VII Época - 24

A CGT ENFRÓNTASE A PATRONAL BANCARIA

O próximo 8 de febreiro a FESIBAC (Federación de Sindicatos de Banca, Bolsa, Aforro, Entidades de Crédito, Seguros, Oficinas e Despachos, Empresas Consultoras de Planificación, e de Enxeñerías e Oficinas de Estudos Técnicos de CGT) convoca unha manifestación polas rúas de Madrid. Así, a FESIBAC da CGT comeza as medidas de acción directa que anunciou para loitar por un convenio xusto.

As negociacións do XXV Convenio Colectivo de Banca comezaron en novembro do ano pasado e afectan as plantillas do Banco Santander, BBVA, Sabadell e Bankinter. Estas medidas que comezan cando apenas se levan dous meses de negociación, seguirán en aumento. Cabe lembrar que o anterior convenio que caducou co fin do ano 2023, foi asinado por CCOO, UGT e FINE pola parte sindical tras vinte e cinco meses de suposta negociación e tivo unha vixencia de cinco anos que, por primeira vez na historia, excedeu de un mandato electoral, estendéndose do ano 2019 ata o 2023. Para a FESIBAC aqueles vinte e cinco meses “non serviron máis que para que os sindicatos asinantes gozaran, cousa que seguen facendo, dunhas prebendas patronais consistentes en 46 persoas liberadas para deseñar un convenio colectivo axustado ás necesidades dos bancos e non ás das persoas traballadoras do sector. Unhas prebendas que supuxeron un financiamento directo a CCOO, UGT e FINE por un valor de 11,5 millóns de euros. Un tempo no que, para maior escarnio, algúns bancos levaron a cabo en paralelo procesos de despedimento colectivo. Procesos que os sindicatos asinantes obviaron e deixaron á marxe do proceso negociador, como se a defensa do emprego non estivese intrinsecamente relacionada co mesmo”. A CGT negouse a asinar aquel convenio xa non só por cuestións sindicais e de condicións laborais, senón por cuestións éticas.

Xa o 5 de decembro, antes de que o convenio caducara, a CGT, que ten a suficiente representatividade no sector como para estar na negociación do convenio, comezou unha campaña de sinaturas entre as traballadoras e traballadores para inundar o comezo das negociacións. Estas sinaturas esixían a supresión do artigo 5 do convenio. Un artigo que convenio tras convenio “conxela o salario pola absorción e compensación dos incrementos salariais resultantes do propio Convenio e os trienios de antigüidade que imos adquirindo conforme pasan os anos prestando servizo na nosa empresa” denuncia a CGT. Se lemos con atención ese “maldito” artigo 5 dámonos conta de como os dereitos salariais adquiridos por calquera traballadora ou traballador de Banca poden ser legalmente suprimidos pouco a pouco, ano tras ano, ata desaparecer e quedar percibindo o salario base a pelo. Di así:

Ártigo 5. Cláusula xeral de compensacións e absorcións.

1. O Convenio compensa e absorbe calqueras melloras logradas polo persoal, ben a través doutros Convenios ou Normas de Obrigado Cumprimento, ben por decisións unilaterais das Empresas.

2. Quedarán así mesmo absorbidos polo Convenio, na medida en que sexa posible, os efectos económicos que poidan derivarse de disposicións legais ou administrativas que entren en vigor con posterioridade á firma do Convenio. A efectos de practicar a absorción compararanse globalmente a situación resultante da aplicación do Convenio e a que resulte das disposicións legais e administrativas, excluídas destas as que fosen meramente aprobatorias doutros Convenios Colectivos.

Ao comezar as reunións da negociación CGT deixou claro que “a subida salarial ten que ir intrinsecamente relacionada coa non aplicación explícita da cláusula de compensación e absorción. Unha cláusula que fai que toda subida sexa compensada e/ou absorbida doutros conceptos retributivos extraconvenio que poida ter a persoa traballadora, independentemente da súa orixe e da motivación pola que se devenguen, xerando de facto unha conxelación salarial”. Calquera persoa reivindicativa no seu traballo, ou calquera sindicalista que sexa consciente e ético, entende perfectamente que esta absorción ou compensación é usada como castigo pola patronal. “Se te portas ben, non te conxelo o soldo” está a orde do día non só na banca senón como estratexia empresarial. A ameaza, a corrupción, o capricho, a submisión, a inxustiza e as prebendas típicas dun sistema organizativo totalitario refréxanse neste maldito artigo. A ditadura empresarial en xeito de lei xunto o imprescindible consentimento dos seus cómplices das corporacións sindicais para que perdure. Así o entende a CGT nesta negociación de convenio “acabar dunha vez por todas cun anacronismo histórico que permite aos bancos priorizar as retribucións pola vía do variable, de carácter unilateral e arbitrario, á vía do convenio. É dicir, unha maneira perversa de individualizar interesadamente as relacións laborais”.

Ademais a CGT non deixa de denunciar que “mentres a alta dirección incrementa exponencialmente as súas retribucións ano a ano, sendo estas as máis altas de Europa, as plantillas teñan os salarios conxelados, subidas ínfimas ou peor aínda, perdas inaceptables de poder adquisitivo”. Outra vez máis, e como vemos cada día en incremento exponencial, a riqueza concentrase cada vez en menos mans a costa de empobrecer á clase traballadora. A seguinte táboa elaborada pola FESIBAC é unha evidencia da inxustiza do sistema que padecemos.

A CGT ten unha plataforma reivindicativa para este convenio baseada nas seguintes reivindicacións: Recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos. Subida salarial real, sen absorcións nin compensacións, acorde á inflación e aos beneficios empresariais. Participación en beneficios. Préstamos. Redución da xornada laboral. Conciliación da vida laboral e familiar. Saúde Laboral. Carreira Profesional. A CGT está a tratar polo miúdo esta táboa reivindicativa e facéndoa pública a medida que avanzan as reunións de negociación que a día de hoxe están estancadas.

Na segunda reunión da mesa do convenio ademais de solicitar a derogación da cláusula de absorción e compensación, artigo 5, CGT reivindicou as seguintes cuestións entre outros temas:

Paga de recuperación do poder adquisitivo do 10%. Para CGT este convenio colectivo ten que ser o da recuperación do poder adquisitivo perdido no últimos cinco anos e o do incremento do mesmo nos tres próximos. Para iso, expúxose a necesidade de percibir unha paga con carácter inmediato, con impacto en táboas, nin compensable nin absorbible, pola diferenza entre a variación do IPC e a subida salarial do período 2019-2023.

-Subida salarial anual do IPC+1 cun mínimo do 5%. A partir do 1 de xaneiro, e unha vez actualizadas táboas salariais debido ao punto anterior de recuperación do poder adquisitivo, deberanse incrementar un mínimo do 5% anual durante os tres anos de vixencia do convenio, cunha cláusula de garantía salarial anual dun IPC+1%.

Na terceira reunión falouse principalmente de:

-Vixencia do convenio. A pretensión patronal é que a vixencia do convenio sexa de 4 anos, motivándoa principalmente na súa necesidade de ter controlado o gasto de persoal nun futuro, segundo eles, cheo de incertezas. Desde CGT manifestouse que se podería asumir esa duración, a condición de que fose aceptada a proposta de subida salarial anual do IPC+1 con chan do 5%.

-Subida salarial. A proposta patronal en materia salarial foi tremendamente decepcionante. Unha proposta que obvia o perdido nos últimos anos e que previsiblemente impón outro escenario a catro anos vista de nova perda de poder adquisitivo. Unha proposta consistente nunha subida salarial acumulada do 7% en catro anos. A CGT non esta disposta a aceptar ningunha proposta que non garanta o incremento do poder adquisitivo e menos aínda, que non leve asociada unha cláusula de garantía salarial indexada ao incremento dos prezos.

-Contratación. Desde a patronal AEB, Asociación Española de Banca, proponse -propoñer é un dicir, por aquilo de ser requisito legal- ampliar o prazo máximo actual de seis meses, das persoas contratadas de maneira temporal por circunstancias da produción, ata os doce. Así como ampliar os períodos de proba ata os seis meses. Propostas ambas que claramente precarizan as condicións laborais das persoas afectadas e que por tanto, CGT negase aceptar.

-Mobilidade xeográfica. Outra das propostas patronais é ampliar o radio, para cubrir necesidades de servizo, motivadas estas claramente pola súa decisión unilateral de peche masivo de oficinas, desde os 25 Km. actuais ata os 50 Km. Para CGT esta proposta novamente significa precarizar as condicións das persoas potencialmente afectadas.

A estas pretensións patronais, engadíronse a súa negativa para topar os tipos de interese dos préstamos hipotecarios, ao considerar que non é unha materia de negociación colectiva que teña que levar a nivel sectorial, a pesar de existir un apartado no convenio colectivo chamado de Beneficios sociais que regula entre outras cousas os prestamos para a plantilla. A súa pretensión histórica de eliminar o pagamento de novos trienios de antigüidade, así como a negativa a tocar nin unha coma do redactado do convenio, que lles habilita a compensar e absorber calquera subida do índole que esta sexa.

Non é de estrañar que durante a cuarta reunión se estancara a negociación e que CGT manifestara “Estamos nun momento no que as plantillas xa non aguantan máis esta inexplicable e inaceptable actitude cicatera dos bancos, mentres no día a día non se nos para de esixir máis e máis. Porque se unha cousa teñen os bancos, é a súa desmedida ansia de obter recurrentemente máis beneficios que o trimestre anterior, aínda que iso sexa á conta dunhas exhaustas plantillas”. A seguinte gráfica tamén elaborada pola FESIBAC nestes primeiros días de febreiro en que os bancos presentaron os seus resultados anuais é unha realidade que chama á rabia.

A CGT cree que “é o momento oportuno para que as plantillas do sector amosen o seu malestar” e mirase abocada a unha situación “na que ter que chamar ás plantillas do sector para secundar accións reivindicativas non vistas no sector desde hai décadas”, e engaden que “en función da insensatez patronal, irán endurecéndose paulatinamente ata desembocar nunha convocatoria de folga sectorial indefinida”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *