VII Época - 26

O 20% DOS CONTRATOS DURA MENOS DUNHA SEMANA A DURACIÓN MEDIA DOS CONTRATOS É DE 48,95 DÍAS

Na pasada semana puidemos ler en varios medios de comunicación unha nova alarmante, o 20% dos contratos rexistrados dura menos dunha semana. Así, a duración media dos contratos de traballo descendeu ao seu nivel máis baixo desde 2006, alcanzando os 48,95 días en xeral e reducíndose aínda máis a 26,8 días no sector agrario.

Imos polo miúdo con eses datos. De acordo con os datos publicados polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) en xaneiro de 2024, o 20% dos contratos rexistrados nos servizos públicos de emprego tiveron unha duración de menos dunha semana, sumando un total de 244.745 contratos. Pero ademais, contabilizáronse 66.664 contratos cunha duración de entre 7 e 15 días, o que representa o 5.6% do total. Por se fora pouco, se nos fixamos nos contratos cunha duración de entre 15 días e un mes, asináronse 90.143 contratos, o que representa o 7.6% do total. Sumando estas porcentaxes, isto significa que un terzo dos contratos asinados no comezo do ano, concretamente o 33.8%, tiveron unha duración inferior a un mes.

Podemos tamén miralo de outro xeito. Se sumamos todos os contratos, a duración media destes foi de 48.95 días, a máis baixa rexistrada para o mes de xaneiro desde 2006. Foi neste ano 2006 cando comezaron a rexistrarse estes datos. Naquel ano 2006 a duración media dos contratos fóra de 86,80 días, é dicir, duraban case o dobre (56,39% máis). Se queremos ver como afectou a reforma laboral temos que fixarnos nos datos a partir do xaneiro de 2021. Se comparamos os datos con xaneiro de 2021, antes da entrada da reforma laboral obsérvase como a duración media dos contratos xa era de 53,74 días, que se reduciu a 52,21 días en xaneiro de 2022 e en 2023 volveu a baixar ata os 51,82 días. Isto é así, a pesar de que a reforma laboral contempla que os empregadores deben pagar unha cotización adicional de 29,74 euros polo contratos temporais inferiores a 30 días. Esta penalización aumentará un 5%, ata os 31,22 euros, xa que vai vinculando ao salario mínimo interprofesional (SMI), o cal se viu incrementado no mesmo porcentaxe ata os 1.134 euros. Esta penalización foi regulada no artigo 25 “Cotización adicional en contratos de duración determinada” da Orde PCM/74/2023, co suposto obxectivo de desincentivar ás empresas para facer contratos moi curtos, de días ou inferiores a un mes. A luz do análise dos datos, unha medida ineficaz.

Non só baixa a duración, tamén sobe o número de contratos temporais.

Vexamos estes datos tamén polo mido. Durante o primeiro mes de 2024, rexistráronse un total de 1.185.600 contratos, o que representa un descenso do 1,2% en comparación con 2023. Dese total, 506.622 foron contratos indefinidos, cifra que é un 4,5% inferior respecto ao ano anterior, e 678.978 foron contratos temporais, o que supón case un 1,3% máis que no mesmo mes do ano previo, 2023. A diminución interanual na contratación indefinida durante xaneiro debeuse principalmente á redución nos contratos a tempo parcial e os fixos-descontinuos, a pesar de que houbo un incremento nos contratos indefinidos a tempo completo en comparación con xaneiro de 2023. Formalizáronse 243.365 contratos indefinidos a tempo completo, rexistrando un aumento do 2,9% con respecto ao mesmo mes do ano anterior; con todo, observouse unha caída do 15,8% nos contratos fixos-descontinuos, cun total de 146.368, e unha diminución do 2,5% nos contratos indefinidos a tempo parcial, sumando 116.889.

Aínda que en xeral, e a vista da opinión pública, semella que a reforma laboral fomentou un aumento na conversión de contratos de traballadores temporais a indefinidos, tanto en modalidades ordinarias como fixas-descontinuas, con todo, cabe sinalar tamén que provocou un incremento na ‘mortalidade’ dos contratos indefinidos ordinarios; é dicir, aínda que agora asínanse máis contratos deste tipo, a súa duración media diminuíu.

Se analizamos con perspectiva a reforma laboral de 2021 vemos que, aínda que logrou maquillar a temporalidade no emprego de maneira efectiva, non conseguiu mellorar significativamente a precariedade ou estabilidade laboral. Ademais observamos como se estenden prácticas de “recursos humanos” no mercado de traballo con patróns moi singulares como contratar os luns para finalizar contratos os venres, empregar traballadores exclusivamente para as fins de semana, ou iniciar e terminar contratos ao comezo e ao final de cada mes.

Estes datos son nefastos para as persoas que estamos en precariedade e que temos que buscarnos a vida traballando temporalmente, entre paro e contrato precario, pois a baixada ano tras ano na duración media dos contratos de traballo segue afundíndonos na pobreza sen albiscar esperanza ningunha. Moi ao contrario, cada día máis, rexeitando o sistema que padecemos por moito que se disfrace de progresista.

Fonte: Federació Local de Sindicats CGT-València

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *