VII Época - 35

DIVERSOS XEITOS DE DAR UN PASO ADIANTE

Como xa vos temos informado o conflito estase a estender nas empresas do sector TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación) debido ao padecemento dun problema común, a perda do poder adquisitivo dos traballadores acompañados dun incremento exponencial dos beneficios empresariais. Precedendo ao 1 de Maio, os días 29 e 30 de abril estaban convocados un total de 15.000 traballadores das distintas sedes de Tecnilógica e DXC espalladas por todo o territorio estatal. Para a CGT, convocante da folga, esta foi unha “Nova demostración masiva de reivindicación. Os traballadores e traballadoras de Tecnilógica, Informática de Euskadi e Energuía Web realizamos folga contra a postura autoritaria dos directivos de Accenture e polo poder adquisitivo que estamos a perder os últimos anos”.

            Dende a FESIBAC informan que a folga causou numerosos problemas á empresa “As incidencias novamente repetíronse, xerando colas e desatención. En múltiples proxectos tiveron paros completos en moitos departamentos con afectación a Ministerios ou distribución de enerxía, deixando moitos casos sen atender”.

            O escrito publicado pola FESIBAC e polos traballadores no primeiro dos dous días de folga di unhas cantas verdades que convén lembrar “Queremos lembrar que ninguén vai herdar a empresa. Traballar con afán para solucionar os problemas causados pola participación de compañeiros na folga é tirarse pedras no propio tellado”, e engaden coa mesma lucidez e claridade “Para ser tidos en conta nestes momentos non hai outro camiño que unirse á folga. Quen sosteña que se vai a producir un cambio para todo o persoal sen ter que moverse, mente e é só un peón de RRHH”.

            O seguimento masivo concretouse do seguinte xeito “En Bilbao produciuse unha manifestación masiva polo centro da cidade, en Madrid unha numerosa concentración fronte a sede de Madrid Dixital. Xunto aos nosos compañeiros de DXC, baixo un temporal de choiva realizáronse concentracións na sede de Caixabank en Barcelona, con declaracións a medios de comunicación, e Girona, en Zaragoza unha manifestación finalizou en Praza España onde se atendeu a Televisión e diferentes radios e prensa escrita. En Avilés, con compañeiros da oficina de Xixón, houbo unha empapelada en clientes da compañía e unha concentración na Praza do concello. En León e A Coruña contaron tamén con máis concentracións de traballadores que permitiron visualizar o problema”.

Pola súa banda, tamén precedendo ao 1 de maio, nun acto simbólico, pero a vez fermoso e contundente, un centenar de compas cataláns ocuparon a Sede de Foment del Traball Nacional, é dicir, a sede da patronal, na barcelonesa e céntrica vía Laietana. Este mesmo edificio fora incautado pola CNT-FAI en 1936, converténdoo na súa sede ata a derrota na guerra civil.

A acción de denuncia apremeu á patronal para que ceda ás reivindicacións dos traballadores en loita polo aumento dos salarios en consonancia co IPC. Tras alcanzar o segundo piso depregáronse a anarcosindicalista bandeira vermella e negra e a bandeira Palestina. Uns dos compas reivindicou, megáfono en man, desde o balcón principal, “estamos fartas de deixarnos a pel no traballo, de traballar 40h semanais por non poder chegar a final de mes nin podernos pagar un alugueiro digno”.

            Ademais denunciaron as 722 mortes en accidente laboral en 2023 e a necesidade da redución da xornada laboral a 30 horas “hai moitos anos que conseguimos a xornada de 40h, agora que a tecnoloxía, a dixitalización e os medios produtivos teñen avanzado, é o momento de por sobre a mesa a redución da xornada laboral sen redución salarial en todos os centros de traballo».

            Antes de marchar lembraron que indepen-dentemente de quen goberne, «é o poder económico con tentáculos a toda a política quen realmente manda»

            Despois de deixar todo o edificio cheo de adhesivos e octavillas, acenderon uns botes de fume vermello e negro e marcharon tranquilamente, baixo a atenta mirada de diferentes patrullas dos mossos d’esquadra.

            Na octavilla podía lerse “Facemos un chamamento a construír unha forza autónoma independente de todo partido político e de todo poder económico e continuar construíndo unha organización que vele verdadeiramente polos intereses que temos como clase. Unha forza independente de clase que pare os pés aos empresarios usureiros que se enriquecen sen límites a expensas da nosa suor e precariedade.

            Unha organización que hoxe nos defenda, pero que mañá pase á ofensiva e á construción dun proxecto social baseado na xustiza e a igualdade, sen explotados nin explotadores.

            E é no conflito diario e nas vitorias que arrincamos á patronal e os gobernos, onde vaiamos sumando máis e máis traballadoras ao proxecto do anarcosindicalismo, agregando forza anticapitalista e organizando un mañá de xustiza”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *