VII Época - 23

XI MARCHA A TARAJAL

Yves, Samba, Daouda, Armand, Luc, Roger, Larios, Youssouf, Ousmane, Keita, Jeannot, Omarou, Blaise, son os nomes das persoas que perderon a vida o 6 de febreiro de 2014 na praia ceutí de Tarajal baixo as armas de fogo da Guarda Civil española. Unha persoa máis morreu baixo as mesmas mans e na mesma praia pero descoñecemos o seu nome. Alboraba aquel día na fronteira cando ao redor de 200 persoas migrantes tentaban entrar en Ceuta. Aproximadamente 90 persoas lanzáronse ao mar bordeando o espigón que separa Europa de Marrocos. Quen tiña que velar pola súa seguridade e socorrerlles estando na auga recibíronlles con gases lacrimóxenos, pelotas de goma e salvas detonadoras para impedirlles que chegaran a terra firme. Ás 7:40 xa perderan a vida os 14 migrantes. Outros 23 foron devoltos en quente. Hervé, que daquela tiña 22 anos, aínda que non sabía nadar, lanzouse á auga para superar o espigón que separa o territorio marroquí do español. “Cando nos lanzamos o policía que estaba abaixo comezou a lanzar gas lacrimóxeno que comezou a facer escuma na auga e afogou a moitos dos meus acompañantes”, relata sobre o sucedido esa mañá. Despois chegarían os disparos de pelotas de goma “a metro e medio” e os golpes con paus dende a zodiac da Garda Civil. Consumouse así unha das vulneracións de dereitos humanos máis flagrante e grave da historia da Fronteira Sur.

O próximo sábado 3 de febreiro terá lugar a XI Marcha pola Dignidade “Tarajal non esquecemos” baixo o lema “10 anos esixindo verdade, xustiza e reparación”. A primeira Marcha pola Dignidade realizouse días máis tarde da masacre, en marzo de 2014 en Ceuta e, desde entón, realizouse cada ano ata a actualidade sempre desembocando na Praia do Tarajal. Segundo os convocantes “É un acto centrado no recordo de todas as persoas a quen arrebatou a vida aquel día e de todas aquelas que as fronteiras e as políticas migratorias europeas matan. É un acto de denuncia ante as devolucións en quente, as devolucións exprés e a vulneración sistemática de Dereitos Humanos na Fronteira Sur. É un acto que representa os valores da xustiza, a liberdade e a solidariedade e esixe verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición”, e engaden “ Por todas as que xacen no fondo do mar. Por todos os enterrados sen nome. Polos que non saíron do deserto. Polos que seguen sufrindo a crueldade da fronteira”.

O grupo organizador da marcha, que asina os cartaces co nome MarchaTarajal adaptado as distintas redes sociais, e apoiado por numerosas organizacións do estado, entre elas a CGT, e ofrece tamén a posibilidade de apoiar a marcha mediante o seguinte formulario de adhesión, https://forms.gle/i9dp7XifWGaQh3n97. Tamén ofrecen un correo de contacto, marcha.tarajal@gmail.com, para poñerse en contacto se dende algún lugar queren organizarse actos descentralizados de denuncia e engaden “Desde o grupo organizador facilitarase, previamente, o manifesto para a súa lectura nos diferentes actos e a plantilla do deseño do cartel. Con todo, cada territorio responsabilízase de pedir os permisos pertinentes”.

Ademais, a partir das 11:30 do mesmo sábado 3, ofrecen a posibilidade de seguir en directo, a través da canle de YouTube bit.ly/canaltarajal, a palestra que dende o Instituto Abyla de Ceuta contará coa participación de Patuca Fernández co relatorio titulado “Tarajal: A dor que non cesa”, Mouctar Bah que pola súa parte titula a intervención como “O paso por Marrocos: A vivencia da externalización de fronteiras”, e por último Viviane Ogou con “Non repetición: por unha migración digna e segura”.

Os acontecementos do Tarajal veñen sendo denunciados dende diferentes organizacións como CEAR, a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado, de onde extraemos este relatorio da impunidade:

13 de febreiro de 2015: A xuíza de instrución do caso cita a declarar a 16 gardas civís que estiveron presentes a mañá dos feitos no despregamento policial organizado na praia do Tarajal, comezan así as dilixencias xudiciais co fin de que se depuren responsabilidades penais e políticas, e que se produza unha reparación ás familias das vítimas.

1 de xullo de 2015: Entra en vigor a nova Lei de Seguridade Cidadá, tamén coñecida como Lei Mordaza que inclúe unha disposición adicional coa que se pretende dar cobertura legal ás ‘devolucións en quente’, como as que se produciron na praia do Tarajal ou as que se dan habitualmente nos valos de Ceuta e Melilla. Un gran obstáculo para que se xustiza no caso Tarajal.

15 de outubro de 2015: O xulgado de instrución nº 6 de Ceuta dita o sobresemento provisional do caso Tarajal e o arquivo das actuacións polo delito de homicidio e lesións imprudentes, considerando que as “devolucións en quente” a Marrocos eran unha práctica habitual e por tanto non se podía sancionar aos axentes da Garda Civil. Acto seguido CEAR presenta un recurso de apelación a este sobresemento, ao entender que “si hai indicios de delito” e que deben de seguir investigándose as circunstancias e a responsabilidade en relación aos falecementos.

13 de xaneiro de 2017: A Audiencia de Ceuta admite os recursos de apelación e ordena reabrir a investigación do caso Tarajal.

3 de outubro de 2017: O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos condena a España pola demanda de dous mozos procedentes de Malí e Costa do Marfil que foron expulsados de Melilla en agosto de 2014. Esta sentenza sen precedentes é a última proba de que estas prácticas coñecidas como “devolucións en quente” e habituais na fronteira sur española, son claramente ilegais e vulneran o dereito humano a solicitar asilo.

27 de xaneiro de 2018: O Xulgado de Instrución nº 6 de Ceuta volve arquivar o caso Tarajal. Entidades acudidas como acusación popular presentan recurso ante a Audiencia Provincial de Cádiz.

31 de agosto de 2018: A Audiencia Provincial de Cádiz reabre novamente o caso Tarajal. O tribunal estima o recurso de apelación contra o arquivo da causa. A “resolución firme e contra a que non cabe recurso algún” considera que non se realizou o máis mínimo intento de oír ás testemuñas propostas e admitidas. Un raio de esperanza para quen esixe Xustiza Tarajal.

24 de setembro de 2019: A maxistrada do xulgado de instrución número 6 de Ceuta procesa aos 16 axentes da Garda Civil investigados no caso Tarajal. A xuíza argumenta entón que «aínda que é certo a protección da fronteira actívase fronte a intentos de entrada ilegal, non pode dar pábulo a sobreentender, nin remotamente, que as fronteiras ou espazos entre as mesmas son zonas de excepción en relación aos dereitos humanos». Tamén que os gardas civís «podían auxiliar aos migrantes e abstivéronse sen causa que xustifique a súa omisión».

30 de outubro de 2019: O caso Tarajal queda arquivado por terceira vez. A mesma xuíza que procesou un mes antes aos gardas civís decide o sobresemento da causa, tras os recursos presentados pola Avogacía do Estado, a Fiscalía e as defensas particulares. Ao día seguinte, recorrese esta decisión ante a Audiencia Provincial.

28 de xullo de 2020: A Audiencia Provincial de Cádiz emite un auto no que desestima os recursos de apelación presentados. Sen embargo as organizacións denunciantes seguen defendendo que a actuación da garda civil non foi nin “proporcional” nin “oportuna” nin “congruente”, ademais consideran que non se valorou suficiente todo o material probatorio.

Agosto de 2020: Todas as organizacións presentes na acusación unifícanse e presentan un recurso de casación ante o Tribunal Supremo co obxectivo de que se poida poñer fin dunha vez por todas a todos estes anos de impunidade.

27 de maio de 2022: O Tribunal Supremo desestima o recurso de casación.

Xullo de 2022: As entidades da acusación popular presentan recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional pola falta de investigación das mortes ocorridas o 6 de febreiro de 2014 e a falta de tutela xudicial efectiva.

Xullo de 2023: A Sala Segunda do Tribunal Constitucional admite o recurso de amparo.

E a día de hoxe, quen confía na xustiza?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *