VII Época - 29

FRONTE AO ACOSO, RACHAR O ILLAMENTO E COMBATERMOS XUNTOS E XUNTAS

A pesar dalgunhas dúbidas interpretativas, a partir do pasado 2 de marzo de 2024, todas as empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras deberían contar cun catálogo planificado de medidas e recursos para acadar a igualdade real e efectiva das persoas LGTBI tamén no eido laboral, sendo por tanto esixible o cumprimento desta obriga legal recollida no artigo 15.1 da Lei 4/2023, de 28 de febreiro (publicada no BOE de 1 de marzo).

Malia estar pendente o desenvolvemento regulamentario desta lexislación e as apuntadas dúbidas interpretativas das que, de seguro, botarán man e usarán como argumento as empresas, estas normas volven a poñer en primeira liña o necesario combate contra o acoso laboral, tanto sexa o acoso por razón de xénero, o acoso sexual ou o acoso moral no eido do traballo.

Tanto o Estatuto dos Traballadores, no seu artigo 4, como diferentes normas mesmo con rango de Lei Orgánica, como a 3/2007 para a Igualdade efectiva entre mulleres e homes, resaltan a importancia de rematar coa violencia laboral, sexa física ou psicolóxica. Unha importancia que os traballadores e traballadoras coñecemos ben por ter sido e seguir aínda sendo, vítimas destas situacións que acotío atopamos e sufrimos nos nosos lugares de traballo.

Non deixa de ser preciso, por máis que xa o saibamos, lembrar unha vez máis que é o acoso laboral e que podemos facer como traballadores e traballadoras para enfrontalo. O acoso laboral prodúcese cando un traballador ou traballadora é vítima de condutas que lle supoñen a creación dunha contorna laboral intimidatoria e/ou humillante.

Se consideras que estás a sufrir esta situación no teu traballo, debes acudir aos teus representantes sindicais para que te podan asesorar, acompañar e apoiar. A existencia de seccións sindicais nas empresas e a súa implicación activa na loita contra estas situacións no eido laboral son unha ferramenta moi importante pois poden evitar a sensación de autoculpabilización e de illamento que sofren en moitas ocasións as vítimas de acoso. Ademais, contribúe a evitar posibles represalias empresariais logo de manifestar aos superiores e facer patente que estás a sufrir acoso no teu posto de traballo. Axudará esa organización dos traballadores na empresa a recolleitar probas: gravacións e fotografías, correos electrónicos, testemuñas, fotografías… incluso, partes de baixa e diagnósticos de persoal sanitario que te houbera atendido, por exemplo, ante situacións de ansiedade. Tamén na denuncia ante a inspección de traballo é convinte contar coa sección sindical e os servizos xurídicos da túa organización sindical. Pero, sobre todo, a súa actuación cimenta a idea de que se un ou unha de nos sufre acoso, todos e todas estamos a ser atacados, que se trata dun problema colectivo e que a nosa defensa tamén é e será colectiva.

As empresas deben contar cun protocolo contra o acoso laboral. Isto quere dicir que debe existir un plan contra o acoso que contemple todas aquelas medidas precisas para previr, evitar ou eliminar calquera tipo de acoso na empresa, sexa este acoso por razón de sexo, acoso sexual ou acoso moral. Así entendido, o seu obxectivo é rematar cuns comportamentos tóxicos e nocivos, asimilando os mesmos aos riscos laborais no eido da saúde laboral, no entendemento de que prexudican aos traballadores e traballadoras que sofren estes feitos e as súas consecuencias na empresa, que é responsable tanto do benestar físico como o psicolóxico dos traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos na empresa, mesmo que non sexan directamente os seus empregados, como nos casos de empregados e empregadas de subcontratas, cesión (legal ou ilegal) de traballadores e traballadoras, bolseiros e bolseiras, …

Lembremos que ese protocolo contra a violencia laboral non só abrangue a violencia física senón tamén a psicolóxica, e cumpre ademais, que inclúa con claridade e transparencia os mecanismos de denuncia e de sanción dos acosadores e acosadoras, como un procedemento de actuación que debe ser seguido ante unha situación de acoso, debendo ser informado todo o cadro de persoal de como debe ser a súa actuación neste escenario, non só se son vítimas, senón tamén se son testemuñas, así como o xeito de denunciar os feitos.

Normalmente as condutas de acoso soen resolverse no eido do dereito do traballo, na xurisdición social, mais tamén poden ser obxecto de controversia xudicial na vía civil e na vía penal. Neste último caso, por seren conductas de acoso constitutivas de delito, como recolle o Código Penal no seu artigo 173.1 no que se contempla o delito contra a integridade moral dirixido a quen infrinxira a outra persoa un trato degradante, menoscabando a súa integridade moral. Este artigo establece que será castigado coa pena de prisión de seis meses a dous anos, e engade que coa mesma pena serán castigados os que, no eido de calquera relación laboral ou funcionarial e prevaléndose da súa relación de superioridade, realicen contra outro de xeito reiterado, actos hostís ou humillantes que, sen chegar a constituír trato degradante, supoñan grave acoso contra a vítima.

Pero todas as respostas xurídicas serán insuficientes se non lembramos que neste réxime capitalista nos queren encapsulados nun individualismo autodestrutivo e cruel, que culpabiliza á vítima e agocha aos verdadeiros responsables da nosa situación de precariedade, angustia… Sabemos que nisto e en moitas outras cousas este capitalismo non é moi diferente daquel que enfrontaron os traballadores e traballadoras que comezaron a organizarse a finais do século XIX e principios do século XX. Non hai dúbida de que os poderosos teñen aprendido que impedir a todo prezo a nosa autoorganización e a cooperación entre os traballadores e traballadoras é o obxectivo que deben conquerir.

Por iso, pulan por nos manter illadas e soas, precarios e esfameados, fráxiles e desprotexidos, enfrontadas e desorganizadas, mirando de esguello ao noso compañeiro e compañeira, mudas e invisibles unhas para as outras e carentes da protección que, sabémolo ben, proporciona a compaña solidaria e fraternal, o apoio que damos e recibimos daquelas que sofren as mesmas penurias e angustias ca nos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *