VII Época - 7

PRECARIEDADE LABORAL, EXPLOTACIÓN E SAÚDE MENTAL:

UNHA PANDEMIA PARA A CLASE TRABALLADORA

A principios do presente mes de setembro, o xornal coruñés La Opinión de A Coruña publicaba en grandes tipos unha información titulada “El área coruñesa llega a su récord de suicidios y los psicólogos lo ligan a la “precariedad laboral”.

Os datos cos que se documenta o artigo son realmente estarrecedores: no pasado ano 2022, máis de 86 persoas quitáronse a vida. As propias cifras que son consideradas “normais” falan dunhas 70 mortes autoinfrinxidas ao ano, que son superadas nos anos coincidentes coas crises económicas, como apuntan os datos aportados desde 2006 polo IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia). As cifras corresponden aos suicidios efectivamente consumados e non aos intentos de suicidio que, aplicando os criterios da Organización Mundial da Saúde (OMS) serían de 20 intentos por cada una das mortes consumadas. Estaríamos pois a falar de máis de 1700 intentos de quitarse a vida, só na área sanitaria coruñesa. Iso sen ter en conta as cifras relativas a suicidios e autolesións en adolescentes, que deberían ter prendido todas as luces de alarma en calquera sociedade autenticamente democrática.

Xa as compañeiras e compañeiros da Federación Andaluza de Sindicatos de Ensino da CGT viñan alertando desta situación e, ao fío da Estratexia de Saúde Mental do goberno central, aprobada o pasado ano 2022, engadían un dato máis: esta estratexia puxo en marcha un teléfono gratuíto de atención á conduta suicida (024) que no seu primeiro día en funcionamento recibiu xa un milleiro de chamadas.

Os psicólogos clínicos e mailo propio Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia, como recolle a prensa, vencellan estes intentos de suicidio en adultos coa precariedade laboral e económica, engadindo outro dato máis: a terceira parte dos episodios depresivos, só dos que representan unha situación clínica e que, polo tanto, reciben algún tratamento, correspóndense coa situación laboral. Son só a punta do iceberg.

Paralelamente, logo das crisis de 2008 e 2012, o consumo de psicofármacos entre a poboación se ten multiplicado por 10 para poder afrontar situacións clínicas de ansiedade e depresión, unha situación que tende a aumentar na presente realidade de incerteza laboral e económica para moitos traballadores e traballadoras. Se a principios da década pasada o consumo de antidepresivos e ansiolíticos estaba en 64 e 54 doses por cada 1000 habitantes respectivamente, ata o pasado ano 2022 o crecemento foi exponencial, cun incremento de máis dun 27%, acadando récords de consumo con 92 doses de antidepresivos e 58 doses de ansiolíticos, por cada 1000 habitantes. Moitas veces o incremento responde ao aumento das doses pola tolerancia desenvolvida fronte ao fármaco. Deste xeito, o estado español actualmente é o estado do mundo con maior taxa de consumo de benzodiazepinas (incluídas dentro dos ansiolíticos) seguindo datos da Xunta Internacional de Fiscalización de Estupefacientes (INCB) da ONU, constituíndo o consumo de psicofármacos o principal problema de adiccións no estado español, por diante de drogas legais como tabaco ou alcohol.

Baixos salarios fronte ao brutal aumento dos costes da vida, xornadas abusivas e horarios imposibles, inseguridade (física pero tamén psicosocial) e precariedade no posto de traballo, dificultades para unha axeitada conciliación da vida laboral e familiar, tanto nos coidados dos fillos e fillas como no coidado de maiores nunha sociedade cada vez máis envellecida, realidades de acoso laboral e por razón de xénero, o endebedamento, a falla de vivenda, etc. conxúganse coa case inexistencia de recursos axeitados no sistema público de saúde ( a Estratexia antes citada non establece un cota mínima de especialistas na sanidade pública e hai tempos de agarda de seis meses, sen contar que o estado español non se atopa entre os 38 estados que xa contan con plans de prevención do suicidio).

A precariedade e inestabilidade tamén colaboran á falta de tempos e de espazos alternativos para compartir con compañeiros e compañeiras, con veciñanza e amizades, mesmo con familiares, os sufrimentos que moitas veces gardamos para nós mesmas, pensando que son privativos cando son comúns a moitos e moitas, aínda que nos pareza o contrario, e así sermos quen de tratar de combater a sensación de soidade e illamento ante todas esas situacións vividas no traballo. Así, seguindo os datos da ESENER (Enquisa Europea de empresas sobre riscos novos e emerxentes) con datos de 2019 en empresas de máis de 20 traballadores e traballadoras, se sinalan como obstáculos: “reticencias a falar abertamente destes temas” (61,7%), “falla de concienciación por parte do persoal de PRL” (49,6%), “falla de coñecemento experto ou apoio especializado” (46%), e “falla de concienciación por parte de directivos” (41,4%).

O propio estilo de vida nas sociedades capitalistas nas que só ten valor aquelo que ten prezo, nas que os traballadores e traballadoras somos considerados “custes”, nas que a prestación de coidados aos que precisan deles son considerados “gastos”, nas que “custes” e “gastos” é preciso que sexan recortados e sacrificados no altar do beneficio e o lucro, nas que o egoísmo, a corrupción e a competitividade son a prioridade ante calquera outra consideración, etc. representan o caldo de cultivo ideal para esta pandemia sen virus, enchendo as vidas de soidade, medo e sensación de fracaso e de falla de obxectivos.

De seguro que, tras novas e datos como os citados, calquera día podemos ver aparecer polos medios de comunicación e por internet unha nutrida recua de “insignes” expertos, avispadas plumas de conveniencia ao servizo dos seus propios intereses. Algúns deles, mesmo impartirán a verdade dende os púlpitos excelsos da propia Academia. Todos eles lanzarán unha mensaxe similar na que tratarán de culpabilizar ás vítimas. Falarán de que cumpre ter unha “ollada positiva” e sermos máis agradecidos coas migallas que podamos recoller do chan cando se lles caen por baixo da mesa. Logo, cando o “bo-rollismo” non funcione, recomendarán máis psicofármacos ou máis terapias, ou mesmo proporán “orixinais solucións alternativas” como a realización de exercicios de coaching, intelixencia emocional, pensamento positivo, meditación ou relaxación. Todo iso, baixo o argumento, tan falaz como criminal, de que se non es feliz e non estás satisfeito coa túa vida laboral, se sofres e choras no posto de traballo, se sentes carraxe polos abusos dos teus superiores e encargados, se unha ambulancia te recolle á porta do teu centro de traballo e acabas no hospital cunha crise de ansiedade (como xa ten sucedido nalgunha empresa desta cidade), en realidade, o problema reside na túa actitude, está no teu interior.

Por suposto, non se trata de demonizar ningún consumo ou tratamento, senón combater a hipocrisía dun sistema que trata ás vítimas só como suxeitos dunha patoloxía, dun mal que lles ten sido inoculado como un veleno por parte dun sistema de explotación no que moitos deses expertos exercen funcións directivas. Os verdadeiros expertos e expertas, aquelas que tratan diariamente ás persoas que sofren, están a alertarnos das verdadeiras causas, como temos visto no principio deste artigo. Aqueles outros e outras que pulan por ignorar as causas e, pola contra, sinalar falsas razóns, mercantilizan a saúde mental e se converten en cómplices das estarrecedoras cifras antes citadas.

Non obstante, aínda son moitas as persoas (incluíndo moitos profesionais sanitarios) que actúan baixo a crenza de que a maior parte de trastornos de saúde mental se explican principalmente por factores psicolóxicos ou biolóxicos de carácter preferentemente individual. Iso contribúe a que gran parte da poboación traballadora individualice o sufrimento e se sinta responsable dos seus síntomas, sen comprender as raíces profundas que están detrás da súa situación laboral e do seu malestar psicolóxico. A miúdo, ese sentido común hexemónico ten como resultado a medicalización e o abuso farmacolóxico, en lugar de actuar sobre a orixe do problema e eliminar os factores sociais asociados á precarización laboral. A evidencia científica amosa como a maioría dos problemas relacionados coa precariedade laboral teñen a súa raíz en determinadas condicións socioeconómicas, decisións políticas ou lexislativas e en estratexias, modelos organizativos ou prácticas laborais de moitas empresas.”, se afirma textualmente na presentación do Informe PRESME (Precariedade laboral e saúde mental: coñecementos e políticas), de 2023, elaborado por unha comisión de expertos e expertas para o Ministerio de Traballo e Economía Social do estado español.

Coñecida a triste realidade que enfrontamos, temos por diante o reto compartido de non deixarnos enfermar nin matar polo capitalismo, non só con medidas que preserven a nosa saúde física, senón tamén coidando da nosa saúde mental. Compartindo o noso desacougo cotián podemos identificarmos xuntos este réxime inhumano de explotación do capital e maila opresión dos que impunemente exercen o poder, por pequeno e intermedio que sexa, moitas veces polo simple motivo de ter estado á distancia axeitada do dedo designador, e sen máis capacidade nin mérito que a súa obediencia ao poder superior.

Tal e como a propia CGT afirmaba na campaña a prol do recoñecemento do Síndrome de BurnOut (síndrome do traballador/a queimado/a) como enfermidade laboral, mediante a súa inclusión no RD. 1299/2016:“se ten constatado que o apoio social amortigua os efectos nocivos do estrés laboral e incrementa a capacidade da persoa para afrontalos. En prevención, precísanse medidas e estratexias de intervención na organización do traballo que se centren en reducir situacións estresantes, modificando o ambiente físico, a estrutura organizacional, as funcións dos postos, as políticas de administración de RRHH, etc., có propósito de crear estruturas máis horizontais, descentralización na toma de decisións, maior independencia e autonomía, promocións internas que sexan xustas e faciliten plans de carreira, flexibilidade horaria, soldos competitivos, etc.

Nestas sociedades capitalistas, o noso malestar, o noso sufrimento, só pode ser entendido polo poder como una enfermidade dos individuos, e esa incapacidade convértenos en doentes que precisan de sanación, enfermos que deben recibir unha resposta terapéutica por parte do mesmo poder que nos ten levado a esa situación. Se son as sociedades as que están enfermas non lles sairían as contas, polo que é máis sinxelo achacar unha eiva particular que recoñecer un problema social. Así, rematan a explotación e a opresión convertidas nun “asunto persoal” e acabamos vivíndoo sos, sempre en soidade, nunha dinámica espiral de éxitos e fracasos persoais, pero sempre medidos nesa escala maldita do capital, que acaba xerando un malestar que algúns alcuman como “difuso” e que precisamos converter en resposta activa, mobilización e autoorganización.

Francisco Ascón

CGT Ensino – A Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *