VII Época - 28

FOLGA INDEFINIDA EN H&M

En xullo de 2022, a sección sindical de CGT H&M Customer Services, o servizo on-line  desta marca de “roupa sucia”, desconvocaba unha folga de 24 horas por chegar a un acordo coa directiva de H&M. O acordo foi un incremento salarial do 3.5% a conta de convenio, e a negociación de diferentes medidas tanto de mellora salarial, como de conciliación e beneficios sociais. A dirección cumpriu, a primeira parte do acordo, o 3.5% a conta de convenio. Foi entón cando a CGT, maioritaria no Comité de Empresa, presentou ao persoal e á dirección unha plataforma reivindicativa con 54 medidas a negociar. Sen embargo a empresa desbotou esta segunda parte do acordo. En resposta a este incumprimento as traballadoras, a través de CGT, convocaron varias manifestacións para protestar pola deshumanización que sofren, empeorando constantemente as condicións laborais. Desde novembro do 2023 a xaneiro de 2024 convocáronse sete xornadas de folga cun seguimento próximo ao 70%. H&M non soubo chegar a un acordo antes das convocatorias, durante as mediacións ou mesmo despois das mesmas. Tras unha asemblea na que o persoal apostou por escalar o conflito, o sindicato presentou unha nova proposta para crear unha mesa negociadora no ámbito do Comité de Empresa. Ante a indiferenza de H&M tras semanas sen dar resposta, realizouse unha convocatoria de folga indefinida que comezará o 25 de abril.

A Industria do Téxtil estigmatiza o desaxuste do mundo. Dende a inmoral acumulación da riqueza en uns poucos negocios multinacionais, ata a cada vez maior dificultade do comercio e produción local, moito máis sostibles, de cubrir a necesidade, tan especificamente humana, de Vestir. Esta necesidade, que no pasado foi xunto ao Pan e o Teito as tres principais demandas da xustiza do mundo, desaxustouse ata a insostibilidade coa “Moda Rápida” que envicia na catástrofe do “Consume, Refuga, Lixo” contra a esperanza do “Reduce, Reusa, Recicla”.

A Industria do Téxtil tamén estigmatiza o desaxuste do mundo con esa capacidade tan esencial do capitalismo moderno de ocultar os problemas. A maquinaria de publicidade e propaganda logra invisibilizar eficientemente dende a explotación infantil á laboral, ata a explotación, ou mellor dito colonización, dos países produtores no sur global.

Este desaxuste na localización e concentración da produción téxtil, por motivos tan interiorizados e asumidos na poboación privilexiada das democracias occidentais, provoca enormes problemas sociais, de saúde, económicos, morais e por suposto ambientais.

No desaxuste ambiental do mundo a industria téxtil é, detrás da petroleira, a segunda máis contaminante, segundo a Conferencia da ONU sobre Desenrolo e Comercio, UNCTAD. As emisións de CO2 á atmosfera da “Moda Sucia” son superiores ás que provocan os voos de todos os avións e os envíos marítimos internacionais xuntos. A contaminación máis alarmante non se produce no país onde se vende senón no país que se produce. As empresas da “Moda Sucia” consomen e contaminan auga, moitísima auga. Demasiados ríos son tinguidos con sustancias químicas para dar cor á túa roupa. Cultivos para a alimentación, son contaminados por tinguiduras tóxicas vertidas diariamente. A pegada ecolóxica do transporte. Aos impactos da industria téxtil hai que engadir os producidos durante a fase do uso do consumidor. As pezas non deberían desprender contaminantes ao lavalas, sen embargo, as fibras sintéticas convértense en microplásticos que tarde ou cedo terminarán no mar. Partículas de plásticos entran na cadea alimentaria causando tamén problemas na saúde humana. Toneladas de roupa chegan ao vertedoiro sen un destino sostible…

H&M Customer Services, con sede en Barcelona, non escapa do estigma, pois como denuncian seus traballadores a prioridade é rescindir contratos e aumentar a carga de traballo do persoal para a época do ano con máis vendas, sen novas contratacións no horizonte. A prioridade é denegar vacacións e horas de exceso, a prioridade é precarizar cada día máis. A prioridade é conxelar salarios, e ao que non lle guste, aí ten a porta. H&M aposta por un modelo de dixitalización agresiva que comezou con despedimentos masivos no verán de 2022, substituíndo postos de traballo pola implementación de sistemas de control de tempo e organización de tempo automatizados, que afectaron moi negativamente a conciliación da vida persoal e laboral e a saúde laboral das traballadoras.

A pretensión dos traballadores é a creación dunha mesa de negociación para abordar unha subida lineal para compensar a perda de poder adquisitivo que se arrastra desde a pandemia, a implantación de pluses polas novas tarefas que se cargan no persoal, a substitución do plus voluntario por un plus de responsabilidade non compensable nin absorbible entre outras medidas retributivas. Fronte ao aumento da intensidade e carga de traballo reclaman contratacións que cubran as baixas por continxencias comúns e excedencias. As contratacións non deben ser precarias, acabando coas contratacións temporais, e sendo substituídas estas por contratos fixo descontinuos. Tampouco contratacións parciais, convertendo os contratos existentes a tempo completo.

CGT ten previsto realizar unha serie de concentracións durante as próximas semanas e organizará unha manifestación en Barcelona para protestar pola dixitalización agresiva no sector do comercio téxtil, que está a afectar a toda a cadea de produción, desde as fábricas, a loxística, atención ao cliente, ou as tendas físicas. H&M anunciou un ERE que afecta a 28 tendas e máis de 600 persoas traballadoras.

CGT participou recentemente en encontros internacionais con outras organizacións sindicais en diversas empresas como H&M, INDITEX, IKEA ou PRIMARK, enfocados en afrontar de forma conxunta a dixitalización agresiva das grandes multinacionais do sector comercio téxtil.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *