VII Época - 1

VOLVEMOS!!!

Pois si, aquí estamos outra vez. A desilusión, debida ao sometemento das relacións sociais á tiranía do consumo e a produción, a impotencia a hora de reverter a conciencia da clase traballadora cada vez mais virada ao autoritarismo, tanto de esquerdas como maiormente de dereitas, a banalidade imperante da crítica fronte ao análise da realidade, e todo o que gostes de engadir, quizais debera facernos sospeitar que este esforzo gratuíto, libre e común de volver a editar La Campana se desvelase un lume fatuo, ou cando menos un campo ermo. Xa, nos tamén temos eses pensamentos… e sen embargo…

Sen embargo sabemos que o deplorable sistema que sufrimos é a consecuencia do pasado, pero tamén da loita de intereses entre unha elite posuidora e unha maioría desposuída. Esta loita, deixando aparte momentos e pequenas épocas esmagadas por esa elite posuidora de todos os tipos de violencia imaxinable, culminou co que se deu a chamar o estado de dereito e benestar. Sen embargo, ao mesmo tempo que se implantaban a seguridade social universal, as prestacións por desemprego, o dereito a folga, a igualdade entre sexos ou razas ou a presunción de inocencia, a maioría desposuída era tamén desposuída deses dereitos e benestar, metamorfoseando en alleo o propio mediante a concesión ao estado da súa regularización e alcance. Así, co paso do tempo a capacidade de influír na mellora ou mantemento do propio, limítase ao acto de votar a unha candidatura allea, para posiblemente ser gobernados por outro partido máis alleo aínda, que a súa vez, tanto como o partido votado, é alleo a calquera tipo de transformación do réxime económico e social globalmente imposto. Se non queremos tropezar outra vez coa mesma pedra, temos que recoñecer que os movementos que loitaron e chegaron a influír na concesión de dereitos e liberdades eran movementos moito mais ambiciosos que as súas conquistas xa que cuestionaban a orde social e económica, nunca partidos que aspiraban á reforma. As reformas, durante o sistema capitalista da democracia social, foron promulgadas por todo tipo de partidos. A supresión do servizo militar obrigatorio acordada por Jose María Aznar e o presidente da Generalitat Jordi Pujol dentro do que foi o Pacto do Majestic que permitiu o apoio de CIU á investidura do líder do PP cando existía un gran movemento que cuestionaba o réxime político e social a través do antimilitarismo e o posterior derrubamento dese movemento é un exemplo que me tocou vivir disto que intento explicar en este paragrafo.

O sindicalismo non escapou a este desposuimento, só hai que ver o alleo que resulta para a maioría das compañeiras e compañeiros de traballo, de sector e da clase traballadora en xeral a organización sindical. Incluso, e fastidia dicilo, entre as nosas afiliadas e afiliados que identifican o sindicato con aquelas persoas que frecuentan o local sindical e non como algo propio. Por suposto, nisto ten moito que ver a política dos sindicatos maioritarios convertidos en corporacións sindicais que manexan o nicho de negocio e influencia que o réxime lles concede e dita. A evolución en pura falsidade do que se metamorfoseara en alleo, indisoluble ao noso presente, aínda que non é exclusiva do corporacionismo sindical que va moi por detrás dos cambios vangardistas, é a adaptación requirida para conservar ese nicho concedido que non lle pertence, que lle é alleo.

A conversión do desposuimento, na súa cualidade do alleo, en espectacular falsidade é posible, entre outras cousas, polo dominio dos sistemas de control en posesión da elite. Ao monopolio do control militar, económico, político e da información temos que sumarlle o control sobre a cultura, o tempo fóra do traballo, o ocio ou incluso o que comemos chegando a alcanzar todos os aspectos da vida, unha vida dominada pola lei da oferta e a demanda e da gratificación persoal inmediata. En 1885, cando EEUU aínda estaba construíndo o nacemento dunha nova nación, John Fiske, un discípulo de Darwin que cría na superioridade racial anglosaxoa, cimentaba unha pedra angular na expansión norteamericana profetizando o “destino manifesto”, segundo o cal, no prazo dun século EEUU sería “un conglomerado político que superará de xeito inconmensurable o poder a as dimensións de calquera imperio que tivera existido”. Así os gobernantes do futuro terían que aprender as habilidades para facer realidade esta perspectiva. Estas habilidades non só eran a guerra e os negocios, tamén a recentemente descuberta capacidade nacional de facer xurdir soños da nada. Esta habilidade foi lanzada internacionalmente en 1893 na Exposición Universal de Chicago. Aproximadamente un cuarto do total da poboación de EEUU por aquel entón visitou a exposición que mediante un truco de maxia ofrecía o éxtase que sentiu Helen Keller, unha das visitantes, que o describiu como “Alí, cunha dicha sen mestura de cousa que a turbase, vin realizarse mil soños da miña infancia. Cada día facía coa imaxinación unha viaxe arredor do mundo, e gozaba dos marabillosos espectáculos que proporcionan as extremidades da terra. Meus dedos tocaban as invencións do xenio, os tesouros da industria. Por todas partes arredor de min exhibíase o que a actividade humana ten producido de máis grande en todas as súas manifestacións”. Este éxtase repetiuse en moita xente nova que quedaron asombrados polas exposicións e postos de recordos, pombiñas de millo, hamburguesas e refrescos. Así esta efémera Cidade Blanca creada para a Exposición afirmaba que o xenio estadounidense residía na teatralidade, o espectáculo, a acumulación e a consecución inmediata do pracer. Os soños acabaron por definir EEUU con a consumación do credo económico como unha desesperada necesidade, adoptando formas tanxibles tanto nos parques temáticos, nos tabloides, os libros superventas, os discos, os cines ou na cornucopia de bens de consumo. Estes novos produtos ofrecían un afastamento inmediato das esixencias da realidade cotiá. A salvación podía atoparse ao través do consumo. Cada quen era o que consumía. Os soños mercábanse.

A Exposición Universal de Chicago inaugurábase 10 anos despois da morte de Karl Marx, que non posuía as capacidades proféticas de John Fiske pero que si influíu notablemente nos movementos que cuestionaban o réxime económico e social e na loita obreira. Marx desenrolou o concepto de alienación, do alleo, do estraño. Para Karl Marx, o home é un ser natural que necesita estar en contacto directo coa natureza para poder satisfacer as súas necesidades. A relación do home coa natureza é esencial, xa que os obxectos na natureza que existen fóra e independentemente del, sonlle indispensables porque son obxectos da súa necesidade. Esta relación do home coa natureza non representa unha alienación, senón unha relación esencial e directa, é unha relación vital. A alienación xorde, cando o produto do traballo do home, en lugar de satisfacer as súas necesidades, vólvese algo alleo, é dicir o produto cobra unha existencia totalmente independente do home que foi quen a produciu co seu traballo. No capitalismo este traballo convertese nunha mercadoría cun valor económico, o salario. Así a alienación prodúcese de diversos xeitos. Un é en cuanto o produto. O produto do noso traballo xa non forma parte da produción da nosa vida ao deixar de pertencernos, de ser propio, ao pasar a ser propiedade privada dun patrón capitalista, o produto convertese en algo alleo, estraño, alienado. Outro xeito no que se produce a alienación é na propia actividade do traballo xa que o propio tempo de traballo e o seu produto xa non nos pertence, a actividade natural onde debería estar a esencia humana da persoa xa non lle pertence, esta estrañada. Marx chega a afirmar tamén que a propia natureza se aliena, é dicir, a través da nosa esencia, o traballo pode converterse en algo orgánico en harmonía coa natureza, sen embargo ao ser os medios de produción propiedade privada se lle impide á natureza a posibilidade desta harmonía. Finalmente, a alienación prodúcese en nós mesmos. Ao ser desposuídos do produto do traballo, como da súa actividade, como da natureza, perdese a posibilidade de traballar para a humanidade. As relacións con outros seres humanos se alienan polo conflito de interese de clase que enfronta a uns con outros. Estas relacións convértense en unhas relacións a través de cousas, de mercadorías e así os seres humanos só poden aspirar a competir e non a colaborar. Esta competencia provoca que o ser humano se aliene da súa esencia comunitaria ao ser a competencia o motor da súa actividade.

Cento e trinta anos despois da Exposición de Chicago e século e medio despois de que Marx advertiranos do desposuimento da esencia humana para convertela en mercadoría, non é de estrañar que confundamos a realidade coa realidade virtual, que as nosas relacións xa non sexan directas senón a través de máquinas, inventos ou redes sociais, que cada vez unha maior parte da poboación teña problemas de saúde mental, que non exista ningún tipo de oposición influínte artística e cultural ao réxime imperial ou que a reforma se confunda coa transformación. A mala capacidade profética de Marx postulando que para chegar ao fin da historia e chegar a esa harmonía coa natureza era necesaria unha revolución guiada por un partido de vangarda que implantara a ditadura do proletariado como paso previo ao comunismo resultou un fracaso absoluto, incluso se o analizamos co método do materialismo científico do propio Marx. Sen embargo, a necesidade, que Marx consideraba imprescindible, de que as persoas tomen conciencia da alienación para poder transformar o réxime, volve a converterse tanto tempo despois, nunha necesidade moi actual.

A concienciación, o debate aberto, así como a difusión das ideas anarcosindicalistas, a análise da realidade ou a cobertura das loitas sindicais son parte da nosa esencia, da esencia de La Campana e da CGT para construír un medio de loita propio, e dicir, colectivo e autoxestionario onde poder traballar coa esencia comunitaria que nos é propia. Así que volvemos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *