VII Época - 27

ENTREVISTA A CRISTINA

Cristina, afiliada á CGT de Pontevedra, viu desempeñando ininterrompidamente desde o ano 2000 un posto de traballo, no Concello de A Lama, coa categoría de Auxiliar Administrativo-Posto de Auxiliar de Biblioteca/OMIX e informadora socio-xuvenil (OMIX). Cando levaba traballando 18 anos ininterrompidamente, corría o ano 2018, decidiuse a reclamar os seus dereitos ante o tribunal do social. As consecuencias desa reclamación, aínda que sentenciada ao seu favor con recoñecemento de indefinidade na relación laboral e abono de diferenzas salariais, non se fixeron agardar. A comezos do 2019, a Alcaldía de A Lama aproba a oferta de emprego público, que inclúe a praza de Auxiliar de Biblioteca/OMIX, o seu posto de traballo, “dentro do prazo improrrogable de tres anos a contar desde a data de publicación”. Nesa resolución da Alcaldía hai unha tremenda irregularidade. Unicamente nesta praza de Auxiliar de Biblioteca, nomease, por intereses espurios, un tribunal cualificador completamente alleo ao Concello, pero sometido aos seus ditados. A propia convocatoria e esta irregularidade alerta a Cristina e á CGT de Pontevedra. A partir dese momento comezan un sen fin de irregularidades e manobras coa finalidade de arrebatar o posto de traballo a quen o ocupa outorgándollo a outra persoa. Esa outra persoa é Antón Xil Alcántara que posúe un notable curriculum. Antón Xil Alcántara foi candidato á alcaldía de Pontecaldelas polo PP nas últimas eleccións municipais ademais de xefe de prensa do alcalde de A Lama. E existe unha estraña relación entre a composición irregular do tribunal, persoas de diferentes concellos onde goberna o PP, e Antón Xil Alcántara que factura como asesor de comunicación neses concellos.

As trampas sucedéronse unha tras outra. Algúns dos membros do tribunal no primeiro exercicio non se corresponden cos que asumiron o mesmo papel no segundo exercicio; como foi o caso da secretaria ou a desigualdade do número de compoñentes do tribunal. A dinámica desta segunda proba foi similar á do primeiro exercicio. Os exames estaban abertos sobre a mesa boca abaixo, non sendo abertos ante os opositores. Tampouco púidose sacar ningún borrador do escrito e, nen tan sequera, lacraron nin asinaron ante os opositores o peche dos sobres. Tras ser estes feitos denunciados prodúcese un prorrogado silencio do tribunal que non pública, inexplicablemente, as notas do segundo exame ata que non finaliza a campaña electoral das eleccións municipais, atrasando a consumación da cacicada.

E máis. Mentres que, noutros concellos, na Xunta de Galicia, no Estado e en todas as Administracións estaban a estabilizarse ou funcionarizando directamente ao persoal que leva máis de catro anos, a Cristina obrígana a participar nun proceso selectivo viciado desde a súa orixe e utilizado como inadmisible escusa para outorgar a praza a un señor por motivos puramente políticos e de interese privado. A aprobación das Bases e Convocatoria para cubrir a praza de Auxiliar de Biblioteca/OMIX de estabilización de emprego temporal, prodúcese cinco días antes da publicación no BOE da Lei 20/2021, do 28 de decembro de Medidas Urxentes para a Redución da Temporalidade no Emprego Público (Lei Iceta), que de aplicarse no caso de Cristina, supoñería a estabilización automática. Mentres se negaban a estabilizar a praza de Cristina tras máis de 23 anos de servizo, ao mesmo tempo estaban funcionarizando á avogada do CIM da Lama.

En fin! Falamos con Cristina do seu caso.

Saúde Cristina! Tras 23 anos traballando no Concello de A Lama, despídente. Como se produce este despido?

Prodúcese como tantos outros. Xa sexa nunha empresa privada ou na administración pública. Por unha decisión que claramente vai contra os meus intereses, por ter defendido o meu traballo e ter denunciado, tanto nos tribunais como na prensa a situación irregular coa que me mantiñan despois de tantos anos no concello da Lama. En poucas palabras: a Administración facéndolle trampas ás disposicións da propia administración. É dicir, tal e como acaban de denunciar os tribunais europeos que poñen a feder as prácticas do Estado español e de todas as administración públicas cos traballadoras e traballadores.

Eu vivo nunha vila, e antes vivín nun pobo máis pequeno. Como somos xente activa socialmente no sitio onde vivimos chegas a tratar persoalmente cos políticos locais. Pola miña experiencia, en numerosas ocasións comprobei como o PP de Galicia usaba o caciquismo secular como estratexia política, as veces á vista e con todo descaro, coa aceptación dunha parte da veciñanza, sen afectarlle que o denunciaramos publicamente. Sen embargo, o teu despedimento é un caso grave. Non si?

É tan grave como os de centos, quizais miles, dos que se veñen producindo en calquera das administrcións públicas, xa sexan estatais, autonómicas ou municipais. No meu caso concreto penso que ten maior gravidade porque se produce toda esta situación tras case 24 anos traballando, en precario, e cando me colle con 62 anos de idade. E o que é pior: tras ter exercido as miñas funcións sen que nunca recibise o máis mínimo sinal de perda de confianza.

Cóntanos as irregularidades do proceso de teu despedimento para colocar no teu posto de traballo a Antón Xil Alcántara?

Diferentes medios de comunicación galegos, informados pola CGT, caeron na conta da manobra que se preparaba desde a alcaldía da Lama. Así, a xente soubo como o candidato á alcaldía do concello veciño de Ponte Caldelas, nas listas do partido popular, e que á vez levaba como empresario a política de comunicación do alcalde da Lama, por suposto tamén do PP, aparecía sospeitosamente como candidato á praza de auxiliar de biblioteca que se convoca e á que eu, tamén tiven a obriga de presentarme. Foron moitas as voces, de particulares coma partidos políticos que detectaron este escándalo. Foi o que levou á CGT, meu sindicato, a comezar unha campaña de denuncia que mesmo acadou repercusión estatal.

O caciquismo usa o poder para premiar aos seus acólitos e castigar a quen reclama xustiza. Xa antes da resolución da Alcaldía de A Lama pola que incluía o teu posto de traballo dentro da nova oferta pública de emprego, tiveras que reclamar ao xulgado do social para que che recoñeceran dereitos e cantidades. En canto pensas ti que o despedimento é unha represalia polas túas reclamacións?

A xente non sabe ata que punto pode haber acoso ás persoas na administración. Máis si se pensa nun concello galego, moi pequeno e gobernado polo PP. A maiores eu gañara unha reclamación laboral pola que se me recoñeceu por parte do tribunal unha serie de reclamacións económicas e a indefinidade do meu posto de traballo. Penso que nesta sentencia ao meu favor está a orixe dunha persecución para a que se utiliza e convoca de xeito torticeiro unha oposición con dous fins declarados. Optar por unha persoa afín politicamente a eles, e lograr o meu despedimento.

E que che cualifiquen con un cero o segundo exercicio do concurso oposición, non é unha bravuconada prepotente en represalia?

Vai na liña do que acabo de expoñer. Xente da miña contorna, e que mesmo formou parte de tribunais de oposición, ou que desde o mundo do dereito coñece este mundo non acreditaban sobre esta cualificación de “cero” a unha persoa coma min que levaba exercendo máis de 23 anos para cualificar cuestións e materias prácticas que se dirimiron na oposición. É prácticamente imposible que eu, que desenvolvía as miñas funcións sin recibir reparo algún dos meus superiores, non soubese nin “un cero patateiro” sobre prácticas que dominei no día a día durante anos. Como se narrou na prensa e denunciou meu sindicato, un verdadeiro despropósito.

Todo este proceso… afectoute a túa saúde?

Este, é todo o proceso anterior. Na realidade foron varios anos pero o momento máis delicado xurde cando eu me teño que enfrontar ao que entendía un ataque á miña persoa. Tiven que ser moi forte pero necesitei tanto o apoio da CGT coma de profesionais que me axudasen. De feito fixen fronte a unha longa baixa laboral, e estando nela sufrin os peores momentos, incluído o despedimento.

Recíbeche algún tipo de solidariedade durante a túa denuncia?

Xa expliquei que a situación que vivín transcendeu á prensa. A partir dese momento tanto en redes sociais, como a nivel persoal recibín apoios e chamadas telefónicas. Unha situación que permitiu, ou trataba de evitarse, desde a alcaldía do concello da Lama. Que non existise solidariedade e non se coñecese o meu caso, que pasase totalmente desapercibido. Agora podo afirmar que non o conseguiron e que pola radio e pola prensa moita xente coñeceu as irregularidades e o intento, que se confirmou, de colocar a un destacado militante do Partido Popular (que por certo, no seu tempo fora dirixente dun partido de extrema esquerda) no posto de traballo que eu viña desempeñando desde hai máis de 23 anos.

E agora, como esta a cousa?

Pois a cousa aínda non rematou, queda por dirimir a nivel laboral o meu despedimento e, por outra parte, un xulgado do penal vén de admitir a trámite a denuncia que presentei contra os membros do tribunal e o anterior alcalde da Lama por un posible delito de “Tráfico de influencias”. En paralelo, neste caso a nivel contencioso administrativo, está aberta unha demanda ante, o que eu entendo, como irregularidades no proceso selectivo. Non queda outra que estar á espera de como se diriman estas tres causas xudiciais para as que conto co apoio xurídico e solidario da CGT.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *