VII Época - 28

FOLGA NO SECTOR BANCARIO

Fai un mes, nestas mesmas páxinas de La Campana informabamos sobre o enfrontamento da FESIBAC (Federación de Sindicatos de Banca de CGT) coa patronal AEB, Asociación Española de Banca, polas negociacións do XXV Convenio Colectivo de Banca. Moitos son os motivos polos que o enfrontamento continúa a día de hoxe. Dende a FESIBAC, sen restar importancia a outros, destacan a esixencia da supresión do artigo 5 do convenio que “compensa e absorbe calqueras melloras logradas polo persoal” e que faculta á patronal bancaria a conxelar o salario pola absorción e compensación dos incrementos salariais resultantes do propio Convenio. Non é de estrañar que este sexa un punto de partida substancial para calquera outra negociación, pois non ten sentido ningún negociar calquera incremento salarial se ao final vai ser absorbido en aplicación a este “maldito” artigo 5. Non tería, entón, sentido seguir co resto da táboa reivindicativa da FESIBAC en materia salarial que propón, ao conxunto da clase obreira do sector, loitar pola recuperación do 10% do poder adquisitivo perdido durante a vixencia do anterior convenio colectivo (2019-2023) e de incremento deste para o período 2024-2027, cunha subida salarial, non compensable nin absorbible, do IPC+1 cun chan do 5%. Para á CGT “non podemos asumir, que mentres a alta dirección sóbese as súas retribucións obscenamente e que mentres se destina cada vez maior porcentaxe dos beneficios á retribución do accionariado, os persoais continuemos perdendo poder adquisitivo ano tras ano, sen esquecer a crecente, constante e insoportable presión comercial á que nos vemos sometidas, precisamente para obter eses beneficios sen que se nos faga partícipes nin minimamente deles”, advertiu nun comunicado o pasado 27 de febreiro. Nese mesmo comunicado anunciábase que “FESIBAC-CGT acordou, unha vez realizado os comicios orgánicos requiridos nunha organización anarcosindicalista, convocar o próximo 22 de marzo folga propia de 24 horas no sector bancario”.

Este anuncio é a consecuencia lóxica da gravidade do momento que están a atravesar as empregadas e empregados bancarios e a súa demanda de accións contundentes tras corenta anos de paz social. Estas accións contundentes comezaron pouco a pouco e antes desta convocatoria de folga xa houbo outras anteriores como a manifestación centralizada do 8 de febreiro en Madrid, as manifestacións descentralizadas do 21 de febreiro en distintas provincias do Estado e os paros parciais convocados para o 26 de febreiro.

Así e todo, a CGT ten unha plataforma reivindicativa para este convenio baseada nas seguintes reivindicacións: Recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos. Subida salarial real, sen absorcións nin compensacións, acorde á inflación e aos beneficios empresariais. Participación en beneficios. Préstamos. Redución da xornada laboral. Conciliación da vida laboral e familiar. Saúde Laboral. Carreira Profesional.

Esta plataforma reivindicativa é a que se está a levar, por parte da CGT as reunións de negociación do XXV Convenio Colectivo do sector da banca. A sétima e última reunión celebrouse o 1 de marzo. A reunión foi aproveitada para unha concentración diante da porta da sede da patronal bancaria AEB para mostrar novamente o malestar existente entre os persoais do sector. Unha reunión que realmente non serviu para gran cousa, salvo para dar fe de que a AEB non acepta negociar nun escenario de mobilizacións laborais. Da prepotencia e desprezo aos dereitos laborais da AEB infórmanos a FESIBAC nun comunicado dese mesmo día “que agora nos veñan a dicir que non está disposta a seguir avanzando mentres non se desconvoque a folga sectorial prevista para o 22 de marzo. Unha hipotética desconvocatoria que, segundo esta, sería valorada como un xesto positivo de boa fe sindical” lemos no manifesto. Ante esta postura a FESIBAC interpreta, con bo criterio, que “os corenta anos de paz social evidencian que a patronal non está afeita a este tipo de accións lexítimas, recoñecidas como dereito fundamental nada menos que pola Constitución Española. É por iso, polo que tamén en xusta medida, debe aprender a negociar coa presión que lle supón a realización dunha folga laboral” e subliñan que “os bancos non entenderon o momento no que nos atopamos. Estamos ante un escenario de importantes perdas de poder adquisitivo para os persoais e á vez de beneficios históricos para as entidades. Beneficios que se pretenden, sen ruborizo algún, repartir exclusivamente entre o accionariado e a alta dirección”. A FESIBAC tamén está convencida de que a patronal erra na crenza de que as traballadoras non van secundar maioritariamente a folga polo que “non nos fai máis que reforzar a nosa idea de que imos polo bo camiño. E que aínda que non o queiran recoñecer, as mobilizacións efectuadas ata a data están a poñerlles nerviosos, polo exitosas das mesmas”.

Para finalizar este último comunicado, a FESIBAC segue o camiño marcado en función da insensatez patronal, polo que as consecuencias irán endurecéndose paulatinamente advertindo de “estamos ás portas das Xuntas Xerais de Accionistas, lugar onde a alta dirección sacará peito dos seus beneficios e onde, para o noso escarnio, aprobarán novos incrementos retributivos para as cúpulas, así como novos incrementos da porcentaxe de beneficios a repartir entre o accionariado. Será o momento apropiado para reforzar a nosa presenza tanto dentro, con intervencións, como fóra, con concentracións para afearlles o seu lamentable comportamento”.

Fonte: FESIBAC

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *