VII Época - 19

OS ERTE, PARADIGMA DA EXPLOTACIÓN LABORAL

Conversa con Adrián da Sec. Sindical de ABAI na Coruña

O pasado 20 de decembro chegounos a nova de que ABAI Group prorrogaba o brutal ERTE que están a sufrir os compas desta empresa de telemarketin. Cando estes compas ían cumprir os seis meses de ERTE, ABAI comunica oficialmente que íano sufrir tres meses máis, ata o 31 de marzo de 2024. Botamos un ollo as redes sociais da CGT en ABAI Coruña e tropezamos coas denuncias constantes e habituais no sector do telemarketin. Unha destas denuncias habituais é a necesidade, constante e desesperante, de ter que revisar as nóminas polos erros, a favor sempre da empresa, que rouban miserablemente salario aos traballadores. No caso de ABAI Coruña topamos que a CGT dirixiuse a empresa para esixirlle “O acceso a incentiveapp cos datos actualizados. É imprescindible dispoñer desa información para levar a cabo as reclamacións que sexan pertinentes antes de que se peche a nómina. Xa é unha vergoña que teñamos que estar pendentes de que non nos choricen diñeiro. Bastante presión temos por parte de Movistar e ABAI como para ter que estar a revisar o seu traballo”. Toda esta presión fai que a prevención psicosocial no sector do Telemarketin sexa lamentablemente imprescindible. Non é que esteamos a reclamar esta prevención, é algo totalmente recoñecido para os traballadores deste sector, como a silicose para as minas. Rocío, da CGT en Teleperformance da Coruña, comentábanos fai xa un tempo “Os test psicosociais son fundamentais nun sector coma o noso, con tanta carga mental e algunhas doenzas físicas que xa se derivan dos postos de traballo. Así podemos medir os niveis de estrés, malestar/satisfacción, carga mental e/ou física, saber se as empresas cumpren os descansos, medidas de saúde e seguridade, etc. Neste punto, TelePerformance evita entrar nestes campos porque sabe que, a pesares de dicir que hai excedente de persoal, quen estamos a diario nos postos de traballo sabemos que é todo o contrario”. Como non podía ser doutro xeito, non só en TelePerformance esquivan a prevención da saúde dos traballadores, nas redes da sección sindical de CGT en ABAI Group na Coruña tamén lemos que esixiron recentemente á empresa “Charlas semanais ao 100% dxs traballadorxs. Vén sendo habitual que se “esquezan” e que teñamos que lembrarllo a pesar de ser unha medida psicosocial comprometida pola propia empresa.”

De todos xeitos, non aparecen nas redes sociais certos aspectos sobre o ERTE agora prorrogado por ABAI, sobre todo certos aspectos que poden axudar a comprender a realidade e a acción sindical na actualidade. Por eso, falamos con Adrián da sección sindical da CGT en ABAI Coruña. Antes de comezar a entrevista coméntolle a miña impresión de que cada vez que me entero dalgunha nova do sector de telemarketin teño a sensación de que estas empresas, esta patronal de empresas moi grandes e moitas veces pertencentes a grupos empresariais internacionais, con grandes beneficios, están a espremer os límites da legalidade laboral, recortando todo dereito laboral ao máximo, ou empregando abusivamente o poder de organización para aforrar céntimos de Euro. Teño a sensación de que son uns miserables con enormes ganancias. Non sei se estás de acordo? Dígolle, de todos xeitos estades a defender os dereitos dos traballadores neste sector tan precario. Adrián coméntame entón “estamos evidentemente nun sector extremadamente precario polas súas propias dinámicas por tres cuestións. Primeiro pola propia subcontratación. A subcontratación, o que nos leva é a ver que hai traballadoras de primeira e de segunda, é dicir, que se cobre moito menos facendo o mesmo traballo. A subcontratación é ese feito. Despois temos o propio estatuto dos traballadores que permite todas estas aberracións como pode ser un ERTE sen a autorización previa da autoridade laboral, ou de que se romantiza todo o feito, de que parece que os ERTE é algo, incluso positivo. Ademais a reforma laboral non permitiu ningún avance en materia de consolidación de dereitos no sector do telemarketin. E por último o convenio colectivo, que foi asinado no semestre pasado e que nos condena novamente a unhas condicións laborais moi penosas e tamén a unhas condicións salariais moi precarias. O convenio que evidentemente non foi asinado pola CGT, si por CCOO e UGT, e que nos leva a estar nesta situación de precariedade nun dos sectores que se ven golpeados, ou son un paradigma da explotación pola patronal”

Como ben é sabido os ERTE e ERE son unhas das prácticas habituais deste golpeo constante da explotación laboral. Adrián, nesta pequena entrevista amósanos como se fan realidade estes golpes nun sector tan paradigmático.

Fai poucos días ABAI Group confirmaba finalmente a prórroga do ERTE. Como vos enterastes da nova? Agardabades que fose así?

Por presión nosa. Estábanse cumprindo os seis meses do prazo inicialmente establecido para o ERTE, viamos que se cumpría a data e a empresa non daba movementos. A CGT puxémonos en contacto coa dirección da empresa para saber cal ía ser a decisión final. Todo nos facía pensar que se ía prorrogar porque non estaba habendo unha intención real de reubicar as compañeiras afectadas. Finalmente enviouse unha comunicación por escrito pero de facto xa se entendía, informalmente a empresa si que foi dicindo a súa intención de prorrogar este ERTE tres meses máis e que se alargaría ata o 1 de marzo.

Que significa para os traballadores esta prórroga? Como lles afecta?

Primeiramente seguir co salario reducido. Xa se viña cobrando o 70%, agora redúcese un 10% máis da prestación por desemprego. Aparte da contía que se ve reducida, estas traballadoras están consumindo o propio dereito a súa prestación, é dicir, están esgotando o seu paro por unha práctica da empresa.

Cóntanos sobre este ERTE… Como afecta aos traballadores da Coruña e demais centros? Cando e como foi xestado e aprobado? Que medidas tomou a CGT para impedilo?

O ERTE non só afectou a este centro de traballo na Coruña, senón que afectou os diferentes centros de traballo que ten a empresa polo territorio do estado español. É certo que o centro da Coruña foi o máis golpeado porque si que houbo máis compañeiras que se viron finalmente afectadas.

Dende un primeiro momento, a CGT mostramos a nosa a oposición na mesa de negociación, pero tamén levamos a cabo mobilizacións. Convocaronse dúas xornadas de folga de 24 horas que no centro da Coruña foron un auténtico éxito. Tiveron un seguimento masivo e foron acompañadas con mobilizacións na rúa, houbo unha manifestación nun deses días de folga, outro día, unha acción visible a través dun mosaico onde se expresaba a nosa repulsa contra o ERTE. Durante todo este tempo por parte da CGT, despois unha vez que a empresa o executou, foi estar reclamando continuamente, estar pendente e denunciando as situacións que viamos que eran inxustas coas persoas que estaban sendo vítimas desta agresión. Por outra banda presentouse unha demanda colectiva para a impugnación do ERTE. Finalmente non puido chegarse á impugnación deste ERTE porque antes de celebrarse o xuízo chegaron a un acordo o resto dos sindicatos, CCOO, UGT, USO e CIG e nós, a CGT, non se adheriu a ese acordo na propia Audiencia Nacional, que era onde se dirimía este asunto, e, bueno, non o asinamos. Alí creouse unha comisión de seguimento que non esta a servir para nada porque, de feito, non se están producindo reubicacións. Estamos vendo que ao final, como todas as comisións, hai un espazo que non sabemos moi ben para que serve e que a empresa utiliza para lexitimar as súas decisións.

Comunicastedes en varias ocasións que o ERTE estaba totalmente inxustificado, porqué? Cal é entón o verdadeiro motivo do ERTE?

Nós sempre dixemos que o ERTE é inxustificado primeiro por unha cuestión básica. O ERTE é sempre unha medida gravosa para as traballadoras pero máis nun sector como este. Nós estamos a partir dun salario que roza o Salario Mínimo Interprofesional, polo tanto facer un ERTE destas dimensións, cunha duración de nove meses, esta claro que é complicado para que as compañeiras poidan aguantar durante tanto tempo, xa sexa porque non hai unha capacidade previa de aforro, ou porque o salario redúcese considerablemente. É complicado poder sobrevivir durante todo ese tempo coa prestación por desemprego. Nós viámolo desmesurado.

Tamén entendemos que non obedece a unha causa temporal senón que é estrutural ao alongarse durante tantos meses. Por último a base para sustentar este ERTE, dicíase que había unha diminución da carga de traballo o cal non é certo. A empresa denegou vacacións, a empresa tiña ampliación de xornada para outras traballadoras que estaban nos mesmos centros de traballo.

A maiores, tamén, a elección das persoas fíxose dunha maneira totalmente arbitraria porque foise desactivando unhas claves que temos cada unha de nós para poder traballar na campaña, neste caso, de Movistar. Entón, a decisión de desactivar as claves de maneira arbitraria e sen ningún tipo de xustificación previa obedece a criterios propios da empresa ou a criterios, digamos, sen ningún tipo de base, máis alá de que nós, dende a CGT, consideramos que a desactivación dunhas claves non poida ser nunca unha xustificación para despedir a alguén.

Ademais, durante todos estes meses nós seguimos mantendo que é un ERTE inxusto porque a carga de traballo é desmesurada, moitas compañeiras que están actualmente en activo vense desbordadas, chegan a poñer en risco a súa propia saúde tendo que coller baixas médicas polo feito de que non son capaces de aguantar os ritmos de traballo que estamos sufrindo.

Polo tanto, nós cremos que o verdadeiro motivo do ERTE, o que se busca, é precarizar máis as condicións laborais da plantilla. É unha maneira, a través de pouco ruído, de ir destruíndo postos de traballo porque están conseguindo que algunhas compañeiras deixen a empresa porque non poden máis. Entón, entendemos que o motivo é ir destruíndo postos de traballo con certa “estabilidade”. Bueno! Estabilidade non temos porque as empresas teñen todas as ferramentas posibles para destruír os postos de traballo cando lles dea a gana pero, sí, entendemos que hai unha política para ampliar a marxe de manobra, de beneficios.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *