5 afectados (Beariz, Avión, Forcarei, Cerdedo-Cotobade, A Lama) como xeito de dar visibilidade a esta loita.
Xa en marzo do 2021 convocamos unha concentración en Portela da Cruz (onde se atopan os límites entre A Lama e Beariz), cunha resposta de preto de medio centenar de persoas, para esixir a caducidade do dereito mineiro de Alberta I.
Recentemente fixemos unha xornada na praia fluvial de Cerdedo, encadrada nos encontros anuais de ContraMINAcción. Foi a véspera da fin do estado de alarma e a resposta ao acto foi moi positiva. Achegáronse veciñas, xente doutros movementos populares da Galiza e tamén de Portugal. Falouse dos problemas suxeitos ás explotacións mineiras e ao boom masivo dos eólicos, e a partilla das experiencias foi moi nutritiva.
Ao par de todas estas xornadas e convocatorias estase a facer unha campaña constante nas redes para informar e difundir todo o relacionado con este proceso de loita e outras resistencias en defensa do territorio.
Que reacción teñen as veciñas e veciños das distintas vilas e aldeas?
Nós somos veciñas das aldeas afectadas e de outras lindeiras, que ao fin e ao cabo tamén están afectadas dalgún xeito.
Unha das aprendizaxes deste tempo é que hai que revisar os prexuízos (no individual e no colectivo) e ver en que nos entendemos. Neste caso hai un punto común a todas as que integramos a plataforma que é a conservación da terra e o NON á mina e a destrución. Dentro diso, a acollida da plataforma pola veciñanza ten sentido porque hai xente local implicada. É claro que aínda hai veciños que non queren informarse ou que pensan que esta loita non vai con eles, pero en xeral, cando a información das posibles afectacións circula, a veciñanza toma posición.
Cal é a principal crítica ou reivindicación que tedes que facer?
Temos que denunciar a complicidade dos gobernos locais, das institucións e da propia administración e gobernos en xeral con estas empresas da destrución. E reivindicar a forza das persoas organizadas sen intereses partidistas, o “só o pobo salva ao pobo”.
E en concreto, sobre o proxecto mineiro, as nosas principais reivindicacións son:
– O noso profundo rexeitamento á decisión de non someter o proxecto mineiro a unha A.I.A, a pesar de cumprir con todos os supostos que obrigan a tal feito.
– A fonda preocupación pola falla de información clara, rigorosa e facilmente accesible para a veciñanza por parte das administracións competentes.
– Que a empresa presente o proxecto de xeito artificiosamente fraccionado para tentar eludir a normativa ambiental.
– Que nos estudos da empresa non se teña en conta a presenza de minerais radioactivos e non se prevexan medidas para evitar a súa liberación, e que facilmente poderían contaminar as augas de ríos como o Verdugo, o Lérez —afectando á Ría de Pontevedra— e o Avia —chegando a afectar ao Miño—; as detonacións constantes, o paso de camións por pequenas aldeas…
– Que a explotación mineira afectará ao monte, aos seus valores naturais e culturais e á vida presente e futura vinculada ao mesmo.
– Que os intereses e a posible afectación da saúde da veciñanza non están sendo tidas en conta, poñendo por riba o beneficio económico da empresa.
Enfrontámonos ao espolio a toda costa, e criticamos o propio modelo enerxético supostamente “verde” que se nos esta vendendo con este tipo de proxectos e que non é tal. Non podemos seguir explotando recursos ao nivel actual.
Que tarefas credes que teñen que facer os movementos sociais, sindicatos, etc., con respecto á defensa do territorio?
Esta pregunta resúltanos bastante complicada de responder, teríamos que dar unha resposta moi longa e de profunda reflexión. O que sí podemos dicir é que precisámonos todas nesta e en todas as loitas pola defensa do territorio e da vida. Da igual se vives ou non no pobo, o rural é fonte de vida, e todas dependemos deste.
Outra tarefa imprescindible socialmente é recuperar o común, a colectividade, e confiar na capacidade de loita e resistencia do pobo cando se mantén unido.
Por onde pasa unha posible solución ou solucións ao problema/conflito?
Primeiro, neste caso concreto é imprescindible que se esixa unha A.I.A, o cal daría para caer na conta de que se se cumpren con todas as medidas de protección ambiental este tipo de proxectos non son rendibles, polo que probablemente tampouco seguirían adiante.
E segundo, e máis importante aínda, se queremos atopar unha solución a este e a todos os conflitos actuais derivados de proxectos de explotación da terra (minaría, eólicos, eucaliptos…), temos que mudar o sistema de consumo e o modelo produtivista no que vivimos; non podemos crernos a mentira de que mudando os combustibles fósiles por outro tipo de minerais ou fontes de enerxías renovables podemos continuar a producir e consumir do xeito en que o facemos. Todas estas supostas enerxías limpas teñen un impacto no territorio, e todas elas dependen á súa vez de combustibles fósiles. Temos que decrecer e localizar os nosos sistemas de abastecemento (para isto, recomendamos a lectura do artigo de Xosé Manuel Golpe para Nós Diario3, onde fala sobre as comunidades enerxéticas locais).
Un camiño que cremos posible é o dos encontros. Volver a encontrarse para poder atopar solucións todas xuntas (para isto tamén recomendamos a lectura do libro Mancomunidade, uma terra livre sem estado4, de Joam Evans). E tamén a conservación, que ten que vir acompañada de decisións políticas que miren pola vida.
Un compañeiro da plataforma apreciaba estes días que onde aínda se mantén algún tipo de vínculo veciñal, onde aínda vive xente compartindo momentos, a organización para parar isto é máis fácil; en comparación con comunidades onde xa as aldeas perderon esa identidade colectiva, por múltiples motivos (emigración, envellecemento, traballos non vinculados á terra…) onde é máis difícil a comunicación.
Hai que encontrarse! Ou aldeanizarse, como ben din os autores que estudan o colapso5.
Que próximas accións ou actos tedes programados?
Agora mesmo vimos dunha presentación de alegacións fronte á prórroga do permiso de investigación solicitada pola empresa mineira.
Por outra banda, con motivo da Xira pola Vida6 zapatista, estamos pendentes de atoparnos cunhas cineastas independentes7 que veñen contactando con movementos en defensa da terra para documentar as súas loitas e atopar os puntos que nos unen, en todo o mundo, na loita pola defensa da terra e da vida e contra o espolio.
Tedes algunha cousa máis que queirades dicir ou contar?
Agradecer ao Ateneo Libertario de Pontevedra por facilitar a mesa redonda Transición ecolóxica?8 e a La Campana por esta entrevista.
Convidamos a toda a xente que se sinta interpelada pola chamada da terra a buscar xeitos de aportar e de organizarse.
Se queredes estar informadas ou saber máis deste tema, estamos en:
Facebook: SOS Suído Seixo
Correo:info@sossuidoseixo.org
web: www.sossuidoseixo.org
Instagram: @sossuidoseixo
Telegram: Información SOS Suído Seixo
Agradecémoslles enormemente a Iria e a Alba a súa boa disposición para falar con nós, a súa loita e o seu coraxe. Adiante, compañeiras! Sodes o mellor.
1 https://www.instagram.com/ateneolibertario.pontevedra/?hl=es
https://www.youtube.com/channel/UCl5LWrND3ft8arQcaAwN97A
2 Na que participaron compañeiras de SOS Suído Seixo, da Plataforma de Defensa do Sur da Dorsal Galega, de Alarma Terra de Montes e o pensador e compañeiro Carlos Taibo.
3 https://www.nosdiario.gal/articulo/social/xose-manuel-golpe-teno-claro-que-non-precisamos-todos-proxectos-eolicos-que-estan-chegar-mercores/20210525195948122206.html
4 https://ardoraeditora.info/mancomunidade-uma-terra-livre-sem-estado/
5 Por exemplo, Carlos Taibo. https://www.catarata.org/libro/colapso-5a-edicion_105834/
6 https://www.xirapolavida.org/
7 https://lamedialuna.mx/
8 A mesa redonda intitulouse Transición ecolóxica? Megaminaría, invasión eólica e defensa do territorio. O colapso que vén foi o título da palestra de Carlos Taibo.