VII Época - 6

O SERVIZO DO SAD. O CAMIÑO CARA ONDE AVANZA O RÉXIME

Fai xa un tempo que as traballadoras do Servizo de Axuda a Domicilio, SAD, veñen desenrolando a súa actividade sindical no SUTSO de Pontevedra. O SAD ven sendo un servizo para persoas dependentes en situación de vulnerabilidade e que necesitan apoio e acompañamento para atender as necesidades básicas da vida diaria. Moitas das persoas que solicitan este servizo, son persoas maiores ou discapacitadas sen recursos ou con familias con moi poucos recursos polo que non poden atendelas durante todo o tempo. A atención e cuidado destas persoas é fundamental para unha sociedade que teña uns mínimos valores e que se considera avanzada. As traballadoras do SAD veñen a por en evidencia que vivimos nun réxime sen valores e que de avanzado non ten nada.

A conflitividade en este servizo é notoria e ven saltando concello tras concello. As traballadoras do SAD veñen facendo todo tipo de mobilizacións alertando do deficiente servizo debido aos abusos e ilegalidades cometidas polas empresas concesionarios deste servizo que a Xunta de Galicia traspasou aos concellos. Estas concesionarias precarizan aínda máis as traballadoras deste servizo xa de por si precario. Outro reflexo do réxime que sufrimos onde a usura está por encima de todo, das traballadoras, das persoas dependentes, das persoas maiores.

Falamos con Yessica da sección sindical en Idades, a empresa concesionara que privatiza o servizo en Vilaboa. Neste concello pequeno onde sería máis doado de organizar reprodúcense os mesmos problemas que nas cidades. “Os horarios son incompatibles coa vida” sinala Yessica “traballas unhas horas a mañá, outras á noite. Podes traballar pola maña, uns días saes as dúas outros as tres, despois volves a entrar as sete da tarde”. O traballo a destajo é un xeito de explotar as traballadoras que aínda segue moi presente no SAD, que é responsabilidade do goberno, cando menos o local, “Aquí traballase por horas, por exemplo un usuario vaise ao hospital ingresado e nós quedamos sen cobrar esas horas” polo que “non tes un salario fixo” aclara Yessica. Así unha das súas reclamacións é a bolsa de horas para “ter un traballo estable para poder vivir”… “cobrar integramente as horas de contrato. Se ti perdes un usuario, por falecemento, ingreso hospitalario, ou o que sexa, perdes esas horas de traballo e podes quedarte no mínimo, 25 horas, e con eso non se vive. Temos que cobrar todas as horas do noso contrato. Tes que recuperar esas horas, vale, pero sempre dentro do teu horario”. Outra das prácticas de manual nas que se recoñece a explotación que sofren estas mulleres é a asignación de horas ás preferidas e castigar sen traballar ás que reclaman os seus dereitos, como vimos antes coa súa correspondente rebaixa no salario  “adxudican horas a quen lle da a regalada gana”, “aquí non somos todas iguais, queren que traballemos 24/7. Nós non podemos estar dispoñibles as 24 horas do día. Te chaman para dentro de unha hora ir a tal sitio, si lle dis que non, xa temos problemas. É como se colleran todo a persoal” desvélanos Yessica a ruindade de Idades usando a chantaxe emocional ademais do seu poder para premiar e castigar. E continúa “as que din sempre que si, non hai problema, de feito danlle incluso a xornada completa. Mentras que a outras non nos dan nin sequera unha hora, nin nos meten na bolsa de horas”. Tampouco se respecta o descanso semanal “porque o descanso semanal son 36+12. Eu traballo todos os sábados pola maña e o luns teño que ir traballar tamén pola maña”. Por suposto, a empresa impide a labor sindical, incumprindo as súas obrigas legais. Yessica é representante legal das traballadoras, “non me envía documentación ese é un dos grandes problemas, non sei a quen contrata a quen non contrata, fai o que quere coas horas, non me entero”. Documentación que foi requirida á empresa en múltiples ocasións e que finalmente prometeu, promesa que non cumpre. O incumprimento de facilitar a documentación, así como estas situacións foron denunciadas á inspección de traballo.

Os problemas non son só coa empresa, senón tamén co Concello que privatiza o servizo “Non están dando altas. Non entran novos usuarios, tardan moitísimo en dar altas. O concello di que si, que si. Non, mentira.” 

“En canto a inspección de traballo, aínda non tivemos resposta ningunha”. Outra vez máis desvelase unha das causas da impunidade da empresa. A inacción da inspección como complicidade para que o mundo laboral sexa un mundo ditatorial, sen defensa nen liberdade dos traballadores, incluso sen as garantías democráticas das que tanto presume o estado. A protección da inspección, cada vez máis, depende do capricho do funcionario de turno ou das influencias que se manexen, como nos tempos do nacionalcatolicismo.

Finalmente “este traballo está moi pouco valorado. Non nos sentimos valoradas pola empresa, nin polos usuarios, nin por nadie” confesa Yessica poñendo de manifesto cal é a sociedade do réxime que vivimos. Non hai que ir moi lonxe, aquí mesmo en Vilaboa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *